Cataluña
O Diario Oficial da Generalitat de Cataluña publica preto dun cento de novos termos cataláns normalizados
O Termcat acaba de incorporar 92 novos termos cataláns ao seu repertorio normativo, que abranguen ámbitos como as TIC, a zooloxía, a economía e a comunicación. Destacan os conceptos ligados á intelixencia artificial, os nomes das especies de morcegos e novas formas na linguaxe inclusiva e clara.
Fonte: Diari de la Llengua
Increméntase o alumnado dos cursos de catalán da Universidade Pompeu Fabra
O número de persoas que deciden estudar catalán na Universidade Pompeu Fabra medrou un 15 % no curso 2024-2025. Este interese ascendente, que se mantén desde hai cinco anos, reflicte o éxito das políticas de acollida lingüística e cultural da universidade, así como o compromiso por ampliar a formación en catalán para toda a comunidade académica.
Fonte: Diari de la Llengua
Increméntase o persoal do Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña
O Goberno de Cataluña aprobou o reforzo do Departamento de Política Lingüística cun total de 41 novas prazas para tres anos. Este incremento estrutural e temporal servirá para executar as medidas do Pacto Nacional pola Lingua e para potenciar o uso do catalán nas tecnoloxías da lingua e no ámbito dixital, así como para ampliar os servizos das unidades actuais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Barcelona contará cun espazo virtual para denunciar vulneracións dos dereitos lingüísticos

O Pleno do Concello de Barcelona acordou crear caixa do correo virtual polo catalán, na que a veciñanza poderá denunciar vulneracións dos seus dereitos lingüísticos, e ampliar a oferta de cursos e prazas para aprender esta lingua.
Fonte: El Nacional
O Goberno español convoca axudas para a promoción do aragonés e o catalán de Aragón
Ante a redución do apoio institucional ás linguas propias de Aragón por parte do actual goberno autonómico, o executivo estatal aprobou axudas para fomentar o catalán e o aragonés. Ao tempo, a Universidade de Zaragoza e a Academia Aragonesa da Lingua asinaron un convenio para promover, normalizar e protexer estes idiomas mediante accións culturais, educativas e tecnolóxicas.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat crea 25 bolsas para formar profesionais en lingua catalá
O Departamento de Política Lingüística abriu unha nova liña de bolsas para o curso 2025-2026, co obxectivo de captar novo talento e aumentar o número de profesionais titulados en filoloxía catalá e en estudos occitans.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat lanza axudas para organizar cursos gratuítos de catalán
Co fin de incrementar a oferta total de prazas para aprender catalán, a Generalitat de Cataluña abriu unha nova liña de axudas dirixida a concellos pequenos, consellos comarcais e entidades sen ánimo de lucro para ofrecer cursos gratuítos de catalán para adultos nos niveis A1 e A2 para o curso 2025-2026.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Pecha a Escola Catalá de Dobraxe tras máis de dúas décadas formando profesionais da voz
Despois de 22 anos de actividade, a Escola Catalá de Dobraxe anuncia o seu peche. A entidade foi pioneira na formación de actores e actrices de dobraxe en catalán e deixa tras de si unha xeración de profesionais que traballan no sector audiovisual. A falta de apoio institucional e a precariedade do sector contribúen á súa clausura.
Fonte: Diari de la Llengua
A Semana do Libro en Catalán presenta o programa da súa nova edición
A 43ª edición da Semana do Libro en Catalán celebrarase nun novo emprazamento cunha programación de récord que inclúe 93 casetas, 312 expositores e 300 actividades. Promovida polo Departamento de Política Lingüística, a feira incorporará novos espazos dedicados á conversa, á lectura, ás familias e a outros ámbitos.
Fonte: Diari de la Llengua
Denuncian en Cataluña a non aplicación da lei do cinema en catalán
Ao se faceren 15 anos da Lei 20/2010 do Cinema, a Plataforma pola Lingua alerta que, por falta de regulación e sancións, esta norma non se aplica, deixando o cinema en catalán nunha situación “de precariedade absoluta”. Aínda que a lei esixía inicialmente que o 50 % dos filmes comerciais se proxectasen en catalán (reducido ao 25 % en 2017), en ningún caso se atinxiron estes niveis.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín