Cataluña

Crean unha plataforma dixital que agrupa ferramentas en catalán

Galàxia é unha nova plataforma que reúne máis de 250 ferramentas dixitais dispoñibles en catalán, grazas á colaboración de Accent Obert e Softcatalà. A iniciativa busca facilitar o uso da lingua no ámbito tecnolóxico e achegar opcións prácticas ás persoas usuarias.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Unha liña de subvencións promoverá a subtitulación en catalán nas salas de cinema comerciais

O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña abriu por primeira vez unha liña de axudas para promocionar a subtitulación de longametraxes en catalán nas salas comerciais de cinema.

Fonte: Generalitat de Cataluña 

Cataluña

A Generalitat de Cataluña moderniza o sistema informático para a xestión de convocatorias de probas de coñecemento de lingua catalá

O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña iniciou o desenvolvemento dun novo sistema informático da xestión de probas de certificación dos coñecementos de lingua catalá. O novo sistema suporá un avance significativo na xestión das convocatorias de probas futuras.

Fonte: Generalitat de Catalunya 

Cataluña

A Generalitat de Cataluña convoca axudas para o fomento do catalán no ámbito empresarial

A Generalitat de Cataluña vén de abrir unha convocatoria de axudas dirixida ao tecido empresarial co fin de fomentar o uso efectivo do catalán. As subvencións destínanse á elaboración ou execución de plans lingüísticos que impulsen a visibilidade e presenza da lingua tanto no funcionamento interno como na relación coa clientela.

Fonte: PIMEC

Cataluña

Ponse en marcha unha iniciativa que une lingua catalá e gastronomía

O proxecto «Receptes per la llengua», impulsado en Canet de Mar, combina gastronomía e aprendizaxe do catalán como ferramenta de integración e cohesión social. A través dun obradoiro de conversa, persoas de diversas orixes culturais compartiron receitas e experiencias, convertendo a cociña nun espazo de encontro e recoñecemento mutuo. O resultado é un receitario multilingüe que celebra a diversidade e pon o catalán como lingua común para convivir e construír comunidade.

Fonte: Capgròs

Cataluña

RTVE lanzará o 11 de setembro unha canle co catalán coma lingua predominante

RTVE confirmou que converterá La 2 nunha canle con programación en catalán, co propósito de ofrecer contidos propios e adaptados á realidade lingüística e social de Cataluña. A grella en catalán comezará a ampliarse a partir do 11 de setembro e prevese que a metade da emisión sexa nesta lingua antes de finalizar o ano, cun obxectivo do 60 % en xuño de 2026.

Fonte: El Diario

Cataluña

Segundo un estudo, 8 de cada 10 residentes en Cataluña consideran que o catalán é importante para o seu progreso profesional

O InformeCAT revela que a gran maioría da poboación catalá considera esencial aprender catalán para integrarse social e profesionalmente e acceder á cultura. Porén, o uso habitual da lingua segue a ser minoritario entre persoas migrantes e só unha pequena parte das denuncias por vulneracións de dereitos lingüísticos derivan en sancións.

Fonte: 20minutos

Cataluña

As Xornadas de Podcasting incorporan por primeira vez podcasts en todas as linguas cooficiais do Estado

As Xornadas de Podcasting 2025 celebraranse en Terrassa do 24 ao 26 de outubro cunha edición pioneira que incorporará podcasts en todas as linguas cooficiais do Estado. O encontro aposta pola pluralidade lingüística e reunirá profesionais, plataformas e público arredor da creación sonora, combinando formación, debate, gravacións en vivo e a entrega dos Premios da Asociación Podcast.

Fonte: Código Cero

Cataluña

A Fundación Vincle presenta en Barcelona un manifesto a prol da promoción do catalán no ámbito empresarial

Máis de 170 empresas e entidades empresariais adheríronse ao Manifesto polo catalán na empresa, promovido pola Fundación Vincle, que apela á responsabilidade social co idioma propio e destaca o seu valor como ferramenta de cohesión e vantaxe competitiva. O texto propón reforzar o uso da lingua nas comunicacións, publicidade e atención ao público, e reclama maior implicación por parte das administracións.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Convócanse axudas para a promoción de libros en catalán ou occitano

O Instituto Catalán das Empresas Culturais abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a promover libros en catalán ou occitano durante o ano 2025. As subvencións cobren accións publicitarias e de visibilidade, e deben solicitarse antes do 1 de xullo cun único proxecto por iniciativa.

Fonte: Ajuntament de Barcelona

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder