Asturias

A Consellería de Cultura do Principado convoca axudas para promover o uso do asturiano e o eonaviego

O Goberno de Asturias aprobou dúas liñas de axudas, cunha dotación de 230.000 euros, para promover o uso do asturiano e do eonaviego en proxectos culturais e nos medios de comunicación. A primeira destínase a iniciativas empresariais e sen ánimo de lucro de interese social e lingüístico, mentres que a segunda apoia a produción de contidos informativos nestas linguas. As convocatorias valoran a calidade lingüística, a innovación, a perspectiva de xénero e a vinculación co medio rural.

Fonte: Principado de Asturias

Asturias

Xa está aberto o prazo de matrícula para un novo curso dos niveis B1-B2 de asturiano

A Academia da Lingua Asturiana abriu a inscrición nun novo curso de asturiano de nivel intermedio, axustado ao Marco Común Europeo de Referencia, que se desenvolverá entre febreiro e maio. A formación combinará sesións presenciais e traballo autónomo, cun enfoque comunicativo centrado no uso oral e escrito da lingua. O programa abranguerá contidos lingüísticos, literarios e sociolingüísticos, organizados en varios módulos.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Xa se coñece o resultado da votación popular para escoller a mellor noticia do ano para o asturiano

A incorporación do ensino regrado do asturiano e do eonaviego no segundo ciclo de Educación Infantil foi elixida como a mellor nova para a lingua asturiana en 2025. A iniciativa, apoiada maioritariamente pola cidadanía, supón un avance clave na transmisión xeracional do idioma. Empataron en segunda posición estoutras novas: o ensino do asturiano na Escola Oficial de Idiomas de Oviedo e a estrea dunha serie de debuxos animados na TPA dobrados a esta lingua.

Fonte: Iniciativa pol Asturianu

Asturias

Preséntanse alegacións á futura lei de cultura de Asturias pola exclusión do patrimonio lingüístico do Principado

Iniciativa pol Asturianu presentou alegacións á futura Lei de cultura e identidade do Principado de Asturias ao detectar carencias graves no tratamento das linguas propias. A entidade critica que o borrador ignore o asturiano e o eonaviego, tanto no contido como na lingua de redacción. Reclama vincular de maneira explícita lingua e cultura na norma e recoñecer o valor do patrimonio lingüístico.

Fonte: Iniciativa pol Asturianu

Asturias

Xa está aberta a votación para escoller a mellor noticia do ano 2025 para a lingua asturiana

Iniciativa pol Asturianu puxo en marcha unha nova edición da votación popular para escoller a mellor noticia a prol do asturiano do último ano, unha campaña activa desde 2013 para visibilizar avances a favor da lingua. A entidade destaca que a iniciativa permite facer balance do traballo realizado por diferentes colectivos e institucións e reforzar o compromiso social coa normalización lingüística.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

O Principado presenta a súa nova marca lingüística para poñer en valor o uso da lingua asturiana no ámbito empresarial

O Principado puxo en marcha Alfaya, unha marca lingüística creada para recoñecer as empresas que incorporan o asturiano e o eonaviego na súa comunicación e no seu funcionamento cotián. A iniciativa pretende reforzar a presenza destas linguas no ámbito económico e dignificar o seu uso asociándoo á innovación e á identidade cultural. A través deste selo, promóvese unha rede empresarial comprometida coa normalización lingüística e co valor engadido que achega a lingua propia á actividade profesional.

Fonte: RTPA

Asturias

A palabra «negacionismu» convértese e neoloxismo do ano 2025 en asturiano

A Academia da Lingua Asturiana escolleu «negacionismu» como neoloxismo do ano 2025 tras unha votación popular, co compromiso de incorporalo ao seu dicionario normativo. O termo impúxose a outras propostas e define a actitude de rexeitar de maneira infundada feitos comprobados e consensos científicos. A iniciativa busca visibilizar novas realidades sociais e actualizar o léxico do asturiano con palabras xa presentes no uso.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Increméntase, por cuarto ano consecutivo, a matriculación en asturiano no novo curso escolar

A Consellería de Educación rexistrou neste curso un aumento do 34,2 % na matrícula de asturiano e eonaviego, ata chegar a 30.782 estudantes, unha suba continuada por cuarto ano seguido e impulsada sobre todo pola incorporación voluntaria da lingua no segundo ciclo de Infantil. Nesta etapa superouse o 48 % de participación, mentres que en Primaria, Secundaria e Bacharelato se mantivo unha lixeira tendencia á alza no conxunto do alumnado. O Goberno asturiano salientou que estes datos reflicten un maior recoñecemento social e educativo da lingua propia, reforzado tamén pola estrea do ensino de asturiano nas Escolas Oficiais de Idiomas e pola elaboración de novos materiais didácticos para todas as etapas.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

Convócase un certame de microrrelatos en lingua asturiana

A plataforma Crónicas d’Asturies abriu a convocatoria da cuarta edición do seu certame anual de microrrelatos en asturiano, que ofrece un premio de 300 euros en libros. Os participantes poden presentar un único microrrelato ambientado en Asturias e escrito en asturiano en calquera das súas variedades.

Fonte: Europapress

Asturias

Anúncianse os gañadores dos Premios Folgueira 2025, uns galardóns que recoñecen persoas e institucións comprometidas co galego de Asturias

A asociación Axuntar anunciou os gañadores dos Premios Folgueira 2025, que recoñecen o compromiso coa promoción do galego en Asturias. O premio principal concedeuse ao xornalista Xabier Fortes López polo seu apoio mediático á lingua, mentres que o Premio Folgueira de Honra recaeu no profesor Antonio José Meilán García, referente nos estudos do galego do Eo-Navia. Estes galardóns visan dignificar o galego e destacar persoas e institucións que loitan pola súa preservación e visibilidade.

Fonte: Nós Diario

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder