Cataluña
Segundo un informe, o catalán úsase máis nas pemes que nas grandes empresas
El uso habitual del catalán en las pymes é o título dun informe da patronal Pimec que, entre as súas conclusións, sinala que o uso do catalán nas comunicacións coa clientela se incrementou un 17,1 % na última década.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno de Cataluña e o Consello da Avogacía Catalá renovan o seu convenio para o fomento do catalán na quenda de oficio
A renovación deste convenio, polo que o Consello da Avogacía Catalá recibirá 350 578 euros, suporá a execución dun programa de fomento do uso do catalán nas actuacións procesuais de asistencia xurídica gratuíta para o ano 2024.
Fonte: Generalitat de Catalunya
As vendas de libro en catalán medran un 12 %
O Gremio de Editores de Cataluña salientou o incremento das vendas do libro en catalán, un 12 % respecto ao ano anterior, que supoñen uns 140 millóns de euros no sector do libro en Cataluña.
Fonte: Ara
Publícase en liña a terminoloxía catalá das barreiras no comercio internacional

Terminologia de les barreres al comerç internacional, publicada en liña polo TERMCAT e ACCIÓ, inclúe 200 termos en catalán coas súas equivalencias en castelán, francés e inglés, así como definicións e notas complementarias.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña organiza unha proba piloto para impulsar o uso do catalán nos servizos sociais
Unhas sesenta persoas participaron nunha proba piloto para fomentar o uso do catalán no ámbito dos servizos sociais. Esta actividade formativa buscaba coñecer as causas dos hábitos lingüísticos da poboación catalanfalante, adquirir competencias para usar esta lingua no contexto laboral ou intervir nos prexuízos lingüísticos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Dúas universidades de Cataluña porán en marcha un programa para incrementar o uso do catalán en 16 centros educativos

As universidades de Vic e de Barcelona porán en marcha entre 2024 e 2026 un programa de investigación para incrementar o uso do catalán dentro e fóra da aula nas etapas de Infantil, Primaria e Secundaria de 16 centros educativos da Área Metropolitana de Barcelona.
Fonte: La Vanguardia
Actualízase o Diccionari de la Llengua Catalana (DIEC) na súa versión en liña con trinta novos termos
O Instituto de Estudos Cataláns (IEC) actualizou a versión en liña do seu dicionario coa inclusión de trinta novos artigos e 278 modificacións e ampliacións doutras entradas.
Fonte: La Vanguardia
A Generalitat de Cataluña convoca unha nova axuda para espectáculos musicais de gran formato en catalán ou occitano
Ata o 4 de decembro estará aberto o prazo para unha nova liña de axudas, que conta cunha dotación dun millón de euros, dirixida a proxectos de produción teatral de espectáculos de musicais de gran formato en catalán ou occitano.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A décima edición do Viquimarató de la Llengua Catalana dedícase ao vocabulario deportivo

Do 23 ao 29 de novembro celébrase o X Viquimarató de la Llengua Catalana, que estará dedicado ao vocabulario deportivo e no que poderán participar persoas e entidades dos territorios de fala catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña incorporará un asesor para reforzar a aprendizaxe do aranés nas escolas de Aran
A conselleira de Educación anunciou a creación dunha praza de asesor en lingua, interculturalidade e cohesión social (LIC) para reforzar a aprendizaxe do aranés nos centros educativos de Aran.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín