Cataluña
Unha liña de axudas subvencionará actividades de fomento do occitano en Cataluña
Publicáronse as bases que regulan as axudas para a realización de actividades que fomenten o coñecemento e o uso do occitano en Cataluña.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Solicitan que se retransmitan en catalán os partidos dos equipos de Cataluña de 1ª división
A Plataforma pola Lingua envioulles unha carta aos equipos cataláns de 1ª división de fútbol (FC Barcelona, RCD Español e Xirona FC) onde solicita que lles reclamen aos operadores de televisión que os partidos dispoñan de audio en catalán como "opción por defecto". Do mesmo xeito, tamén piden que esta lingua estea presente nas retransmisións por Internet.
Fonte: ElNacional.cat
Unha nova edición do proxecto Kastanya.cat impulsará o uso do catalán e o occitano por medio da música
A Generalitat e Lleida Televisión organizan unha nova edición do proxecto Kastanya.cat que ten como obxectivo impulsar o uso do occitano e do catalán a través da música e apoiar os grupos musicais que cantan nalgunha destas dúas linguas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Universidade Pompeu Fabra pon en marcha un novo curso de docencia en lingua de signos catalá
A Universidade Pompeu Fabra presentou un curso formativo de docencia en lingua de signos catalá, que terá lugar durante o curso académico 2017-2018. O curso está dirixido a profesores en activo ou en formación e achegará contidos que afonden en competencias de análise lingüística.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña finaliza o curso con resultados moi positivos
O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña finalizou o curso académico con resultados moi positivos, pois ofreceu case 2000 cursos presenciais e contou con máis de 40 000 persoas inscritas tanto na modalidade presencial como en liña. Do mesmo xeito, houbo 4000 parellas lingüísticas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Consellería de Cultura de Cataluña achegará 300 000 euros para traducir obras literarias e ensaios á lingua catalá
A Consellería de Cultura de Cataluña achegará 300 000 euros a unha nova liña de axudas para traducir obras literarias e non literarias ao catalán. Segundo indicou o conselleiro Santi Vila, cómpre mencionar que se fará fincapé na tradución de ensaios.
Fonte: El Periódico
O Tribunal Constitucional discutirá sobre catro sentenzas relacionadas co uso do catalán
O Tribunal Constitucional debaterá catro sentenzas vinculadas ao uso da lingua catalá. En concreto, tratarase a Lei do cine, o Código de Consumo, a lei de acollida de persoas inmigrantes e o recurso sobre a Lei audiovisual de Cataluña.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno de Cataluña entrega un premio para salientar o labor de fomento da lingua de signos catalá
Entregouse o Premio de Fomento da Lingua de Signos Catalá nun acto no que participaron a directora xeral de Política Lingüística, Ester Franquesa, o presidente da Federación de Persoas Xordas de Cataluña, Antoni Martínez, e a subdirectora xeral de Política Lingüística, Marta Xirinachs. Este premio recoñece a persoas, entidades e iniciativas que promoven e conceden prestixio á lingua de signos catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Tribunal Constitucional declara que a política lingüística do Goberno de Cataluña é constitucional pero con restricións
O Tribunal Constitucional recoñeceu a constitucionalidade das catro leis impugnadas polo PP, o Goberno de España e a Defensora do Pobo, se ben manifestou que a dobre oficialidade lingüística ten que entenderse dun xeito equilibrado, sen que unha lingua sexa superior á outra.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A marca catalá Cuinara, de comida saudable, obtén o Recoñecemento á Calidade Lingüística Empresarial
A marca catalá de comida saudable Cuinara obtivo o Recoñecemento á Calidade Lingüística Empresarial. Esta marca pertence ao grupo de entidades de economía social Àuria, que conta cunhas 700 persoas traballadoras.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín