Cataluña

A radio en catalán será a protagonista dunha nova edición da Viquillengua

A XI edición da Viquillengua, que se celebra do 8 e o 15 de novembro, estará dedicada á radio en catalán para conmemorar o seu centenario. Coordinado polo Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña xunto con outras entidades, o evento promove a edición e a ampliación de contidos sobre a radio na Viquipèdia en catalán, tanto en liña como en actividades presenciais en varios lugares.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Generalitat de Cataluña organiza catro novas rutas lingüísticas para dar a coñecer a diversidade territorial do catalán

O Departamento de Política Lingüística de Cataluña ampliou o proxecto «Camins del català» co lanzamento de catro novas rutas lingüísticas destinadas a promover o coñecemento das variantes do catalán en distintos territorios. A documentación, dispoñible en formato PDF na web do proxecto, inclúe audioguías e un mapa interactivo, e está concibida para facilitar a aprendizaxe da lingua e ampliar o interese pola cultura catalá.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A lista de agarda para acceder a un curso de catalán alcanza as 9000 persoas

A oferta de cursos de catalán do Consorci per a Normalització Lingüística (CPNL) resulta insuficiente ante a crecente demanda, xa que máis de 9000 persoas están en lista de agarda en 2024, en especial para o nivel básico. A situación agravouse coa chegada de nova poboación, que incrementou as solicitudes sen que se incrementasen os recursos proporcionalmente.

Fonte: El Nacional

Cataluña

As universidades implícanse no fomento do uso do catalán na xustiza

As universidades da Xarxa Vives adheríronse ao portal Compendium.cat, promovido polo Consello da Avogacía Catalá, co obxectivo de fomentar o uso e mellorar a calidade do catalán xurídico. A adhesión formalizouse nun acto na Universidade de Barcelona, no que se destacou o valor deste proxecto para incrementar a presenza do catalán na xustiza. A colaboración entre universidades e avogacía busca fortalecer a lingua catalá no ámbito xurídico e educativo, e ofrecer recursos para profesionais e estudantes do sector.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Nace a Asociación de SEO en Catalán

Durante o SEOday Girona presentouse a Asociación de SEO en Catalán, unha entidade que busca impulsar a visibilidade do catalán en internet. O proxecto ofrece apoio e formación a profesionais e empresas para mellorar o seu posicionamento dixital en catalán, coa meta de garantir unha presenza destacada desta lingua na rede.

Fonte: El Nacional

Cataluña

O programa de cine infantil CINC retoma a súa actividade coa proxección de máis filmes en catalán

O programa de Cinema Infantil en Catalán (CINC), impulsado polo Departamento de Política Lingüística, reactivouse en outubro con 185 proxeccións en 28 localidades de Cataluña e 2 da Franja de Aragón. O obxectivo é promover o consumo de cine en catalán, mediante reestreas a prezos reducidos. A programación inclúe filmes dobrados grazas ao apoio do Departamento, e contará coa colaboración de diferentes entidades e concellos. No primeiro semestre de 2024, o CINC rexistrou 11 540 asistentes e continuará ampliando a súa oferta ata xaneiro.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Preséntanse os resultados dos plans de acción Ofercat para promover o uso do catalán no comercio de dous municipios

Os plans de accións Ofercat buscaban promover o uso do catalán no comercio en Sant Cugat e Cerdanyola do Vallès a través de accións formativas e informativas, dirixidas a mellorar a atención á clientela nesta lingua. Segundo o estudo de 2023, houbo unha lixeira diminución no seu uso, malia que mellorou a disposición dos comerciantes a usar o catalán cando a clientela llo solicita.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Universidade de Barcelona reforza o seu compromiso co alumnado estranxeiro con actividades para a aprendizaxe de catalán

A Universidade de Barcelona reforza o seu compromiso coa integración do alumnado internacional mediante o Plan de acollida de lingua e cultura catalá, activo desde 2022. Este plan ofrece cursos intensivos e extensivos de catalán, cuxo número de participantes superou as mil persoas no curso 2023-2024, cando alcanzou un récord histórico. Ademais, organiza actividades culturais como o CATclub, que combina a aprendizaxe da lingua coa inmersión na cultura catalá.

Fonte: Universitat de Barcelona

Cataluña

O Concello de Tarragona crea a Oficina de Promoción do Catalán

O Concello de Tarragona presentou a Oficat TGN, a nova Oficina de Promoción do Catalán, que ofrecerá 10 cursos de nivel inicial desde novembro para impulsar o uso social do idioma e reforzar a acollida lingüística. Esta iniciativa, dirixida a maiores de 17 anos, ofrecerá cursos gratuítos e con titulación oficial. Ademais, a Oficina asesorará sobre dereitos lingüísticos e promoverá o uso do catalán en toda a actividade municipal.

Fonte: Diari Més

Cataluña

O Concello de Manresa presenta o Plan estratéxico para a lingua catalá

O Plan estratéxico para a lingua catalá ten como obxectivo fomentar o seu uso social na cidade e garantir o seu emprego na Administración local. Estrutúrase en catro eixes e prevese a creación dun portal web que conterá unha caixa de suxestións cidadá e información sobre dereitos e deberes lingüísticos, campañas de fomento da lingua catalá, contactos de entidades de defensa lingüística e formación.

Fonte: Manresa Diari

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder