Castela e León
O Instituto Leonés de Cultura elabora unidades didácticas sobre o galego para centros educativos bercianos

O Instituto Leonés de Cultura (ILC) elaborou unidades didácticas sobre a lingua galega destinadas a máis de 200 colexios da provincia de León, especialmente no Bierzo Oeste, para preservar e fomentar o uso deste idioma. Estas unidades, adaptadas a diferentes niveis educativos, inclúen recursos como contos, xogos e cancións baseadas no galego local. A iniciativa busca promover a identidade cultural da comarca e complementar outras accións de protección lingüística impulsadas polo ILC.
Fonte: El Bierzo Digital
Denuncian a marxinación do galego por parte do Instituto Leonés de Cultura
O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presentou unha queixa ante o Procurador do Común de Castela e León denunciando a marxinación do galego por parte da Deputación de León e do Instituto Leonés de Cultura. Critican a ausencia de apoio institucional á lingua galega en publicacións, actividades culturais e sinalización, malia estar recoñecida polo Estatuto de Autonomía e normativas internacionais. Solicitan un cambio nas políticas culturais e administrativas para garantir o cumprimento da lexislación lingüística vixente.
Fonte: Bierzo Diario
Unha iniciativa busca reforzar a identidade lingüística da comarca de Sanabria
A Asociación Criosanabria lanzou unha campaña para promover o uso do senabrés na comarca de Sanabria. A iniciativa consiste na distribución de carteis nesta lingua nos establecementos locais, co obxectivo de reforzar a identidade lingüística da rexión e preservar unha lingua en perigo de extinción segundo a Unesco, así como fomentar o seu uso na vida cotiá.
Fonte: Zamora News
A Universidade de Burgos crea unha aplicación virtual para facilitar a aprendizaxe do español a persoas estranxeiras

PronunciAPP é unha nova aplicación desenvolvida pola Área de Lingua Española en colaboración con Ítaca e está dispoñible de balde en Play Store. Busca simplificar a aprendizaxe do español mediante a visualización de aspectos anatómicos esenciais para a articulación da fala a través dun modelo interactivo que mellora a comprensión da fonética e a fonoloxía.
Fonte: Fundéu
Alumnado estranxeiro participa nun curso de español en León
O Centro de Idiomas da Universidade de León acollerá o Curso de Verán de Lingua e Cultura Españolas en que participan preto dun centenar de estudantes internacionais procedentes dunha importante selección de países como, por exemplo, Casaquistán, India, Senegal, Marrocos, Rusia, Palestina, Estados Unidos ou Singapur.
Fonte: Ileón
Un novo volume recolle a riqueza lingüística e cultural de Zamora
O último número da colección da Biblioteca de Cultura Tradicional Zamorana, titulado El Lumbreiru, inclúe tradicións orais da provincia en risco de desaparición.
Fonte: Zamora News
O colectivo Fala Ceibe critica que a lei de patrimonio cultural de Castela e León ignora o galego do Bierzo
Segundo esta asociación, a lei ignora a presenza do galego no Bierzo, unha lingua que nin se menciona, e só fai referencia ao patrimonio lingüístico pero sen concretar a regulación xurídica.
Fonte: Bierzo TV
A campaña de dinamización lingüística «Aquí tamén se fala galego» chega a Ponferrada

O Instituto Lauro Olmo do Barco de Valdeorras levou a iniciativa «Aquí tamén se fala galego» a unha librería de Ponferrada, que exhibe na súa entrada o cartel da campaña.
Fonte: La Región
O colectivo Fala Ceibe do Bierzo demanda a presenza do galego na exposición «Las Edades del Hombre»
A exposición «Las Edades del Hombre» chegará a Vilafranca no mes de xuño. Por este motivo, o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo reclama a presenza do galego na mostra a través dunha campaña en redes sociais para que os internautas se sumen a esta petición.
Fonte: Bierzo Diario
A asociación Criosanabria organiza un concurso literario para revitalizar o senabrés
Baixo o lema «Senabrés, a nuesa llengua», convócase un concurso de relatos en senabrés que ten como obxectivo poñer en valor esta lingua, variante do asturleonés, e fomentar o seu uso.
Fonte: Zamora News
Boletín
Subscríbase ao boletín