Asturias
Iniciativa pol Asturianu celebra a quinta edición do Día da Lingua Asturiana

A entidade Iniciativa pol Asturianu celebrou na Feira Internacional de Mostras de Asturias (FIDMA), en Xixón, a quinta edición do Día da Llingua Asturiana. A xornada incluíu actividades culturais e divulgativas, música, visitas guiadas, propostas infantís, gastronomía e a proxección dun documental. O programa tamén incorpora un coloquio sobre os 15 anos de traxectoria da organización e remata coa celebración do aniversario da entidade.
Fonte: Europapress
Asturias ofrecerá cursos a distancia de asturiano e eonaviego aos centros asturianos no exterior
A Consellaría de Cultura, Política Llingüística e Deporte do Principado e a Federación Asturiana de Concellos puxeron en marcha cursos en liña de asturiano e eonaviego para os centros asturianos de diferentes países.
Fonte: Asturias Exterior
Por vez primeira, un exame de oposición ten como lingua principal o asturiano
O Principado empregou por primeira vez o asturiano como lingua principal nunha proba selectiva para cubrir tres prazas de filoloxía no Servizo de Planificación e Normalización Lingüística. A decisión, amparada pola Lei de uso de 1998 e coherente coas funcións dos postos, suscitou críticas ao non figuraren expresamente nas bases as condicións lingüísticas do exame. O proceso abre un precedente na incorporación efectiva do coñecemento do asturiano ao acceso ao emprego público.
Fonte: InfoAsturies
Oviedo acolle un congreso da Asociación de Linguas e Culturas Ameazadas de Europa que reivindica a oficialidade do asturiano
Máis de corenta especialistas de varios países reúnense en Asturias para analizar os desafíos que afrontan as linguas e culturas minorizadas de Europa. O encontro, organizado pola Asociación de Linguas e Culturas Ameazadas de Europa, permite compartir experiencias e reivindicar medidas de protección e normalización. Case catro décadas despois da súa primeira defensa pública, o congreso volve reclamar a oficialidade do asturiano.
Fonte: RTPA
A Universidade Asturiana de Verán organiza un curso sobre IA aplicada ao ensino do asturiano
A UABRA ofrece por segundo ano unha programación estival centrada na lingua asturiana. As 50 persoas matriculadas poderán formarse no uso da intelixencia artificial aplicada á creación de materiais didácticos nesta lingua, así como preparar o nivel C1 para as probas de outubro ou afondar na presenza do movemento obreiro na literatura asturiana.
Fonte: RTPA
A lingua asturiana e o eonaviego logran o recoñecemento de especialidade docente
O Principado de Asturias e o Ministerio de Educación acordaron crear a especialidade docente de lingua asturiana e eonaviego, unha reivindicación histórica que permitirá convocar prazas e reducir a precariedade dun profesorado marcado pola interinidade. A medida tamén reforzará a presenza destas linguas no ensino, nun contexto no que a matrícula medrou un 34,2 % e superou as 30.000 persoas no último curso.
Fonte: Principado de Asturias
A futura lei de bibliotecas de Asturias non garante a presenza da produción editorial en asturiano
Asturias avanzou cara á súa primeira Lei de bibliotecas e fomento da lectura, coa creación dun sistema bibliotecario propio e novas ferramentas de planificación e coordinación. O proxecto reforza a rede pública e reduce a 2000 habitantes o limiar para dispor de biblioteca, aínda que prevé alternativas para os concellos máis pequenos. Porén, o texto non inclúe medidas específicas para garantir a presenza de libros en asturiano nin para visibilizar a produción literaria do país. A tramitación parlamentaria abrirá agora a porta a emendas que determinen se a futura norma recoñece expresamente o papel das bibliotecas na protección da lingua asturiana.
Fonte: InfoAsturies
PuntoGal e a asociación Axuntar colaborarán para impulsar o galego de Asturias

PuntoGal e Axuntar asinaron un convenio para reforzar a promoción, normalización e difusión do galego de Asturias, falado na comarca do Eo-Navia. O acordo inclúe o patrocinio dos Premios Folgueira 2026, a colaboración na reedición das normas ortográficas de 1990 e a cesión dun dominio .gal para a entidade asturiana. A colaboración busca visibilizar o galego de Asturias, fortalecer a súa presenza dixital e apoiar materiais formativos para quen queira afondar nesta variedade lingüística.
Fonte: Código Cero
O profesorado de asturiano reclámalle ao Ministerio de Educación o recoñecemento da súa especialidade docente
Profesorado de Lingua Asturiana e Galego-Asturiano concentrouse en Oviedo, xunto con familias, sindicatos e entidades de defensa lingüística, para reclamar ao Ministerio de Educación o recoñecemento da súa especialidade docente. A Asociación de Docentes de Asturiano e Eonaviego denuncia que a falta de avances mantén unha situación de discriminación e inseguridade laboral que se arrastra desde hai décadas.
Fonte: La Voz de Asturias
Oviedo acolle unha manifestación a prol da oficialidade do asturiano
Miles de persoas participaron en Oviedo nunha manifestación convocada para reclamar a oficialidade do asturiano e do eonaviego. Representantes do Goberno do Principado e de forzas favorables á oficialidade reiteraron o compromiso de seguir traballando pola normalización e pola protección efectiva das linguas propias de Asturias.
Fonte: Nortes
Boletín
Subscríbase ao boletín