Cataluña
Publícase por primeira vez nunha revista científica o resumo dun artigo en catalán
Por primeira vez, unha revista científica internacional, Nature Communications, publicou o resumo e sumario dun artigo en catalán. O estudo, liderado polo Centro de Regulación Xenómica, presenta unha nova metodoloxía para identificar e caracterizar xenes mediante a análise de secuencias de ARN. Este feito representa un fito histórico para a lingua e a ciencia catalás.
Fonte: Ara
Un total de 104 modelos de coche xa ofrece un manual de uso en catalán
Dez marcas de automóbiles ofrecen agora manuais de usuario en liña en catalán, co que se incrementou a cifra de 18 modelos en 2019 a 104 en 2024. A Generalitat de Cataluña está a traballar para ampliar a oferta nesta lingua nos produtos e servizos do sector do automóbil.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Censo de entidades de fomento da lingua catalá increméntase ata alcanzar as 361
O Censo de entidades de fomento da lingua catalá alcanzou este ano as 361 entidades, co que duplica o crecemento medio dos últimos anos. Das 361, 200 son do ámbito cultural; 46 de integración social; 42 do ámbito profesional, laboral e empresarial; 36 de mocidade, lecer e deporte; 23 de fomento da lingua; e 13 de ciencia e tecnoloxía.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Universidade de Lleida aproba o seu novo Plan de linguas 2024-2026
O Consello de Goberno da Universidade de Lleida (UdL) aprobou o Plan de linguas 2024-2026, para reforzar o catalán como lingua oficial e institucional, fomentar o uso das linguas oficiais en Cataluña e promover o plurilingüismo na comunidade universitaria. O plan inclúe accións como axudas para materiais docentes en catalán, a publicación de webs institucionais en occitano e a incorporación da lingua de signos en actos institucionais.
Fonte: Universitat de Lleida
O plan de acción Ofercat impulsa o uso do catalán no comercio de seis municipios do Vallès Oriental
O Plan Ofercat foi servirá para promover o uso do catalán no comercio en seis localidades do Vallès Oriental. Inclúe formación nos establecementos e colaboración cos axentes económicos locais para aumentar o uso do catalán a través de accións formativas, informativas e de sensibilización.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Terrassa constituirá o Consello Municipal pola Lingua Catalá
O Consello Municipal pola Lingua Catalá, que se constituirá no pleno municipal do 28 de xuño, busca fomentar a participación cidadá e das entidades para impulsar o uso do catalán e mellorar a cohesión social. Este órgano promoverá a lingua catalá en diversos ámbitos municipais e garantirá a súa oficialidade en Terrassa.
Fonte: Ajuntament de Terrassa
O Concello de Vic estrea unha caixa de correo para recoller denuncias lingüísticas
O Concello de Vic activou unha caixa de correos cidadá para recoller denuncias lingüísticas e suxestións sobre o uso do catalán e os dereitos lingüísticos. Esta medida forma parte dos esforzos da concellería de Lingua para fortalecer o catalán na cidade.
Fonte: Ajuntament de Vic
Tarragona lanza o plan de acción Ofercat para impulsar o uso do catalán no comercio local

O plan de acción Ofercat ten como obxectivo promover o uso do catalán no comercio de Tarragona. Inclúe accións formativas nos propios establecementos e busca garantir a dispoñibilidade lingüística en catalán como un dereito e unha aposta pola calidade do servizo e a responsabilidade social corporativa. O plan conta coa colaboración dos axentes económicos locais e centrará as súas accións en sectores como a hostalería e a restauración, con especial atención aos comercios con maiores déficits lingüísticos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Un 56 % das buscas en Google ofrece resultados en catalán grazas a un cambio no algoritmo

A presenza do catalán nas buscas de Google aumentou significativamente e alcanzou o 56% das buscas nesta lingua. Isto foi consecuencia dun cambio de algoritmo aplicado por Google en agosto de 2023, que mellorou a interpretación das intencións das persoas usuarias.
Fonte: Diari de la Llengua
Segundo un estudo, o uso do catalán diminúe na cidade de Barcelona

Un estudo da Enquisa de Servizos Municipais de Barcelona de 2023 revela que o uso do catalán na cidade caeu ao 36,5 %, unha porcentaxe semellante ao 36,1 % do total de Cataluña, segundo a Enquisa de Usos Lingüísticos de 2018. O uso do catalán descendeu progresivamente desde o 49 % en 1989 ata o 37 % en 2023.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín