Cataluña

O Concello de Barcelona e o Instituto de Estudos Cataláns asinan un convenio para impulsar o catalán entre a mocidade

Este convenio ten como obxectivo fomentar o uso do catalán entre a mocidade de Barcelona. Conta cun orzamento total de 1 630 493 euros e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026. As accións principais inclúen a creación de ferramentas formativas, a sensibilización de profesionais do ocio educativo e o desenvolvemento de campañas para promover esta lingua entre este colectivo.

Fonte: Ajuntament de Barcelona

Cataluña

Xa está aberto o prazo para que as entidades catalás se adhiran ao Pacto Nacional pola Lingua

O Departamento de Política Lingüística abriu o procedemento para que as entidades se adhiran ao Pacto Nacional pola Lingua, un compromiso colectivo para garantir o futuro do catalán. O pacto, aprobado tras un proceso de ampla participación cidadá, establece un plan ata 2030 para impulsar o uso do catalán en todos os ámbitos. As entidades que o asinan comprométense a promover o catalán co obxectivo de garantir a súa sostibilidade e presenza na sociedade.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Generalitat de Cataluña convoca axudas para a incorporación do catalán, o occitano e a lingua de signos catalá ás plataformas dixitais

O Departamento de Política Lingüística abriu o prazo para solicitar subvencións dirixidas á incorporación do catalán, o occitano e a lingua de signos catalá en longametraxes e series nas plataformas dixitais. O obxectivo é aumentar a oferta audiovisual nestes idiomas, incluíndo dobraxe, subtitulación e audiodescrición. Este ano, a dotación inicial é de 1,6 millóns de euros, que poderá ampliarse segundo a demanda.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Ponse en marcha unha campaña para que os concellos de Cataluña lles pidan aos municipios cos que están irmandados apoio á oficialidade do catalán na UE

Plataforma per la Llengua iniciou unha campaña para que os concellos cataláns envíen cartas aos seus municipios irmáns en varios países europeos para pedirlles apoio á oficialidade do catalán. A iniciativa busca sensibilizar os gobernos de Austria, Alemaña, Italia, República Checa, Suecia, Finlandia e Croacia e animalos a non poñer obstáculos á lingua.

Fonte: El Nacional

Cataluña

Futbolistas do FC Barcelona convértense en referentes do catalán no deporte

Cada vez máis futbolistas do FC Barcelona usan o catalán en público, feito que contrasta co retroceso social da lingua en Cataluña. O club promove activamente o seu uso entre xogadores e xogadoras, ofrece formación voluntaria e integra o catalán como idioma oficial nas súas estruturas. Exemplos como Lamine Yamal ou Aitana Bonmatí teñen un forte impacto simbólico e educativo. 

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Preséntase en Barcelona a versión en catalán do sistema xerador asistido de textos arText

O sistema arText, desenvolvido pola UNED, está agora dispoñible en catalán. Trátase dunha ferramenta gratuíta e en liña que facilita a redacción de textos especializados e en linguaxe clara en diversos ámbitos como a saúde ou o xurídico. O proxecto, que combina investigación lingüística e tecnoloxía, busca garantir a presenza do catalán nos recursos dixitais e avanzar cara a unha comunicación administrativa máis accesible.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Un estudo analizará o uso do catalán na cidade de Xirona

O Concello de Xirona e a Universidade de Xirona desenvolverán un estudo para avaliar o uso do catalán na cidade e identificar ámbitos nos que sexa preciso reforzalo. O proxecto, que incluirá enquisas a domicilio e grupos de discusión, permitirá deseñar medidas concretas para promover a lingua no tecido social.

Fonte: La Ciutat

Cataluña

Preséntase unha guía de referencia para a xestión lingüística das entidades do sistema de saúde catalán

O Departamento de Saúde de Cataluña presentou unha guía para que as entidades do sistema sanitario público elaboren plans de xestión lingüística que garantan os dereitos lingüísticos das persoas usuarias. Estes plans deberán asegurar que o persoal poida atender oralmente e por escrito na lingua oficial escollida polas persoas usuarias.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Mantense nun 74 % a oferta de materias en catalán nas universidades públicas de Cataluña

A oferta de materias en catalán nas universidades públicas de Cataluña mantívose no 74 % no curso 2023-2024, por baixo do obxectivo do 80 % fixado para 2025, mentres o uso do castelán aumentou. A consellaría destaca avances na formación do profesorado e na internacionalización, e confía en progresar grazas aos plans de incremento da docencia en catalán e outras medidas de apoio.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O Concello de Barcelona impulsará o uso do catalán nos centros educativos e nas actividades extraescolares

O Concello de Barcelona reforzará o uso do catalán nas escolas e nas actividades extraescolares a través do «Pla de Barris», co obxectivo de combater as desigualdades e recuperar o valor cohesivo desta lingua. As novas medidas incluirán a esixencia do catalán como lingua vehicular nas empresas adxudicatarias, así como un programa de auxiliares de conversa en inglés para garantir a igualdade de oportunidades na mocidade.

Fonte: 20minutos

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder