País Vasco
Lanzan unha proposta para a euscaldunización plena do sector público vasco en quince anos
Os sindicatos ELA e LAB e o Consello de Organismos Sociais do Éuscaro, Kontseilua, piden, a través da súa proposta, que se estableza un prazo de quince anos para que se garantan uns coñecementos mínimos de éuscaro en todos os empregos públicos e que se poida atender a cidadanía nesta lingua.
Fonte: Deia
O Goberno vasco pretende diferenciar entre os niveis oral e escrito de éuscaro para asignar os perfís lingüísticos no sector público
Entre as novidades do borrador do novo decreto que regula o proceso de normalización do éuscaro no sector público, proponse diferenciar os niveis de expresión oral e escrita asignados a cada posto de traballo e poder establecer un perfil lingüístico intermedio.
Fonte: Noticias de Álava
O Goberno vasco recorrerá a sentenza que permite ser policía local sen o nivel B2 de éuscaro
O Goberno vasco anunciou que vai recorrer a sentenza que permite o acceso ás bolsas de traballo de policía local sen a acreditación do perfil B2 de éuscaro, xa que considera que vai contra o dereito da cidadanía a recibir atención nesta lingua.
Fonte: Noticias de Álava
O Goberno vasco organiza programas formativos e de xestión en éuscaro coa colaboración de federacións deportivas

Grazas a esta colaboración poranse en marcha plans de normalización nas federacións de rugby, ximnasia, ciclismo, pelota e surf. Baixo o lema «Kiroletik, bagoaz euskarara» (desde o deporte, avanzamos no éuscaro) levaranse a cabo diferentes accións, como cursos para adestradoras e adestradores.
Fonte: Gobierno Vasco
A nova lei educativa vasca cambia os actuais modelos lingüísticos por outro no que o éuscaro se converte no eixe central

O Goberno vasco deu a coñecer o primeiro borrador da reforma da lei educativa, cuxa gran modificación é a eliminación dos modelos lingüísticos actuais que se cambiarán por un novo sistema no que o éuscaro constitúa o eixe central, pero no que se fixan uns coñecementos mínimos dos dous idiomas oficiais e a obrigatoriedade de impartir, como mínimo, unha terceira lingua.
Fonte: El Diario
Unha nova campaña anima á matriculación nos euskaltegis de Bilbao para aprender éuscaro
Baixo o lema «Euskararekin irabazi egingo duzu/ Con el euskera ganarás», o Concello de Bilbao pon en marcha unha nova campaña de matriculación nos euskaltegis da cidade que incide nas vantaxes de aprender e usar esta lingua nos diferentes ámbitos.
Fonte: Ayuntamiento de Bilbao
A metade do novo alumnado da Universidade do País Vasco estudará en éuscaro

Arredor de 8300 novos estudantes están matriculados xa na Universidade do País Vasco. Respecto ao idioma, o 53,5 % realizará os seus estudos de grao en grupos de éuscaro e o 46,5 %, en castelán.
Fonte: EITB
O Concello de Vitoria-Gasteiz organiza cursos de éuscaro para nais e pais
Xa está aberto o prazo de matriculación para os cursos de éuscaro dirixidos a nais e pais cunha campaña que ten como lema «Concilia a túa vida co éuscaro».
Fonte: EITB
O Concello de Donostia organiza cursos de éuscaro para persoal de comercio e hostalería
O obxectivo destes cursos é que o persoal dos sectores do comercio e a hostalería mellore a atención á clientela euscalduna. Cunha duración de 60 horas, organízanse cursos de iniciación e de continuación que comezarán no mes de outubro.
Fonte: San Sebastián Shops
Os concellos de Oarsoaldea organizan unha campaña para invitar as persoas acabadas de chegar a achegarse ao éuscaro
Por segundo ano consecutivo lánzase esta campaña para que as persoas que acaban de chegar á comarca dean un paso para aproximarse ao éuscaro, cada unha desde a súa realidade, aprendendo palabras, acudindo a actividades culturais etc.
Fonte: El Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín