País Vasco
O Concello de Vitoria publica unha guía para fomentar o emprego do éuscaro nas súas ludotecas

Esta guía para o fomento do uso do éuscaro foi elaborada cos educadores e Geu Elkartea e distribuirase polas ludotecas para ofrecerlle consellos de euscaldunización ao persoal que traballa nestes espazos.
Fonte: El Correo
O Goberno vasco e as deputacións forais renovan o convenio para subvencionar os medios de comunicación en éuscaro

Grazas a este novo convenio, que estará vixente para o período 2022-2024, destinaranse 11,5 millóns de euros anuais ao financiamento dos medios de comunicación privados en éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno vasco abre a convocatoria de bolsas para a realización de traballos de investigación en materia de éuscaro e igualdade de xénero
A convocatoria de bolsas Berdintzen está dirixida á realización de traballos de investigación en materia de éuscaro e igualdade de xénero en 2022, para o que se destinarán 30 000 euros.
Fonte: Gobierno Vasco
Preséntase no Parlamento vasco a Axenda Estratéxica do Éuscaro 2021-2024

A Axenda Estratéxica do Éuscaro 2021-2024 é o documento que define as liñas de traballo e os obxectivos estratéxicos da política lingüística do Goberno vasco para esta lexislatura. Con este proxecto preténdese seguir incrementando o coñecemento e o uso desta lingua, garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e reforzar a colaboración interinstitucional en todos os territorios onde se fala.
Fonte: Gobierno Vasco
O Concello de Bilbao ofrece ao longo do mes de marzo actividades gratuítas para o fomento do éuscaro
O proxecto Darabilbao, destinado a persoas que queren mellorar o seu nivel de éuscaro, ten como obxectivo impulsar o uso desta lingua no tempo de lecer. Entre as iniciativas organizadas, inclúense seis actividades para familias con menores de entre 4 e 12 anos.
Fonte: Deia
A Plataforma Vasca da Industria reúnese para establecer os retos para este ano en relación co uso do éuscaro nas empresas
Durante a primeira reunión xeral de 2022, a Plataforma Vasca da Industria (Indeus), creada para fomentar o uso do éuscaro no ámbito industrial, analizou o traballo realizado o ano pasado e definiu os desafíos para este.
Fonte: Gobierno Vasco
O Concello de Barakaldo crea un espazo para a realización de actividades de lecer en éuscaro destinadas ás familias
O barrio de San Vicente contará cun novo espazo, posto en marcha polo Concello en colaboración coa asociación Hala Dzipo, que busca converterse nun punto de encontro para realizar actividades culturais en éuscaro gratuítas destinadas ás familias, como obradoiros, cine etc.ç
Fonte: El Correo
O Goberno vasco e PuntuEUS promoverán o éuscaro no ámbito dixital

O acordo de colaboración entre o Goberno vasco e PuntuEUS Fundazioa ten como obxectivos, por unha banda, promover o dominio .eus no ámbito socioeconómico e, por outra, fomentar entre a cidadanía o uso do éuscaro nos dispositivos electrónicos.
Fonte: Gobierno Vasco
Publícase un vocabulario básico en éuscaro sobre o cambio climático

A Real Academia da Lingua Vasca publicou Klima-aldaketaren oinarrizko lexikoa, un vocabulario básico sobre o cambio climático que inclúe 25 termos en éuscaro que se foron incorporando progresivamente á linguaxe cotiá.
Fonte: Deia
A Rioxa Arabesa terá a súa propia carreira en defensa do éuscaro
Tras coñecerse que a 22ª edición da Korrika non vai pasar por esta comarca, na Rioxa Arabesa decidiron organizar a súa propia carreira en defensa do éuscaro, que se levará a cabo o 9 de abril e que atravesará varios municipios como Viana, Labastida ou Laguardia.
Fonte: La Rioja
Boletín
Subscríbase ao boletín