Cataluña

Nacen uns premios que recoñecen a creación de contidos en catalán

As entidades 3Cat, AMIC e Fundació.cat crearon os Premis Crit, que buscan recoñecer a creación de contidos en catalán nas redes sociais e plataformas dixitais. O obxectivo é profesionalizar o sector e favorecer o uso desta lingua no ámbito dixital. Inclúen varias categorías, como humor, arte e gastronomía, e o premio ao mellor vídeo do ano será elixido polo público.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A Universidade de Barcelona pon en marcha una nova edición do seu ciclo para difundir a lingua e a cultura aranesas

A Universidade de Barcelona celebrará por cuarto ano consecutivo o ciclo Maig Aranès, un programa de actividades e conferencias orientado a dar a coñecer a lingua e a cultura do Val de Arán. O ciclo, dirixido ao alumnado e ao público en xeral, inclúe concertos, conferencias e unha clase aberta de aranés, e enmárcase nas accións de promoción desta lingua no ámbito universitario, co apoio da Generalitat de Cataluña.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Generalitat de Cataluña convoca bolsas para a creación de contidos audiovisuais en catalán e occitano

O Departamento de Política Lingüística de Cataluña convoca por segundo ano bolsas destinadas a apoiar persoas creadoras de contido audiovisual en catalán ou en occitano. As axudas buscan aumentar a presenza destas linguas nas redes sociais e favorecer a profesionalización do sector. Cada persoa beneficiaria deberá crear unha serie de dez vídeos, de cinco minutos como mínimo, que se difundirán en plataformas dixitais.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Publícase un dicionario en liña occitano aranés

O Instituto de Estudos Araneses-Academia Aranesa da Lingua Occitana presentou o novo Dicionario Occitano Aranés en liña, que recolle máis de 15 000 entradas. Esta ferramenta léxica, que amplía a publicada en 2022, facilita o uso do aranés no ámbito dixital e busca ser un recurso normativo e accesible para a comunidade falante desta lingua. O dicionario, que se actualizará progresivamente, está dispoñible de maneira gratuíta grazas ao apoio de diferentes institucións.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

A nova canle en catalán de RTVE comezará as súas emisións en setembro

A nova canle de RTVE integramente en catalán, 2CAT, comezará a emitir en probas arredor da Diada e estará plenamente operativo en outubro. Cunha duración prevista de 15 anos, o proxecto busca reforzar a presenza do catalán no ámbito audiovisual, amosar unha Cataluña diversa e avanzar na normalización lingüística.

Fonte: 20minutos

Cataluña

A Generalitat de Cataluña anuncia unha convocatoria de bolsas para impulsar os estudos de Filoloxía Catalá

A Generalitat de Cataluña reforza a campaña "Tria Filologia Catalana" co obxectivo de impulsar a matrícula neste grao ante a alta demanda laboral no ensino, a planificación lingüística e sectores como o editorial ou tecnolóxico. Como novidade, a partir do curso 2025-2026 activará un programa piloto de bolsas, dotado con máis de 100 000 euros, para facilitar o acceso ao grao. A campaña inclúe accións de comunicación durante todo o ano e conta coa colaboración das universidades catalás.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Vic impulsa unha campaña para fomentar o uso do catalán en todos os contextos

O Concello de Vic puxo en marcha unha campaña nas redes sociais para promover o uso do catalán en todos os espazos da vida diaria e subliñar o seu valor como símbolo de cohesión e identidade. A iniciativa forma parte do Plan de acción municipal pola lingua que inclúe medidas como a creación dun espazo de denuncias lingüísticas, cláusulas nos contratos públicos e formación para o persoal.

Fonte: El Món

Cataluña

O Goberno de Cataluña organiza un concurso de proxectos de aplicacións innovadoras en catalán para start-ups e pemes

A Generalitat de Cataluña lanzou o Aina Challenge, un concurso dirixido a pequenas empresas e start-ups que desenvolvan proxectos innovadores en intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe en catalán. A iniciativa, impulsada polo Barcelona Supercomputing Center no marco do Proxecto Aina, conta cun orzamento de 1 millón de euros para financiar ata 22 propostas que respondan a tres retos clave: creación de aplicacións, control dos sistemas e xeración de recursos abertos. O obxectivo é fortalecer a presenza do catalán no ecosistema dixital e favorecer a súa integración en ferramentas baseadas en IA.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Varios concellos de Cataluña acollerán obradoiros de maxia para fomentar o uso do catalán

Os obradoiros de maxia desenvolveranse en catorce municipios de Cataluña e están dirixidos ás parellas lingüísticas do programa Voluntariado pola Lingua. A actividade, dinamizada polo mago Eduard Juanola, permite practicar o catalán nun contexto lúdico coa implicación das persoas voluntarias.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Amplíase a oferta de curso de catalán en 30 000 prazas

O Goberno catalán aprobou un plan de choque para ampliar en 30 000 as prazas de formación en lingua catalá, co obxectivo de alcanzar as 140 000 anuais en 2026. A iniciativa, cun investimento de 8,8 millóns de euros, está dirixida a persoas recentemente chegadas e a sectores como a educación, a saúde e o comercio. Inclúe máis cursos, novos formatos, maior frecuencia e unha aposta pola descentralización a través de subvencións aos municipios.

Fonte: El Nacional

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder