Asturias
As escolas oficiais de idiomas de Asturias ofertarán por primeira vez o ensino da lingua asturiana
O Goberno do Principado oferta por primeira vez o ensino de lingua asturiana nas escolas oficiais de idiomas, que comezará este curso 2025-2026 na EOI de Oviedo. A convocatoria, xa aberta, prevé catro grupos presenciais para os niveis A1, A2, B1 e C1, cun máximo de 25 estudantes por aula, e incorporará o nivel B2 o vindeiro ano.
Fonte: Gobierno del Principado
O Tribunal Superior de Xustiza de Asturias anula o Plan de normalización lingüística de Xixón
O Tribunal Superior de Xustiza de Asturias confirmou a anulación do Plan de normalización lingüística de Xixón ao desestimar o recurso do Concello contra a sentenza do pasado maio. A decisión, adoptada por cinco maxistrados, considera nulo o proxecto por carecer de cobertura legal e de memoria económica ou informes técnicos.
Fonte: El Diario
Unha asociación reclama para o galego de Asturias un modelo educativo homologado como o do Bierzo
A asociación Axuntar denuncia que o Goberno asturiano está a marxinar o galego falado en 18 concellos da zona occidental, tras a modificación do currículo de idiomas que deixa pendente a súa regulación oficial. Reclama un plan de formación similar ao do Bierzo para garantir certificacións oficiais e formación adecuada, mantendo as particularidades da variante local.
Fonte: Nós Diario
Dúas mozas de Xixón poñen en marcha o proxecto Asturxules para promover o asturiano entre a mocidade

Dúas filólogas de Xixón crearon Asturxules, un proxecto dixital que busca preservar e difundir o asturiano entre a mocidade a través das redes sociais. O perfil de Instagram ofrece contido rigoroso e documentado, que combina cultura e lingua, e xa conseguiu atraer a miles de seguidores/as. A iniciativa naceu da súa experiencia como normalizadoras lingüísticas e da intención de chegar a novas xeracións.
Fonte: La Voz de Asturias
Un novo volume da colección Toponimia céntrase na parroquia de Rales, situada en Villaviciosa
A Academia da Lingua Asturiana publicou o volume 145 da súa colección Toponimia, dedicado á parroquia de Rales, en Villaviciosa, que inclúe os nomes tradicionais de lugares grandes e pequenos do territorio. O estudo de Xavier Cayao Valdés recolle a memoria oral da poboación e achega descricións concisas da xeografía local.
Fonte: InfoAsturies
O novo Portal de Transparencia do Goberno do Principado contará cunha versión en asturiano
Nas vindeiras semanas publicarase unha versión íntegra en lingua asturiana do novo Portal da Transparencia, un feito que, ademais de mellorar a inclusión, reforza o compromiso do Goberno coa súa cultura e identidade.
Fonte: Asturias Mundial
O Goberno de Asturias impulsa un recoñecemento lingüístico para o sector empresarial

A Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte impulsará este ano o distintivo Alfaya, un recoñecemento ao compromiso empresarial co asturiano e o eonaviego, con tres niveis de adhesión segundo o grao de implicación. A marca nace coa colaboración da asociación EPPA e complétase con catro liñas de axudas públicas por valor de 450 000 euros para apoiar accións de normalización lingüística no sector empresarial.
Fonte: Principado de Asturias
Preséntase unha nova edición de Falamos, o programa de ensino das linguas de Asturias para a poboación adulta

O programa Falamos, impulsado pola Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte, amplía a súa oferta con 15 cursos semipresenciais de asturiano e eonaviego. A iniciativa, que combina formación presencial e en liña, busca promover o uso social das linguas propias e conta cunha participación acumulada de 1410 persoas.
Fonte: El Diario de Asturias
O Goberno do Principado traballa no decreto que incluirá por primeira vez o ensino do asturiano no segundo ciclo de Infantil
A Consellería de Educación prevé incorporar, por primeira vez, o ensino do asturiano e do eonaviego no segundo ciclo de Educación Infantil. Esta aprendizaxe, de carácter voluntario para o alumnado, deberá ofrecerse en todos os centros. Máis do 60 % das crianzas matriculadas en colexios públicos xa optou por esta formación. A Administración comprométese a fomentar a lingua asturiana, facilitar materiais pedagóxicos e reforzar o profesorado onde for necesario. Tamén volverá solicitarlle ao Ministerio de Educación a creación da especialidade docente de asturiano.
Fonte: Principado de Asturias
A Feira Internacional de Mostras de Asturias 2025 dálles visibilidade un ano máis ás empresas comprometidas co asturiano
Iniciativa pol Asturianu consolida a súa presenza na Feira Internacional de Mostras de Asturias 2025 cun espazo propio que reúne numerosas empresas que empregan o asturiano na súa actividade. A entidade busca amosar o potencial económico e social desta lingua, organizando tamén actos culturais e un día dedicado ao asturiano en homenaxe ao escritor Xuan Bello. Promóvese ademais unha campaña para captar persoas socias, entregando un dicionario como agasallo. O obxectivo é reforzar o prestixio do asturiano como motor de riqueza e identidade.
Fonte: La Voz de Asturias
Boletín
Subscríbase ao boletín