Cataluña
Denuncian en Cataluña a non aplicación da lei do cinema en catalán
Ao se faceren 15 anos da Lei 20/2010 do Cinema, a Plataforma pola Lingua alerta que, por falta de regulación e sancións, esta norma non se aplica, deixando o cinema en catalán nunha situación “de precariedade absoluta”. Aínda que a lei esixía inicialmente que o 50 % dos filmes comerciais se proxectasen en catalán (reducido ao 25 % en 2017), en ningún caso se atinxiron estes niveis.
Fonte: Diari de la Llengua
As entidades xa poden sumarse ao Pacto Nacional pola Lingua de Cataluña
O Departemento de Política Lingüística de Cataluña habilitou o procedemento para que entidades, institucións e empresas se sumen ao Pacto Nacional pola Lingua, presentado o pasado 13 de maio. Trátase dun compromiso colectivo para garantir o futuro do catalán até 2030, promovendo accións en todos os ámbitos e sostendo a oficialidade plena do idioma dentro do marco do plurilingüismo e da diversidade que caracteriza a Cataluña de hoxe.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Instituto de Estatística de Cataluña publica novos datos sobre a Enquisa de usos lingüísticos de 2023
O Instituto de Estatística de Cataluña (Idescat) publicou máis resultados da Enquisa de usos lingüísticos da poboación do ano 2023. Os novos datos permiten analizar como se inicia e mantén o uso das linguas nas conversas, as preferencias sobre que linguas se deberían falar no futuro e as opinións sobre a unidade do catalán. Por exemplo, grazas a esta análise, sábese que máis do 70 % da poboación adapta a súa lingua á do interlocutor, xa sexa cara ao catalán ou ao castelán.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Crean unha plataforma dixital que agrupa ferramentas en catalán

Galàxia é unha nova plataforma que reúne máis de 250 ferramentas dixitais dispoñibles en catalán, grazas á colaboración de Accent Obert e Softcatalà. A iniciativa busca facilitar o uso da lingua no ámbito tecnolóxico e achegar opcións prácticas ás persoas usuarias.
Fonte: Diari de la Llengua
Unha liña de subvencións promoverá a subtitulación en catalán nas salas de cinema comerciais

O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña abriu por primeira vez unha liña de axudas para promocionar a subtitulación de longametraxes en catalán nas salas comerciais de cinema.
Fonte: Generalitat de Cataluña
A Generalitat de Cataluña moderniza o sistema informático para a xestión de convocatorias de probas de coñecemento de lingua catalá
O Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña iniciou o desenvolvemento dun novo sistema informático da xestión de probas de certificación dos coñecementos de lingua catalá. O novo sistema suporá un avance significativo na xestión das convocatorias de probas futuras.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña convoca axudas para o fomento do catalán no ámbito empresarial
A Generalitat de Cataluña vén de abrir unha convocatoria de axudas dirixida ao tecido empresarial co fin de fomentar o uso efectivo do catalán. As subvencións destínanse á elaboración ou execución de plans lingüísticos que impulsen a visibilidade e presenza da lingua tanto no funcionamento interno como na relación coa clientela.
Fonte: PIMEC
Ponse en marcha unha iniciativa que une lingua catalá e gastronomía
O proxecto «Receptes per la llengua», impulsado en Canet de Mar, combina gastronomía e aprendizaxe do catalán como ferramenta de integración e cohesión social. A través dun obradoiro de conversa, persoas de diversas orixes culturais compartiron receitas e experiencias, convertendo a cociña nun espazo de encontro e recoñecemento mutuo. O resultado é un receitario multilingüe que celebra a diversidade e pon o catalán como lingua común para convivir e construír comunidade.
Fonte: Capgròs
RTVE lanzará o 11 de setembro unha canle co catalán coma lingua predominante
RTVE confirmou que converterá La 2 nunha canle con programación en catalán, co propósito de ofrecer contidos propios e adaptados á realidade lingüística e social de Cataluña. A grella en catalán comezará a ampliarse a partir do 11 de setembro e prevese que a metade da emisión sexa nesta lingua antes de finalizar o ano, cun obxectivo do 60 % en xuño de 2026.
Fonte: El Diario
Segundo un estudo, 8 de cada 10 residentes en Cataluña consideran que o catalán é importante para o seu progreso profesional

O InformeCAT revela que a gran maioría da poboación catalá considera esencial aprender catalán para integrarse social e profesionalmente e acceder á cultura. Porén, o uso habitual da lingua segue a ser minoritario entre persoas migrantes e só unha pequena parte das denuncias por vulneracións de dereitos lingüísticos derivan en sancións.
Fonte: 20minutos
Boletín
Subscríbase ao boletín