País Vasco
O labor realizado polo Grupo Fagor para fomentar o uso do éuscaro faino merecedor do premio Abbadia Saria
O edificio Kulturola de Arrasate foi o escenario da entrega do premio Abbadia Saria que recibiu o Grupo Fagor, un galardón co que se recoñece o labor colectivo realizado por esta entidade a prol da normalización do uso do éuscaro no lugar de traballo.
Fonte: Donostitk
Quince entidades da comarca de Durangaldea asinan o seu compromiso coa promoción do éuscaro no ámbito socioeconómico

Un total de quince empresas e centros formativos asinaron o seu compromiso de adhesión ao proxecto Landue para o fomento do éuscaro no ámbito socioeconómico, unha iniciativa posta en marcha hai un ano pola Mancomunidade de Durangaldea, xunto coa Deputación Foral de Biscaia e o Goberno vasco.
Fonte: Gobierno Vasco
Máis da metade do persoal do Servizo Vasco de Saúde ten acreditado o nivel de éuscaro

O 52,8 % do cadro de persoal do Servizo Vasco de Saúde acreditou xa o nivel de éuscaro esixido na súa praza, un feito que, sen dúbida, mellorará a asistencia sanitaria en lingua vasca, xa que cada vez hai máis persoas que demandan relacionarse neste idioma co sistema sanitario.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Preséntase o proxecto INGURA para a euscaldunización de persoas adultas

O instituto HABE iniciou un novo proxecto, INGURA, un contorno dixital para a euscaldunización de persoas adultas, a través do que ofrecerá un método en liña para que poidan aprender éuscaro de forma guiada en calquera momento e calquera lugar.
Fonte: Gobierno Vasco
O uso do éuscaro descende nos municipios máis euscaldúns

Segundo a medición realizada pola Mancomunidade de Municipios Euscaldúns, Uema, e o Clúster de Sociolingüística en 2021, nos concellos co 80 % da poboación falante de éuscaro o emprego desta lingua descende.
Fonte: Diario Vasco
O acordo do Goberno vasco con Movistar+ permitiu a subtitulación ao éuscaro de 1600 películas e 2359 capítulos de 265 series
Movistar+ ofreceu arredor de 1600 películas e 2359 capítulos de 265 series con subtítulos en éuscaro, segundo os datos ofrecidos ao Parlamento vasco, no marco do convenio con esta plataforma de televisión dixital. O obxectivo do acordo é fomentar a presenza desta lingua, así como a creación de contidos e o seu uso no contorno dixital.
Fonte: El Diario
O Concello de Vitoria publica unha guía para fomentar o emprego do éuscaro nas súas ludotecas

Esta guía para o fomento do uso do éuscaro foi elaborada cos educadores e Geu Elkartea e distribuirase polas ludotecas para ofrecerlle consellos de euscaldunización ao persoal que traballa nestes espazos.
Fonte: El Correo
O Goberno vasco e as deputacións forais renovan o convenio para subvencionar os medios de comunicación en éuscaro

Grazas a este novo convenio, que estará vixente para o período 2022-2024, destinaranse 11,5 millóns de euros anuais ao financiamento dos medios de comunicación privados en éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno vasco abre a convocatoria de bolsas para a realización de traballos de investigación en materia de éuscaro e igualdade de xénero
A convocatoria de bolsas Berdintzen está dirixida á realización de traballos de investigación en materia de éuscaro e igualdade de xénero en 2022, para o que se destinarán 30 000 euros.
Fonte: Gobierno Vasco
Preséntase no Parlamento vasco a Axenda Estratéxica do Éuscaro 2021-2024

A Axenda Estratéxica do Éuscaro 2021-2024 é o documento que define as liñas de traballo e os obxectivos estratéxicos da política lingüística do Goberno vasco para esta lexislatura. Con este proxecto preténdese seguir incrementando o coñecemento e o uso desta lingua, garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e reforzar a colaboración interinstitucional en todos os territorios onde se fala.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín