Cataluña
Publícase novo material didáctico para o nivel A1 de catalán

O Consorcio para a Normalización Lingüística presentou «ARA. Català per començar», un novo material didáctico de nivel A1 destinado a facilitar a aprendizaxe inicial do catalán, especialmente entre persoas acabadas de chegar. O recurso, de acceso aberto, está estruturado en 18 unidades e acompañado de guía didáctica e materiais audiovisuais, co que busca apoiar a entidades e profesorado que imparten cursos de acollida lingüística para persoas adultas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Pompeu Fabra organiza un curso en liña de catalán para que o alumnado aprenda a lingua antes de chegar á universidade
A Universidade Pompeu Fabra lanzou o curso en liña aberto Going Further in Catalan, dirixido a estudantes e persoal universitario que queiran avanzar no coñecemento da lingua e da cultura catalás antes de chegar ás universidades de Cataluña. O curso, gratuíto e equivalente a un nivel A1.2, utiliza unha serie de ficción como fío condutor para introducir léxico e expresións de uso cotián. A iniciativa forma parte da estratexia da universidade para impulsar a aprendizaxe do catalán, cuxos cursos en liña xa superaron os 3200 participantes.
Fonte: Diari de la Llengua
Xiuxiuejar, a rede social en catalán, supera as 2000 persoas usuarias

A nova rede social Xiuxiuejar, creada integramente en catalán, superou as 2000 persoas usuarias activas no seu primeiro mes de funcionamento. A plataforma nace coa intención de reforzar a presenza do catalán no ámbito dixital e ofrecer un espazo propio para a comunidade falantes desta lingua.
Fonte: Meta Data
O MWC26 de Barcelona salienta a fenda lingüística na IA, con menos de vinte linguas con modelos suficientemente adestrados
No Mobile World Congress 2026 advertiuse do impacto que os sistemas de intelixencia artificial poden ter sobre as linguas con menor presenza dixital. Diversas persoas expertas sinalaron que moitas ferramentas están adestradas fundamentalmente con datos de idiomas dominantes, o que provoca desigualdades e nesgos, e limita a súa capacidade para comprender ou xerar contidos noutras linguas. O debate destacou que, das arredor de 7000 linguas existentes no mundo, menos de vinte dispoñen de modelos lingüísticos suficientemente desenvolvidos, o que abre unha nova fenda dixital ligada á diversidade lingüística.
Fonte: Wwwhat's New
Ponse en marcha unha campaña para impulsar o uso do catalán nos centros educativos de Lleida

O Plan educativo de contorno de Lleida impulsa unha campaña de sensibilización lingüística destinada a reforzar o uso social do catalán no ámbito educativo ante o descenso da súa presenza nos centros. Baixo o lema «Parla en català i peta-ho!», a iniciativa inclúe vídeos con referentes da comunidade, creación de contidos por parte do alumnado e materiais de visibilización nos colexios. A proposta procura xerar contextos reais de uso da lingua entre a infancia e a mocidade e consolidar o catalán como ferramenta de cohesión, aprendizaxe e participación social.
Fonte: Ajuntament de Lleida
Un estudo alerta da difusión de usos non normativos do catalán polas ferramentas de intelixencia artificial
Un estudo da Universidade Pompeu Fabra advirte de que ferramentas de intelixencia artificial xerativa están a difundir usos non normativos do catalán, en boa medida pola influencia do castelán nos seus modelos de adestramento. A análise, baseada en seis modelos lingüísticos e nun corpus de 160 oracións, revela que os sistemas multilingües presentan unha maior tendencia a desviárense da norma por interferencia do español ca os especializados en catalán. As persoas investigadoras alertan de que estes erros poden ter un impacto máis acusado nas linguas con menor presenza dixital e reclaman avaliar con rigor as preferencias lingüísticas da IA para orientar políticas públicas axeitadas.
Fonte: Diari de la Llengua
Celébrase unha xornada de política lingüística para compartir estratexias de impulso social do catalán desde os municipios
Santa Coloma de Gramenet acolleu unha reunión representantes municipais na II Xornada sobre Política Lingüística, centrada nos plans locais de impulso ao catalán e no reforzo do papel dos concellos. Durante o encontro presentáronse 40 propostas de actuación e unha guía práctica para facilitar a elaboración de estratexias propias, ademais de experiencias en acollida lingüística, comercio e ámbito educativo.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Segundo un estudo, o 52,6 % das pemes de Cataluña valora o catalán como un requisito na contratación de persoal

Máis da metade das pequenas e medianas empresas de Cataluña consideran que o coñecemento do catalán é un requisito na contratación, unha cifra que aumenta seis puntos respecto ao ano anterior. A pesar de que o uso desta lingua é amplo entre as empresas, especialmente no sector servizos, tamén se observa un retroceso no seu emprego, especialmente ao adaptarse ás preferencias lingüísticas da clientela. A presencia do catalán nas pemes é especialmente forte na comunicación escrita e nas páxinas web, aínda que a súa utilización diminúe desde 2012.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat de Cataluña actualizará o plan de reforzo do catalán na universidade
O Plan de fortalecemento do catalán no sistema universitario e de investigación pechou a súa primeira fase cun cumprimento superior ao 80 % dos obxectivos previstos, segundo a comisión de seguimento. A Generalitat inicia agora a súa actualización para o período 2026-2030, co propósito de compatibilizar internacionalización e normalización lingüística, así como de integrar o impacto da intelixencia artificial. Entre as prioridades figuran ampliar a docencia en catalán, reforzar a acollida lingüística e consolidar a súa presenza na investigación.
Fonte: Generalitat de Cataluya
Increméntase o uso do catalán na quenda de oficio en Cataluña

O uso do catalán nas actuacións da quenda de oficio en Cataluña medrou un 15 % en 2025, ata superar as 17 600 intervencións, máis do dobre ca en 2021, cando se retomou o plan de fomento lingüístico na xustiza. Tamén aumentou o número de profesionais adheridos ao programa, que xa representan máis dun cuarto do total, cun incremento próximo ao 50 % en catro anos.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín