Cataluña
Ábrese a inscrición para realizar un curso lingua de signos catalá destinado a traballadores en activo e entidades da comarca de Berguedá
A Asociación Comarcal de Empresariado do Berguedà abriu a inscrición nun curso de lingua de signos catalá dirixido a persoas en activo, entidades e empresas da comarca. A formación, dividida en dous módulos entre setembro e novembro, combinará contidos básicos cunha ampla vertente práctica xunto a persoas xordas. A iniciativa procura mellorar a comunicación nos ámbitos laboral e persoal, ao tempo que favorece contornas máis accesibles e inclusivas.
Fonte: Foment
O catalán converterase nun dos eixes centrais do SAGA Barcelona Game Fest, a gran feira do videoxogo do sur de Europa

O SAGA Barcelona Game Fest celebrará do 9 ao 11 de outubro a súa primeira edición, con máis de 80 actividades arredor da industria, do consumo responsable e das comunidades de xogo en catalán. A cita, que aspira a converterse nun referente do sur de Europa, reunirá empresas, talento profesional e delegacións internacionais, ademais de mostrar máis de cincuenta videoxogos dispoñibles nesta lingua. O encontro reforzará así a proxección exterior do sector catalán e a presenza normalizada do idioma no ámbito dixital.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Un estudo revela que o catalán é a lingua de uso maioritario entre as entidades do terceiro sector

Un informe do CIEMEN conclúe que o catalán é a lingua de traballo maioritaria no terceiro sector, xa que preto do 80 % das entidades o emprega na comunicación interna e o 60 % inicia nela a atención ao público. Porén, a falta de protocolos e recursos leva con frecuencia o persoal e o voluntariado a mudar de idioma para asegurar a comprensión. O estudo reclama máis formación e apoio institucional para compatibilizar a eficacia asistencial coa función destas organizacións como axentes de integración e normalización lingüística.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat de Cataluña convoca axudas para impulsar o uso do catalán no ámbito municipal
O Departamento de Política Lingüística abrirá unha liña de axudas para que concellos, entidades municipais descentralizadas e consellos comarcais reforcen o uso efectivo do catalán. A convocatoria poderá financiar ata o 100 % de proxectos de aprendizaxe, dinamización comercial, lecer infantil e xuvenil, cinema, boas prácticas lingüísticas e estudos sociolingüísticos. As subvencións cubrirán tamén gastos de organización, materiais, avaliación e difusión das actuacións.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Tortosa acollerá a segunda edición do festival Posa-hi Tu l’Accent
Do 23 ao 25 de outubro a segunda edición deste festival estará dedicada a poñer en valor a diversidade dialectal do catalán. O programa reservará un espazo destacado ás variedades da Franxa (Aragón) e incorporará un concurso de cantautores no que se valorarán tanto a calidade artística como os trazos lingüísticos de cada proposta. Conferencias, mesas redondas, actividades escolares e exposicións completarán unha cita que busca prestixiar os distintos falares do dominio catalán.
Fonte: Diari de la Llengua
Apróbase o primeiro plan integral da lingua de signos catalá

O Goberno catalán aprobou a Estratexia para a lingua de signos catalá 2026-2028, un plan integral dotado con máis de dous millóns de euros en 2026 e articulado en 45 medidas. O plan reforzará a atención en servizos públicos, sanidade e emerxencias, ampliará os apoios educativos e impulsará novos recursos lingüísticos, investigación e contidos dixitais. Ademais, prevé declarar o 3 de xuño Día da Lingua de Signos Catalá e avanzar na protección efectiva dos dereitos das persoas xordas e xordocegas signantes.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Centos de persoas participan na Corsa Aran per sa Lengua para reivindicar o impulso ao uso social do aranés
Centos de persoas participaron na 32.ª Corsa Aran per sa Lengua para reclamar un maior uso social do aranés, que segue a perder presenza nas conversas cotiás. A organización recoñeceu os avances legais e educativos, mais advertiu da necesidade de reforzar a lingua nos ámbitos dixitais e na comunicación habitual.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Montcada i Reixac pon a disposición da cidadanía unha ferramenta para queixas relacionadas cos dereitos lingüísticos
O Concello de Montcada i Reixac habilitou a Bústia polo Catalán, unha canle para comunicar vulneracións dos dereitos lingüísticos, formular propostas e solicitar información sobre o idioma. A ferramenta permitirá trasladar incidencias relacionadas coa ausencia do catalán na sinalización, na documentación, nos espazos dixitais ou na atención ao público.
Fonte: Diari de la Llengua
Ponse en marcha unha nova edición de cursos intensivos para reforzar a aprendizaxe de catalán entre a mocidade durante o verán
Barcelona ofrece este verán sete cursos intensivos de catalán a 143 estudantes da ESO incorporados ás Aulas de Acollida Acelerada, co propósito de consolidaren os coñecementos adquiridos durante o curso. A formación, gratuíta e complementada con actividades culturais, busca evitar a perda de competencia lingüística durante as vacacións e facilitar a inclusión do alumnado procedente doutros países. A iniciativa tamén pretende reforzar a continuidade educativa e previr o abandono escolar.
Fonte: Diari de la Llengua
Ponse en marcha unha campaña para animar a mocidade a manter o catalán
O CIEMEN puxo en marcha unha campaña dirixida á mocidade para favorecer que manteña o catalán nas conversas cotiás e exerza con normalidade os seus dereitos lingüísticos. A iniciativa, difundida mediante vídeos breves nas redes sociais, ofrece pautas para evitar o cambio automático de idioma cando a outra persoa se expresa noutra lingua. Con esta acción, a entidade pretende frear o descenso do uso social do catalán entre as novas xeracións e reforzar o seu valor como instrumento de cohesión e participación.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín