Cataluña
Amplíase a oferta formativa do Goberno catalán para mellorar as competencias lingüísticas do persoal sanitario
O Departamento de Saúde lanza a segunda edición do programa «Prescriu-te el català», coa ampliación da oferta formativa co nivel A2 e modificando o formato das clases para mellorar a expresión oral. A primeira edición contou cunha gran demanda e máis de 1300 profesionais completaron con éxito os cursos. O obxectivo é garantir unha comunicación efectiva no ámbito sanitario e reforzar o uso do catalán.
Fonte: Segre
Unha nova bolsa de emprendemento lingüístico para falantes de catalán e irlandés busca o compromiso da mocidade na preservación destas linguas

O proxecto Cumasú + Impacte, impulsado polo Concello de Dublín e a Plataforma per la Llengua, ofrecerá unha bolsa formativa para vinte mozas e mozos falantes de catalán e irlandés, coa finalidade de fomentar a revitalización lingüística a través do emprendemento social. A iniciativa, incluída no programa Erasmus+, inclúe talleres en liña e estadías en Dublín e Barcelona, onde se traballarán competencias en liderado e xestión de proxectos. O obxectivo é fortalecer o compromiso da mocidade coa preservación das súas linguas e dotala de ferramentas para crear iniciativas sostibles.
Fonte: dBalears
Televisión Española disporá nos vindeiros meses dunha canle integramente en catalán
O Goberno catalán anunciou que Televisión Española contará cunha canle que emitirá integramente en catalán, dentro dunha estratexia para reforzar a presenza desta lingua nos medios públicos e para impulsar a industria audiovisual catalá e garantir a difusión do idioma.
Fonte: EFE
Só catro de cada dez adestramentos de clubs de Cataluña se realizan en catalán

Só o 41,8 % dos adestradores e adestradoras dos clubs deportivos en Cataluña emprega o catalán nos adestramentos, segundo unha enquisa realizada en 2024 por Òmnium Cultural e a UFEC. Para impulsar o uso desta lingua, presentouse un plan que inclúe formacións, guías e recursos, co obxectivo de reforzar a súa presenza nos adestramentos e na dinámica dos clubs.
Fonte: Diari de la Llengua
Comeza a tradución ao catalán do servizo de mensaxes instantáneas de Facebook
Meta está comezando a incorporar o catalán en Messenger, dispoñible en versión de escritorio e Android, pero aínda non en iOS. A Plataforma per la Llengua cualifica este avance de modesto e reclama que Instagram e Threads tamén ofrezan soporte para esta lingua. A entidade destaca a sorprendente exclusión do catalán en redes sociais populares, a pesar de estar presente en Facebook desde 2008 e WhatsApp desde 2012.
Fonte: El Món
A Universidade Rovira i Virgili presenta un espazo informativo sobre dereitos lingüísticos
A Universidade Rovira i Virgili (URV) inaugurou un Punto de Dereitos Lingüísticos no Campus Catalunya, consistente nun panel con acceso mediante código QR á información sobre estes dereitos. O obxectivo é divulgar os recursos e as accións relacionados coa política lingüística da institución.
Fonte: Diari Més
Publícase a versión en catalán de dúas novas normas UNE-ISO
O Centro de Terminoloxía TERMCAT publicou a versión en catalán das normas UNE-EN ISO/IEC 27000:2021 e UNE-EN ISO/IEC 27001:2023, relativas á xestión da seguridade da información. A norma 27000 define conceptos básicos deste ámbito, mentres que a 27001 establece requisitos para implementar un sistema de xestión de seguridade. Ademais, tamén se traduciu a emenda sobre accións climáticas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Unha xornada analiza o impulso do catalán como eixe das políticas municipais dos concellos de Cataluña
A Primeira Xornada sobre Política Lingüística nos Municipios abordou as estratexias para reforzar o uso do catalán a nivel local. O conselleiro F. Xavier Vila destacou o papel dos concellos como espazos clave de socialización e propuxo medidas como a creación de plans municipais e incentivos fiscais para fomentar a lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Apróbase o Pacto de Figueres polo catalán
O Concello de Figueres impulsará o Pacto de Figueres polo catalán para garantir o desenvolvemento desta lingua na cidade. Este compromiso busca frear o retroceso do uso social do catalán e promover o seu cumprimento en sectores como o comercio, a sanidade e a xustiza.
Fonte: Ajuntament de Figueres
Os vehículos BYD inclúen o catalán no seu sistema de infoentretemento
A empresa chinesa BYD incorpora o catalán nos menús de infoentretemento dos seus vehículos eléctricos grazas á colaboración da Aliança per la Presència Digital del Català e Softcatalà, que revisaron as traducións e suxeriron melloras.
Fonte: El Nacional
Boletín
Subscríbase ao boletín