Cataluña
Instan a Transports Metropolitans de Barcelona a esixir o coñecemento de catalán na contratación de persoal
A Sindicatura de Greuges de Barcelona instou a Transports Metropolitans de Barcelona (TMB) a incluír nas súas convocatorias laborais a esixencia dun coñecemento de catalán axeitado ás funcións de cada posto, xa que aínda que non sexa unha administración en sentido estrito, presta un servizo esencial e debe garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.
Fonte: Tot Barcelona
A Generalitat de Cataluña impulsa un plan para incorporar o catalán nas prisións como ferramenta de cohesión e inclusión social

O Goberno catalán aprobará o Plan de accións para fomentar o catalán no ámbito da execución penal 2026-2030, impulsado polos departamentos de Xustiza e Política Lingüística. A iniciativa reforzará as medidas xa existentes en prisións e centros de xustiza xuvenil, e incorporará novas actuacións vinculadas á convivencia, á formación ocupacional e aos itinerarios de reinserción. O Executivo defende que o coñecemento do catalán pode ampliar oportunidades laborais, favorecer a autonomía persoal e facilitar o retorno á comunidade.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña atrasa a esixencia do C2 de catalán para novos docentes
O Departamento de Educación modificou as bases da bolsa de persoal docente interino para que o C2 de catalán deixe de puntuar como mérito e pase a funcionar só como requisito. De maneira excepcional, poderán incorporarse persoas que aínda non dispoñan desa acreditación, sempre que se comprometan a obtela antes de rematar o curso 2026-2027. A consellería xustifica a medida pola falta estrutural de profesorado co nivel esixido, que dificultaría cubrir substitucións e vacantes se se aplicase de inmediato. Con todo, quen acceda por esta vía terá menor prioridade na asignación de destinos ca o persoal que xa cumpra todos os requisitos.
Fonte: Diari de la Llengua
Un estudo destaca o compromiso dos ateneos de Cataluña coa lingua catalá
Un estudo de Plataforma per la Llengua conclúe que os ateneos de Cataluña manteñen un compromiso sólido coa promoción do catalán nos seus espazos e actividades. A análise, realizada nunha mostra piloto de 15 entidades, destaca o bo uso da lingua nos elementos propios, aínda que detecta marxe de mellora nos contidos de procedencia externa. As entidades implicadas coinciden en que estes centros teñen un papel clave para facer do catalán unha lingua viva, cotiá e compartida nos barrios e vilas.
Fonte: Diari de la Llengua
Un estudo alerta das barreiras lingüísticas existentes en Cataluña entre pacientes e persoal sanitario
Un informe da Universidade Autónoma de Barcelona advirte de que as barreiras lingüísticas dificultan de maneira recorrente a atención sanitaria pública en Cataluña cando as persoas usuarias non dominan as linguas oficiais. O estudo, baseado nunha ampla enquisa a persoal sanitario e intermediarios lingüísticos, sinala que a falta de recursos profesionais obriga a recorrer a familiares, acompañantes ou ferramentas automáticas. Porén, estas solucións poden comprometer a calidade asistencial, a confidencialidade, o consentimento informado e a adherencia aos tratamentos. Por iso, reclaman unha política pública estable que profesionalice e estenda a interpretación e a mediación lingüística en todo o sistema sanitario catalán.
A Universidade Pompeu Fabra actualiza a súa normativa para a promoción do catalán
A Universidade Pompeu Fabra aprobou por unanimidade unha actualización da súa normativa lingüística para reforzar o uso do catalán na docencia, na investigación e na xestión universitaria. O novo marco adapta unha regulación de hai 25 anos á realidade sociolingüística, tecnolóxica e internacional actual, e sitúa o catalán como lingua propia, oficial e de acollida. A norma incorpora criterios de seguridade lingüística, de modo que a lingua de cada materia deberá respectarse segundo o indicado na guía docente. Tamén garante dereitos como poder facer exames, presentacións ou teses en catalán, ao tempo que fixa o seu uso inicial na atención administrativa e nos servizos do campus.
Fonte: Tot Barcelona
O Pacto Nacional pola Lingua recibe unha distinción polo seu impulso ao catalán como elemento vertebrador da sociedade

A Asociación Catalá da Prensa Comarcal distinguiu o Pacto Nacional pola Lingua co seu premio anual polo apoio á prensa de proximidade e pola defensa do catalán. O recoñecemento salienta a contribución do acordo á cohesión social, ao incremento dos usos lingüísticos e á consideración da lingua como patrimonio compartido. A distinción coincide co primeiro ano de despregamento do Pacte, que xa completou máis do 62% das 206 actuacións previstas.
Fonte: Catalunya Press
Ábrese a consulta pública sobre o decreto que regulará a lingua de signos catalá
A Generalitat de Cataluña abriu a consulta pública do decreto que regulará a avaliación e a certificación da lingua de signos catalá, co obxectivo de adaptala ás necesidades da comunidade signante. O futuro marco normativo establecerá acreditacións vinculadas aos niveis do Marco europeo común de referencia e ordenará as probas oficiais, os certificados vixentes e os requisitos do persoal avaliador.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Barcelona reforzará o uso do catalán nos barrios máis afectados pola xentrificación
A medida prevé informar a nova veciñanza, no momento do empadroamento, dos recursos dispoñibles para aprender e practicar a lingua. No ámbito comercial, o consistorio intensificará o seguimento do cumprimento da normativa lingüística, en especial na rotulación e na información destinada ás persoas consumidoras. Ademais, impulsaranse accións formativas para persoal de sectores con atención ao público e actualizaranse os materiais municipais dirixidos aos establecementos.
Fonte: Diari de la Llengua
O catalán incorpórase aos idiomas dispoñibles nos menús da nova gama de televisores de Samsung

Samsung incorpora o catalán como idioma nos menús da súa nova gama de televisores 2026. A medida afecta menús, navegación e manuais dixitais, co que consolida a presenza do catalán nas pantallas domésticas e responde así á demanda dunha comunidade dixital activa. Esta decisión segue a outros avances recentes en automoción, onde marcas como BYD, SEAT/CUPRA e Ebro/Omoda/Jaecoo integraron o catalán nos seus sistemas.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín