Cataluña
A Generalitat Valenciana convoca subvencións para o fomento do valenciano no ámbito musical
A Generalitat Valenciana destinou preto de 698 000 euros para promover o valenciano e o multilingüismo no ámbito musical, apoiando festivais, concertos e gravacións. Estas axudas buscan fomentar a creación, produción e difusión de actividades musicais realizadas nesta lingua para visibilizar o valenciano na sociedade actual.
Fonte: Generalitat Valenciana
Unha campaña informa sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía de Cataluña na atención sanitaria
Plataforma per la Llengua comezou unha campaña para sensibilizar sobre o dereito dos pacientes a seren atendidos en catalán nos centros de saúde, distribuíndo trípticos con información sobre os dereitos lingüísticos en diversas localidades de Cataluña. A iniciativa destaca a importancia de garantir o uso do catalán no ámbito sanitario e denuncia que este é un dos sectores con máis discriminacións lingüísticas. Ademais, a entidade ofrece apoio legal a quen sufra agresións lingüísticas e fai un chamamento á denuncia destas situacións.
Fonte: Diari de la Llengua
O Boletín Oficial do Estado volve publicarse en catalán
O Boletín Oficial do Estado retomou a publicación do suplemento en catalán tras máis de tres anos, grazas a un convenio entre a Generalitat e o Goberno. Este acordo inclúe a tradución de normativas e disposicións xerais en catalán, cun custo anual máximo de 273 000 euros. A publicación limítase ao formato electrónico e só se traduce o sumario das disposicións acordadas.
Fonte: 20minutos
Santa Coloma de Gramenet presenta un plan para impulsar o uso do catalán no comercio local

O Plan Ofercat 2024-2028, presentado en Santa Coloma de Gramenet, busca promover o uso do catalán no comercio mediante formación, sensibilización e colaboración con axentes locais. O plan incidirá en sectores con carencias lingüísticas e incluirá accións específicas en barrios, formación directa en comercios e campañas de promoción para mellorar o uso social desta lingua ata 2028.
Fonte: Generalitat de Catalunya
As emisoras de Cataluña deberán emitir, como mínimo, un 25 % de música en catalán ou aranés

A partir de xaneiro de 2026, as emisoras de radio musicais en Cataluña deberán emitir polo menos un 25 % de música en catalán ou aranés, tal como establece a Lei de política lingüística. O Consello Audiovisual de Cataluña (CAC) aprobou esta medida, que contará cun período transitorio durante 2025 para que as emisoras adapten progresivamente a súa programación. Esta normativa busca garantir unha maior presenza da música producida por artistas cataláns.
Fonte: Diari de la Llengua
O dicionario en liña da lingua catalá engade 87 novas entradas e 289 modificacións
O Institut d’Estudis Catalans actualizou o Diccionari de la llengua catalana (DIEC) con 87 novas entradas e 289 modificacións ou ampliacións. Entre as novidades destacan palabras como autocaravana, batucada ou pàdel, así como variantes territoriais para mellorar a representación xeográfica do catalán. Tamén se revisaron definicións como a de ecològic, engadíronse novas acepcións en termos tecnolóxicos e ampliáronse conceptos como cònjuge ou malla. A actualización busca mellorar a unidade da lingua e reflectir a súa evolución.
Fonte: Institut d'Estudis Catalans
A Universidade de Barcelona convoca un premio ás mellores teses de doutoramento en catalán
A Universidade de Barcelona convoca a cuarta edición dos Premios Antoni M. Badia i Margarit para recoñecer as mellores teses de doutoramento redactadas en catalán. Os premios inclúen catro modalidades e están dotados con 1600 euros por tese gañadora, ademais de mencións honoríficas.
Fonte: Universitat de Barcelona
Unha nova ferramenta mellorará a consulta de datos e estudos sobre o catalán e o aranés
O Departamento de Política Lingüística de Cataluña creou un buscador para consultar estudos sobre o catalán e o aranés realizados desde 2001. A ferramenta permite buscar por ano, ámbito ou palabras clave, e ofrece acceso a materiais como artigos, vídeos e notas de prensa. Ademais, mellorouse a visualización dos indicadores lingüísticos e datos do proxecto Ofercat, con ferramentas interactivas que inclúen gráficos e mapas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Terrasa súmase á campaña «21 días. De entrada, fala en catalán»
A campaña «21 días. De entrada, fala en catalán», presentada en rolda de prensa, busca fomentar o uso inicial do catalán e combater o cambio de lingua por prexuízos. Proponse un reto de tres semanas para animar a cidadanía a empregalo en interaccións cotiás. Ademais, anunciouse que se presentarán proximamente os resultados do estudo Ofercat sobre o uso do catalán no comercio, a hostalería e os servizos, xunto cos plans de acción para 2024.
Fonte: Ajuntament de Terrassa
A Generalitat de Cataluña apoiou a tradución de 164 obras non literarias no ano 2024
En 2024, o Departamento de Política Lingüística apoiou a tradución de 164 obras non literarias ao catalán, un aumento respecto a anos anteriores, cun investimento de 534 131,92 €. O inglés foi a lingua máis traducida, seguido do alemán e o francés, o que reflicte unha aposta crecente pola diversidade lingüística. Desde 2022, as subvencións para tradución incrementaron significativamente e mostran a importancia do catalán no ámbito editorial.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín