País Vasco
O Concello de San Sebastián repartirá 13 133 euros entre 21 entidades para fomentar o éuscaro
Un total de 21 entidades donostiarras sen ánimo de lucro repartiranse os 13 133 euros que o Concello de San Sebastián aprobou para o desenvolvemento de proxectos de fomento do éuscaro. Trátase de iniciativas que se organizan para completar e desenvolver o Plan xeral do éuscaro, informou o consistorio donostiarra nun comunicado.
Fonte: Diario Vasco
O Goberno vasco destina máis de 800 000 euros a material escolar en éuscaro
O Goberno vasco destinou axudas por un importe superior aos oitocentos mil euros para a elaboración de material escolar en éuscaro. A partida máis importante, por un montante de 514 627 euros, está destinada a subvencións para libros e demais material didáctico de niveis non universitarios impresos en éuscaro. O obxectivo destas subvencións é que o ensino en éuscaro non supoña un incremento do gasto para o alumnado en razón do material didáctico utilizado.
Fonte: Diario Vasco
O Concello de Éibar creará unha oficina para a Comisión do Éuscaro
O Concello de Éibar adoptou a decisión de desligar os temas referidos ao éuscaro dos relacionados con cultura e crear así unha comisión asesora específica para a lingua vasca. Ata entón, as dúas áreas estaban integradas nunha única comisión. Porén, nun momento no que se prepara o Plan de acción para a promoción do éuscaro que rexerá durante os próximos cinco anos decidiuse crear unha comisión propia. Esta medida reflíctese fisicamente na posta en marcha dunha oficina correspondente a este departamento.
Fonte: Diario Vasco
O Concello de Vitoria oferta máis de 80 cursos de éuscaro para o ano 2014-2015
O Concello de Vitoria ofertará máis de 80 cursos de éuscaro no período 2014-2015, entre eles varios dirixidos a maiores de 55 anos e estranxeiros.
Fonte: ABC
O 40 % da mocidade vasca matricularía os seus fillos nun modelo trilingüe
Catro de cada dez mozos vascos de entre 15 e 29 anos matricularían os seus fillos, de telos, en modelo trilingüe (éuscaro, castelán e inglés), segundo datos da enquisa “Retratos de xuventude” elaborada polo Goberno vasco.
Fonte: El Correo
O Goberno vasco anima os adultos a aprender éuscaro nos euskaltegis
As presentadoras de televisión Anne Igartiburu e Reyes Prados protagonizan o terceiro vídeo da campaña do Goberno vasco “Poziktibity”, no que animan os cidadáns a aprender éuscaro e ir aos euskaltegis.
Fonte: Deia
O Concello donostiarra oficializará o nome en éuscaro de 295 rúas
O Goberno de San Sebastián decidiu dar carácter oficial á denominación en éuscaro de 295 rúas e prazas da capital guipuscoana, moitas delas contan xa con placas neste idioma, a pesar de que ata o momento non se tramitou o seu rexistro administrativo en lingua vasca.
Fonte: Diario Vasco
O Goberno vasco destina 1,3 millóns de euros para o trilingüismo nos colexios concertados
O Goberno repartirá 387 600 euros entre os centros públicos que queiran levar a cabo proxectos trilingües ou plurilingües co éuscaro como “eixe” –en Primaria, Secundaria e Bacharelato durante dous anos. Pola súa parte, a rede concertada, que escolariza a outra metade do alumnado vasco, opta a algo mais de 1,3 millóns de euros para desenvolver estes plans e formar os seus docentes.
Fonte: El Mundo
O Banco Terminolóxico Vasco xa está dispoñible en dispositivos móbiles
O Goberno vasco desenvolveu unha nova aplicación para poder acceder a través dos dispositivos móbiles ao Banco Terminolóxico Público Vasco, Euskalterm. Esta é unha ferramenta con termos especializados de informática, economía, administración e dereito, e inclúe definicións e a tradución desas palabras en éuscaro a outras linguas.
Fonte: ABC
O Concello de Barrika pídelles axuda aos seus cidadáns para crear o Plan de éuscaro
O Concello de Barrika atópase en pleno proceso de creación do novo Plan de éuscaro que rexerá o tratamento da lingua na localidade. Para facer deste documento unha folla de ruta máis completa e próxima á cidadanía, o Consistorio quere recoller as sensacións e suxestións dos veciños do municipio.
Fonte: Deia
Boletín
Subscríbase ao boletín