Cataluña
O Parlamento de Cataluña reclama máis intérpretes e recursos para a lingua de signos catalá
O Parlamento de Cataluña aprobou instar o Goberno a incrementar a dotación de intérpretes de lingua de signos catalá (LSC) para estudantes e crear un programa orzamentario para aplicar a lei da LSC. Ademais, acordouse reforzar as axudas ás entidades de apoio á comunidade xorda e establecer unha bolsa de mediadores comunicativos.
Fonte: El Diario
Os premios Crea OCCAT recoñecen o papel da mocidade na promoción do catalán e do occitano no ámbito dixital
O conselleiro de Política Lingüística participou na entrega dos premios Crea OCCAT no Palau de Pedralbes, onde destacou a importancia do uso do catalán e o occitano no ámbito dixital e o papel da mocidade.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Preséntase a terceira edición de SAGA, o salón do videoxogo en catalán
O conselleiro de Política Lingüística de Cataluña presentou a terceira edición de SAGA, o salón do gaming en catalán, que ten lugar en L'Hospitalet de Llobregat ata o 1 de decembro. O evento incluirá competicións, talleres, charlas sobre intelixencia artificial e un día familiar. Esta edición tamén lles dará máis visibilidade aos Premios SAGA, que recoñecen os mellores videoxogos en catalán.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Lanzan un suplemento de pasatempos en catalán
O xornal Ara lanza o suplemento en papel Capficat, un caderno semanal de oito páxinas con xogos en catalán, que aparecerá cada sábado co diario. A iniciativa inclúe encrucillados, sopas de letras e xogos que fomentan o dominio da lingua. Ademais de entreter, Capficat engade elementos de cultura xeral e creación artística aos pasatempos, cun deseño e enfoque novidosos que conectan coa actualidade.
Fonte: Ara
A radio en catalán será a protagonista dunha nova edición da Viquillengua

A XI edición da Viquillengua, que se celebra do 8 e o 15 de novembro, estará dedicada á radio en catalán para conmemorar o seu centenario. Coordinado polo Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña xunto con outras entidades, o evento promove a edición e a ampliación de contidos sobre a radio na Viquipèdia en catalán, tanto en liña como en actividades presenciais en varios lugares.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña organiza catro novas rutas lingüísticas para dar a coñecer a diversidade territorial do catalán

O Departamento de Política Lingüística de Cataluña ampliou o proxecto «Camins del català» co lanzamento de catro novas rutas lingüísticas destinadas a promover o coñecemento das variantes do catalán en distintos territorios. A documentación, dispoñible en formato PDF na web do proxecto, inclúe audioguías e un mapa interactivo, e está concibida para facilitar a aprendizaxe da lingua e ampliar o interese pola cultura catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A lista de agarda para acceder a un curso de catalán alcanza as 9000 persoas
A oferta de cursos de catalán do Consorci per a Normalització Lingüística (CPNL) resulta insuficiente ante a crecente demanda, xa que máis de 9000 persoas están en lista de agarda en 2024, en especial para o nivel básico. A situación agravouse coa chegada de nova poboación, que incrementou as solicitudes sen que se incrementasen os recursos proporcionalmente.
Fonte: El Nacional
As universidades implícanse no fomento do uso do catalán na xustiza
As universidades da Xarxa Vives adheríronse ao portal Compendium.cat, promovido polo Consello da Avogacía Catalá, co obxectivo de fomentar o uso e mellorar a calidade do catalán xurídico. A adhesión formalizouse nun acto na Universidade de Barcelona, no que se destacou o valor deste proxecto para incrementar a presenza do catalán na xustiza. A colaboración entre universidades e avogacía busca fortalecer a lingua catalá no ámbito xurídico e educativo, e ofrecer recursos para profesionais e estudantes do sector.
Fonte: Diari de la Llengua
Nace a Asociación de SEO en Catalán

Durante o SEOday Girona presentouse a Asociación de SEO en Catalán, unha entidade que busca impulsar a visibilidade do catalán en internet. O proxecto ofrece apoio e formación a profesionais e empresas para mellorar o seu posicionamento dixital en catalán, coa meta de garantir unha presenza destacada desta lingua na rede.
Fonte: El Nacional
O programa de cine infantil CINC retoma a súa actividade coa proxección de máis filmes en catalán

O programa de Cinema Infantil en Catalán (CINC), impulsado polo Departamento de Política Lingüística, reactivouse en outubro con 185 proxeccións en 28 localidades de Cataluña e 2 da Franja de Aragón. O obxectivo é promover o consumo de cine en catalán, mediante reestreas a prezos reducidos. A programación inclúe filmes dobrados grazas ao apoio do Departamento, e contará coa colaboración de diferentes entidades e concellos. No primeiro semestre de 2024, o CINC rexistrou 11 540 asistentes e continuará ampliando a súa oferta ata xaneiro.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín