Cataluña
A entidade Accent Ober analizará a situación da lingua catalá no ecosistema dixital
Accent Obert someterá nas vindeiras semanas os principais modelos de intelixencia artificial a probas de catalán para avaliar a súa competencia na cultura propia e elaborar unha clasificación pública. A entidade, que cualifica de positiva a presenza da lingua no ecosistema dixital, advirte con todo que cómpre garantir respostas construídas desde un marco cultural catalán. O diagnóstico destaca o crecemento de contidos en redes e a ampla oferta de webs e aplicacións en catalán, aínda que sinala carencias en ámbitos como a automoción e os electrodomésticos intelixentes.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat de Cataluña propón que na modificación do regulamento de estranxeiría se valore a aprendizaxe das linguas oficiais
A Generalitat de Cataluña celebrou unha reunión de seguimento do Pacto Nacional pola Lingua, na que se fixo balance das medidas adoptadas desde a súa sinatura. Un dos principais anuncios foi a proposta para que o coñecemento do catalán conte na renovación do permiso de residencia. Esta iniciativa busca reforzar a integración lingüística como ferramenta de cohesión social, permitindo que as comunidades autónomas organicen o proceso de acreditación lingüística segundo as súas competencias.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña convoca axudas destinadas á dobraxe e á subtitulación en catalán
O Departamento de Política Lingüística abre o prazo para solicitar axudas destinadas á dobraxe e á subtitulación en catalán de longametraxes de estrea en salas comerciais, co fin de ampliar a oferta audiovisual nesta lingua. En 2025 subvencionáronse 85 títulos, entre eles varias das producións máis vistas do ano no conxunto do Estado. A convocatoria inscríbese nunha estratexia máis ampla para reforzar a presenza do catalán no ámbito audiovisual.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña reforza o sector dos xogos de mesa en catalán

O Departamento de Política Lingüística impulsou nos tres últimos anos a presenza do catalán no ámbito dos xogos de mesa mediante unha liña de axudas que permitiu incorporar esta lingua a 119 títulos. Tras dúas convocatorias xa materializadas, a terceira facilitará que en 2026 vexan a luz 58 novas propostas, con temática diversa e pensadas para públicos de todas as idades. A iniciativa pretende reforzar o uso social do catalán no lecer e consolidar a súa presenza nun sector cultural de forte impacto interxeracional.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A revista científica The Conversation xa conta con edición en catalán

The Conversation, iniciativa xornalística sen ánimo de lucro que divulga investigación científica, incorpora o catalán á súa rede internacional a través de La Conversa. A nova edición nace coa finalidade de poñer en valor a produción académica en catalán e contribuír ao debate público sobre os grandes desafíos contemporáneos. Ademais de publicar artigos orixinais semanais, ofrecerá traducións doutras edicións, co que se combinará perspectiva local e proxección global.
Fonte: Universitat de València
O programa formativo de catalán para profesionais sanitarios redeséñase para axustarse ás súas necesidades e horarios
A terceira edición do programa «Prescriu-te el català» renovará o seu deseño para adaptarse mellor ás necesidades do persoal sanitario e reducir o abandono formativo. A iniciativa ofrecerá 1600 prazas cun formato modular e flexible, con formación, integramente en liña e centrada en situacións reais da práctica asistencial. O obxectivo é reforzar o uso do catalán no sistema sanitario público e garantir unha atención de calidade respectuosa cos dereitos lingüísticos da cidadanía.
Fonte: Diari de la Llengua
O grupo Público lanza un diario dixital en catalán

Públic dá un paso adiante e convértese nun medio dixital en catalán con identidade propia e deixa de ser unha simple sección dentro de Público. Baixo a dirección de Ferran Espada e co respaldo editorial do grupo, o proxecto estréase en diaripublic.cat coa vontade de ampliar contidos e ambición informativa. A aposta procura responder á demanda de xornalismo de calidade en catalán nun contexto no que o uso social da lingua retrocede, ao tempo que medra a procura de relatos rigorosos e próximos. O novo portal ofrecerá información política, social, económica e cultural, ademais de opinión, con cobertura catalá, estatal e internacional.
Fonte: Extra Digital
Preséntase o balance do Plan de impulso do catalán coa exposición de datos sobre usos lingüísticos e accións desenvolvidas
A Generalitat presentou os resultados do Plan de impulso do catalán desenvolvido entre 2023 e 2025, orientado a frear o retroceso no uso desta lingua. O balance salienta avances na formación, na sensibilización e na consolidación do catalán como lingua habitual na Administración, pero amosa unha perda relativa de uso, malia aumentar o número de persoas con coñecementos da lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Olot pon en marcha unha campaña para impulsar o uso do catalán no sector comercial da cidade

O Concello de Olot impulsou unha campaña para reforzar o uso do catalán no comercio local, cun balance amplamente positivo. A maioría dos establecementos adapta xa a sinalización, a documentación e a atención á clientela á normativa vixente. O seguimento e o asesoramento personalizado permitiron corrixir máis da metade das incidencias detectadas inicialmente. As melloras resultan especialmente visibles en varios sectores comerciais, aínda que persisten dificultades puntuais nalgúns ámbitos. A iniciativa evidencia unha elevada disposición do tecido comercial para cumprir a normativa e ofrecer un servizo máis próximo e inclusivo.
Fonte: Diari de la Llengua
Descende o uso social do catalán en contextos como as amizades ou o fogar
Segundo a Enquisa de Usos Lingüísticos da Poboación (2023), o catalán perdeu presenza social desde 2003 e deixou de ser maioritario en diferentes ámbitos, con retrocesos claros nas amizades, no fogar, no comercio, na banca e na atención sanitaria. O uso exclusivo do catalán baixou de forma marcada e medrou o peso doutras linguas, ao tempo que aumenta a identificación simultánea con catalán e castelán. A enquisa tamén amosa que só unha minoría mantén o catalán cando a outra persoa responde en castelán (13,2%), aínda que as persoas maiores o sosteñen máis ca os grupos novos. Ademais, medra a proporción de quen non pensa empregar o catalán no futuro, o que reforza a idea dun cambio de tendencia a longo prazo.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín