Navarra
Descende lixeiramente o emprego do éuscaro na Comunidade Foral de Navarra

Segundo un estudo, o emprego do éuscaro en Navarra sufriu un descenso de 0,8 puntos respecto a 2016. Como dato positivo sinálase un incremento no número de falantes entre a poboación máis nova, o que podería considerarse un sinal de recuperación social desta lingua.
Fonte: El Diario
Nace “Laba”, un local para fomentar o uso do éuscaro en Pamplona

Co obxectivo de aumentar o número de falantes de éuscaro en Pamplona, un grupo de mozos crea "Laba", un espazo que se localiza no centro da capital para chegar a un público maior e consolidar o uso desta lingua a través de actividades culturais moi variadas.
Fonte: elDiario.es
O Goberno de Navarra estuda posibles vías de participación no PERTE da nova economía da lingua
O Goberno navarro analizou co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital as posibles vías de participación de Navarra no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da nova economía da lingua.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Goberno de Navarra convoca axudas para a aprendizaxe do éuscaro
Esta convocatoria, á que se destinaron 300 000 euros, está dirixida ás persoas adultas que queiran aprender éuscaro. As subvencións concederanse ás modalidades de internado, cursos extensivos e intensivos, autoaprendizaxe e cursos específicos.
Fonte: Gobierno de Navarra
Preséntase o proxecto Anima-Euskera, unha homenaxe a cinco personaxes que mantiveron vivo o éuscaro e a cultura en Navarra
O proxecto Anima-Euskera é unha homenaxe audiovisual e ilustrada a cinco personaxes que mantiveron vivo o éuscaro e a cultura en Navarra: Perpetua Saragüeta, Mariano Izeta, Julia Fernández Zabaleta, Ceferina Fontellas e Juan de Amendux.
Fonte: Diario de Navarra
Máis de sesenta persoas participan en Euskara langai, un punto de encontro para empresas e entidades con responsabilidade na xestión lingüística

Pamplona acolleu a primeira edición de Euskara langai, un novo programa que pretende converterse nun punto de encontro para as empresas e as entidades con responsabilidade na xestión lingüística, ademais dun escaparate das súas boas prácticas.
Fonte: Gobierno de Navarra
Preséntase Punttuka, un método de aprendizaxe en éuscaro de lectoescritura en braille

O conselleiro navarro de Educación presentou Punttuka, o primeiro método de aprendizaxe de lectoescritura en éuscaro dirixido a alumnado de infantil e primaria, tanto en tinta como en braille.
Fonte: Noticias de Navarra
Tudela acolle unha concentración de máis dun centenar de persoas a prol do éuscaro
Baixo o lema “Non máis desprezo, dereitos para todos e todas”, a manifestación enmárcase na campaña que vai en contra da proposta de decreto do Goberno de Navarra para eliminar a valoración do coñecemento do éuscaro nos concursos de acceso a prazas da administración pública na zona non vascófona da comunidade.
Fonte: Plaza Nueva
Unha xornada mostrará experiencias de promoción do éuscaro no ámbito laboral de Navarra
A xornada Euskara langai, organizada polo Goberno de Navarra, ten como obxectivo fomentar o uso do éuscaro no ámbito socioeconómico e mostrar experiencias de éxito na Comunidade Foral.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos de Navarra recibe 1200 denuncias pola imposibilidade de recibir servizos públicos en éuscaro

Behatokia, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, recibiu 1200 solicitudes dirixidas ao Goberno de Navarra nas que se denuncia a imposibilidade de recibir servizos públicos en éuscaro, razón pola que se convoca unha manifestación para o 7 de maio na que se pedirá que se tomen medidas para reverter esta situación.
Fonte: Cadena SER
Boletín
Subscríbase ao boletín