País Vasco
Cinco superficies comerciais apoian a iniciativa Euskaraldia para mostrar o seu compromiso co uso do éuscaro no sector do comercio
El Corte Inglés, Carrefour, Uvesco (BM), Mercadona e Eroski súmanse á terceira edición de Euskaraldia e mostran así o seu compromiso para seguir avanzando na normalización do emprego do éuscaro neste sector.
Fonte: Gobierno Vasco
Ponse en marcha Pantailaldia, unha iniciativa para fomentar o contido audiovisual en éuscaro

Ata o 18 de novembro vaise levar a cabo Pantailaldia, unha iniciativa colectiva para promover o contido audiovisual en éuscaro co obxectivo de incrementar o consumo dos contidos nesta lingua e dar a coñecer as dificultades existentes para atopar estes contidos.
Fonte: EITB
A Deputación Foral de Biscaia reforza o impulso da lingua vasca nos seus orzamentos
A Deputación Foral de Biscaia destinará en 2023 case oito millóns de euros a seguir impulsando o uso do éuscaro en diferentes ámbitos. Destaca unha liña estratéxica vinculada á difusión da creación nesta lingua dotada con preto de 700 000 euros.
Fonte: Deia
O Departamento vasco de Saúde creará 26 espazos para expresarse en éuscaro
O Departamento de Saúde mostrou o seu apoio á iniciativa Euskaraldia e ao impulso do éuscaro, polo que crearán 26 “Arigunes”, espazos para expresarse nesta lingua co obxectivo de que esta gañe terreo e se logre un equilibrio entre os dous idiomas oficiais.
Fonte: Gobierno Vasco
O Concello de Oñati organiza unha nova edición de Berbalagun para practicar éuscaro
O programa Berbalagun está dirixido a persoas que queiran aprender ou perfeccionar o seu éuscaro falado nun ambiente distendido, a través de reunións de grupos reducidos no tempo de lecer das persoas participantes.
Fonte: El Diario Vasco
Preséntase o orzamento dedicado á política lingüística vasca para o ano 2023
A Viceconsellería de Política Lingüística contará cun orzamento de 73,5 millóns de euros en 2023, aos que haberá que sumar 10,8 millóns para a normalización lingüística da Administración Pública e 64,2 para a euscaldunización do sistema educativo. Son, polo tanto, en total 148,5 millóns de euros os que destinará o Goberno vasco á promoción do éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
Segundo as estatísticas de Eustat, o 60 % dos habitantes do País Vasco ten coñecementos de éuscaro

Seis de cada dez residentes en Euskadi teñen algún coñecemento de éuscaro e a porcentaxe de euscaldúns alcanza o 43 %, o que significa que se incrementou seis puntos na última década. Por territorios, Guipúscoa mantense como o territorio cunha maior porcentaxe de poboación euscaldún, seguido de Biscaia e, por último, Áraba.
Fonte: El Diario
Nace unha nova serie de debuxos animados en éuscaro que se difundirá a través de medios dixitais
Loa eta Laia é unha serie de debuxos animados dixitais en éuscaro, dirixida a menores de entre 2 e 7 anos, que ten como obxectivo fomentar a lingua, a cultura e os costumes vascos.
Fonte: Noticias de Álava
O Concello de Bilbao organiza tres iniciativas para fomentar o uso do éuscaro entre o alumnado
As iniciativas son «Zinema Euskeraz», «Euskal Jolasak eta Jokoak» e «Mundu Bat Bertso». A primeira delas diríxese a infantil, primaria e secundaria e consiste na proxección de diferentes películas en éuscaro; a segunda favorece o uso desta lingua entre os escolares de primaria e secundaria a través de actividades lúdicas e deportivas; e a terceira está pensada para que o alumnado de primaria mellore o seu uso oral.
Fonte: Ayuntamiento de Bilbao
A Real Academia da Lingua Vasca impulsa en Vitoria un proxecto para facilitarlle á mocidade a inmersión no éuscaro

Vitoria vai acoller a iniciativa Ahostegunak para facilitar a inmersión da xente nova de entre 18 e 22 anos no mundo da cultura en éuscaro, especialmente nos campos do bertsolarismo, a literatura, o canto e o teatro.
Fonte: Norte Exprés
Boletín
Subscríbase ao boletín