Cataluña

Segundo unha enquisa, nove de cada dez habitantes de Cataluña móstranse favorables a que o persoal sanitario atenda en catalán e en castelán

Unha enquisa da Generalitat de Cataluña de 2025 revela que a maioría da poboación apoia a atención en catalán, castelán e aranés en sanidade, comercio e hostalaría, con porcentaxes que se manteñen entre o 70 e o 90 %. Ademais, un 89 % defende que se lles garanta ás persoas acabadas de chegar o acceso á aprendizaxe do catalán.

Fonte: 20minutos

Cataluña

O Concello de Barcelona presente a Casa da Creación Dixital en Catalán

A Casa da Creación Dixital en Catalán é un espazo destinado a impulsar contidos dixitais nesta lingua e fomentar o seu uso entre a xuventude. O proxecto ofrecerá formación, mecenado e incubación de novos talentos e contará cun orzamento para 2026 e 2027 que ascende a 3 millóns de euros.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A Generalitat de Cataluña convoca axudas para a promoción da lingua de signos catalá

O Departamento de Política Lingüística convoca unha nova liña de subvencións para fomentar e difundir a lingua de signos catalá (LSC) cun orzamento ampliado de 75 000 € tras a primeira convocatoria de abril. Os apoios destínanse a actividades de uso, creación de contidos e divulgación da LSC, e están abertos a persoas, entidades sen ánimo de lucro e empresas.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Optimot, o servizo de atención en temas de lingua catalá, alcanza as 100 000 consultas lingüísticas

O servizo de consultas lingüísticas Optimot alcanzou a consulta número 100 000 no seu servizo de atención personalizada o pasado 11 de setembro. Esta cifra súmase ás máis de 18,5 millóns de consultas anuais no buscador en liña e ás cada vez máis frecuentes a través das redes sociais.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Generalitat de Cataluña organiza obradoiros de sensibilización lingüística dirixidos ao ámbito deportivo

O Departamento de Política Lingüística organiza no último trimestre de 2025 un total de 33 obradoiros de sensibilización lingüística no marco do Plan de impulso do catalán no deporte. Dirixidos a monitoras/es, adestradoras/es e profesionais que traballan con infancia e mocidade, céntranse sobre todo en fútbol, baloncesto, excursionismo e actividades de ximnasio. As sesións, de 2,5 horas e con grupos reducidos, buscan concienciar estes referentes deportivos para que actúen como modelos lingüísticos e favorezan un uso natural do catalán nas actividades formais e informais.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Segundo unha enquisa, case unha cuarta parte do persoal de bares e restaurantes de Barcelona non entende o catalán

Un informe sobre o sector da restauración en Barcelona revela que só o 52,4 % do persoal fala catalán e que un 24,2 % nin sequera o entende, cifras que empeoran respecto ao ano anterior. Ante estes datos, o Concello comprometeuse a reforzar a inspección e mellorar a aplicación da normativa lingüística para frear a regresión do catalán nos establecementos.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A Coordinadora de Asociacións pola Lingua Catalá comeza unha campaña para chegar aos 300 grupos de conversa para practicar o catalán

A campaña busca chegar a 300 grupos Xerrem de conversa en catalán, como vía de reforzar o uso social da lingua e fomentar a cohesión. Actualmente existen arredor de 230 grupos de distintos niveis, polo que fai un chamamento a voluntariado, persoas colaboradoras... para acadar este obxectivo.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A marca Aiwa ofrece manuais en lingua catalá para máis de 120 produtos

A empresa xaponesa AIWA ofrece xa manuais en catalán para máis de 120 produtos de son, froito dun compromiso adquirido no Mobile World Congress de 2024 coa Plataforma per la Llengua. Trátase dun avance decisivo para normalizar o idioma no sector tecnolóxico, aínda que tamén reclaman que a compañía inclúa o catalán na súa web e amplíe a súa presenza en todos os ámbitos.

Fonte: El Món

Cataluña

Barcelona acolle unha nova edición da Semana do Libro de Catalán

A 43ª edición da Semana do Libro en Catalán comezou en Barcelona cun espazo ampliado de 8900 m², 94 casetas, 312 expositores e máis de 300 actividades. O evento reforza a aposta pola literatura infantil e xuvenil e incorpora novos espazos de lectura, conversa e promoción da lingua catalá.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O castelán despraza o catalán como lingua das investigacións nas revistas científicas catalás

Un estudo revela que o castelán despraza o catalán como lingua das publicacións científicas en revistas catalás, con case o 70 % dos artigos en castelán fronte ao 9 % en catalán e o 25 % en inglés. A presión dos índices internacionais e das políticas de acreditación favorece a escrita en inglés e resta prestixio ao catalán, ao que se suma a falta de recursos e apoio institucional. 

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder