Cataluña

Un estudo constata un incremento do uso do catalán nas pemes

Un estudo de Pimec, en colaboración coa Generalitat, constata un aumento do uso do catalán no ámbito empresarial dun 17,2 % desde 2012. A maioría das empresas considera que o uso da lingua se mantén, pero sectores como a construción e a hostalería destacan polo seu uso habitual en atención ao cliente. O catalán é máis empregado na documentación interna, mentres que nas redes sociais a súa presenza varía segundo o sector económico.

Fonte: Vía Empresa

Cataluña

A nova convocatoria de cursos de catalán ofrece máis de 32 000 prazas para aprender esta lingua

O Consorci per a la Normalització Lingüística abre en decembro o período de inscricións para os novos cursos trimestrais de catalán, dispoñibles entre os niveis A1 e C1, con máis de 32 000 prazas ofertadas, maioritariamente en modalidade presencial. Os niveis inicial e básico son gratuítos e teñen prioridade para persoas con poucos coñecementos da lingua.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A Generalitat Valenciana convoca subvencións para o fomento do valenciano no ámbito musical

A Generalitat Valenciana destinou preto de 698 000 euros para promover o valenciano e o multilingüismo no ámbito musical, apoiando festivais, concertos e gravacións. Estas axudas buscan fomentar a creación, produción e difusión de actividades musicais realizadas nesta lingua para visibilizar o valenciano na sociedade actual.

Fonte: Generalitat Valenciana

Cataluña

Unha campaña informa sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía de Cataluña na atención sanitaria

Plataforma per la Llengua comezou unha campaña para sensibilizar sobre o dereito dos pacientes a seren atendidos en catalán nos centros de saúde, distribuíndo trípticos con información sobre os dereitos lingüísticos en diversas localidades de Cataluña. A iniciativa destaca a importancia de garantir o uso do catalán no ámbito sanitario e denuncia que este é un dos sectores con máis discriminacións lingüísticas. Ademais, a entidade ofrece apoio legal a quen sufra agresións lingüísticas e fai un chamamento á denuncia destas situacións.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O Boletín Oficial do Estado volve publicarse en catalán

O Boletín Oficial do Estado retomou a publicación do suplemento en catalán tras máis de tres anos, grazas a un convenio entre a Generalitat e o Goberno. Este acordo inclúe a tradución de normativas e disposicións xerais en catalán, cun custo anual máximo de 273 000 euros. A publicación limítase ao formato electrónico e só se traduce o sumario das disposicións acordadas.

Fonte: 20minutos

Cataluña

Santa Coloma de Gramenet presenta un plan para impulsar o uso do catalán no comercio local

O Plan Ofercat 2024-2028, presentado en Santa Coloma de Gramenet, busca promover o uso do catalán no comercio mediante formación, sensibilización e colaboración con axentes locais. O plan incidirá en sectores con carencias lingüísticas e incluirá accións específicas en barrios, formación directa en comercios e campañas de promoción para mellorar o uso social desta lingua ata 2028.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

As emisoras de Cataluña deberán emitir, como mínimo, un 25 % de música en catalán ou aranés

A partir de xaneiro de 2026, as emisoras de radio musicais en Cataluña deberán emitir polo menos un 25 % de música en catalán ou aranés, tal como establece a Lei de política lingüística. O Consello Audiovisual de Cataluña (CAC) aprobou esta medida, que contará cun período transitorio durante 2025 para que as emisoras adapten progresivamente a súa programación. Esta normativa busca garantir unha maior presenza da música producida por artistas cataláns.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O dicionario en liña da lingua catalá engade 87 novas entradas e 289 modificacións

O Institut d’Estudis Catalans actualizou o Diccionari de la llengua catalana (DIEC) con 87 novas entradas e 289 modificacións ou ampliacións. Entre as novidades destacan palabras como autocaravana, batucada ou pàdel, así como variantes territoriais para mellorar a representación xeográfica do catalán. Tamén se revisaron definicións como a de ecològic, engadíronse novas acepcións en termos tecnolóxicos e ampliáronse conceptos como cònjuge ou malla. A actualización busca mellorar a unidade da lingua e reflectir a súa evolución.

Fonte: Institut d'Estudis Catalans

Cataluña

A Universidade de Barcelona convoca un premio ás mellores teses de doutoramento en catalán

A Universidade de Barcelona convoca a cuarta edición dos Premios Antoni M. Badia i Margarit para recoñecer as mellores teses de doutoramento redactadas en catalán. Os premios inclúen catro modalidades e están dotados con 1600 euros por tese gañadora, ademais de mencións honoríficas.

Fonte: Universitat de Barcelona

Cataluña

Unha nova ferramenta mellorará a consulta de datos e estudos sobre o catalán e o aranés

O Departamento de Política Lingüística de Cataluña creou un buscador para consultar estudos sobre o catalán e o aranés realizados desde 2001. A ferramenta permite buscar por ano, ámbito ou palabras clave, e ofrece acceso a materiais como artigos, vídeos e notas de prensa. Ademais, mellorouse a visualización dos indicadores lingüísticos e datos do proxecto Ofercat, con ferramentas interactivas que inclúen gráficos e mapas.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder