Cataluña
A marca Aiwa ofrece manuais en lingua catalá para máis de 120 produtos
A empresa xaponesa AIWA ofrece xa manuais en catalán para máis de 120 produtos de son, froito dun compromiso adquirido no Mobile World Congress de 2024 coa Plataforma per la Llengua. Trátase dun avance decisivo para normalizar o idioma no sector tecnolóxico, aínda que tamén reclaman que a compañía inclúa o catalán na súa web e amplíe a súa presenza en todos os ámbitos.
Fonte: El Món
Barcelona acolle unha nova edición da Semana do Libro de Catalán

A 43ª edición da Semana do Libro en Catalán comezou en Barcelona cun espazo ampliado de 8900 m², 94 casetas, 312 expositores e máis de 300 actividades. O evento reforza a aposta pola literatura infantil e xuvenil e incorpora novos espazos de lectura, conversa e promoción da lingua catalá.
Fonte: Diari de la Llengua
O castelán despraza o catalán como lingua das investigacións nas revistas científicas catalás
Un estudo revela que o castelán despraza o catalán como lingua das publicacións científicas en revistas catalás, con case o 70 % dos artigos en castelán fronte ao 9 % en catalán e o 25 % en inglés. A presión dos índices internacionais e das políticas de acreditación favorece a escrita en inglés e resta prestixio ao catalán, ao que se suma a falta de recursos e apoio institucional.
Fonte: Diari de la Llengua
Modifícase o proxecto de Lei de atención ao cliente para garantir os dereitos lingüísticos das persoas consumidoras
Os cambios na Lei de atención ao cliente buscan garantir que a cidadanía poida ser atendida en catalán. As empresas con máis de 250 persoas empregadas ou máis de 50 millóns de facturación deberán ofrecer servizo na lingua oficial que escolla o consumidor, e o persoal terá que recibir formación en catalán. A medida abrangue sectores como enerxía, banca, telecomunicacións ou transporte.
Fonte: Diari de la Llengua
As persoas que conduzan taxis e VTC en Cataluña deberán acreditar un nivel B1 de catalán

O Parlamento de Cataluña recibirá unha proposta de lei que obrigará as persoas condutoras de taxis e VTC a acreditar un nivel mínimo de catalán B1 no prazo de dous anos, incluíndo quen xa estea en activo. A iniciativa pretende reforzar os dereitos lingüísticos da clientela e podería marcar un precedente para outros sectores profesionais. As entidades promotoras seguen a reclamar que o requisito sexa un B2 e demandan recursos públicos para facilitar a aprendizaxe da lingua.
Fonte: Diari de la Llengua
Segundo unha enquisa, case nove de cada dez habitantes de Cataluña consideran que o catalán é unha fonte de oportunidades
Un estudo revela que case o 89 % da poboación de Cataluña considera que aprender catalán abre oportunidades laborais, culturais e persoais ás persoas de orixe migrante, o que consolida a idea de que é unha lingua de promoción social. A enquisa mostra tamén un amplo consenso transversal entre votantes de practicamente todas as formacións políticas, con maior adhesión entre a mocidade.
Fonte: Diari de la Llengua
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña anula parte do decreto que blindaba o catalán como lingua vehicular nos centros educativos
O alto tribunal anulou varios artigos do decreto de 2024 sobre o réxime lingüístico educativo que establecían o catalán como lingua principal de ensino e administración, así como a obrigatoriedade de dominio do persoal docente e non docente, por non garantir a presenza mínima do castelán. A sentenza recalca que ambas linguas oficiais deben ter un uso equilibrado para asegurar a competencia plena do alumnado en catalán e castelán.
Fonte: Diari de la Llengua
A Universidade Autónoma de Barcelona publica unha nova versión do máis completo dicionario de frases feitas do catalán

A lingüista Maria Teresa Espinal publica a segunda versión en liña do Diccionari de sinònims de frases fetes, actualización da obra impresa que reúne miles de expresións lexicalizadas da lingua catalá. O recurso proporciona información gramatical e semántica de cada entrada, así como relacións entre expresións similares, o que o converte no máis completo do seu ámbito. A nova edición mellora máis da metade dos rexistros e amplía significativamente os conceptos recollidos. O dicionario está dispoñible en acceso aberto en formato electrónico.
Un estudo revela que o 15 % das tendas dos centros comerciais incumpre a normativa sobre os uso do catalán

Plataforma per la Llengua denuncia que máis do 15 % dos comercios nos centros comerciais de Cataluña incumpren a obriga de ofrecer a sinalización, como mínimo, en catalán. A entidade constata que moitas franquías non respectan a normativa e que as xerencias teñen escaso control sobre os alugueiros.
Fonte: El Nacional
A Generalitat de Cataluña convoca axudas para a incorporación do catalán a produtos tecnolóxicos

O Departamento de Política Lingüística amplía as subvencións para fomentar o uso do catalán en tecnoloxías dixitais, abríndoas a empresas e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos de produtos tecnolóxicos, aprendizaxe dixital ou tecnoloxías da lingua en catalán. Os proxectos poderán executarse entre 2025 e 2026, e as axudas cubrirán ata o 70 % do custo, con límite de 60 000 euros.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín