País Vasco
Super Woden GP e Nuclear Blaze súmanse á lista de videoxogos traducidos ao éuscaro
Woden GP (ViJuDa) e Nuclear Blaze (Deepnight Games) sumáronse á listaxe de videoxogos traducidos ao éuscaro grazas ao traballo de localización de membros de Gamerauntsia, comunidade que traduciu a maioría de xogos para consola, ordenadores e móbiles aos que se pode xogar nesta lingua.
Fonte: Videojuegos Vascos
Recorren a bolsa de emprego para cubrir interinidades de policías locais por esixir o nivel B2 de éuscaro
O sindicato CC. OO. presentou un recurso contra a bolsa de emprego para cubrir interinidades nas distintas policías locais porque incumpre a normativa lingüística, xa que esixe o nivel B2 de éuscaro.
Fonte: El Diario Vasco
Nace en Amurrio un novo proxecto para promover o éuscaro entre a cativada
Gurasoleku é un proxecto que ten como obxectivo promover o éuscaro e impulsar a transmisión familiar desta lingua nas familias con nenas e nenos de ata 5 anos. Iniciouse en varios centros de ensino de Amurrio, aínda que a idea é ampliar a iniciativa a outros municipios.
Fonte: Noticias de Álava
Tres estudantes arxentinas farán unha estadía de dous meses no País Vasco para perfeccionar o seu éuscaro
Tres estudantes arxentinas, Beatriz Etchegaray, Elisabeth Etchegaray e Beatriz Poume, poderán realizar unha estadía de éuscaro en Lazkao (Guipúscoa) grazas ao programa Euskara Munduan de Etxepare Euskal Institutua.
Fonte: Etxepare Euskal Institutua
Instan o Goberno vasco a elaborar un novo decreto para seguir impulsando o éuscaro no sector público
O Parlamento vasco aprobou unha emenda para instar o Goberno autonómico a desenvolver un novo decreto para seguir impulsando a normalización do éuscaro na Administración pública e avanzar na capacitación lingüística do seu persoal.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A Deputación de Biscaia organiza obradoiros para amosarlle á mocidade como crear contidos en éuscaro nas redes sociais

O obxectivo destes obradoiros, que se desenvolverán os días 23 e 24 de outubro, é incrementar o uso do éuscaro nas plataformas dixitais. Enmárcanse no proxecto Bziber, dirixido a mozos e mozas de entre 11 e 14 anos.
Fonte: Durangon
Llodio reparte un mapa cos establecementos nos que é posible relacionarse en éuscaro
A veciñanza de Llodio recibirá un mapa que inclúe os 132 establecementos nos que é posible recibir atención en éuscaro. Trátase de comercios e empresas de servizos que se sinalizan con tres cores en función do nivel de coñecemento do persoal desta lingua.
Fonte: El Correo
Preséntase #Damolat, un proxecto para fomentar o éuscaro entre a mocidade de contornas urbanas

A unidade didáctica #Damolat, elaborada por Ahize-AEK, en colaboración con Ikastolen Elkartea, ten como obxectivo impulsar o uso do éuscaro e a cultura nesta lingua entre a mocidade urbana.
Fonte: Alerta
O Concello de Bilbao organiza unha nova edición do programa Biribilko para promover o uso do éuscaro nos establecementos comerciais da cidade

Este programa, organizado polo Concello de Bilbao en colaboración con bilbaoDendak, HABE e os euskaltegis homologados, ten como obxectivo facilitarlles a comerciantes da cidade a aprendizaxe e o uso do éuscaro nas súas relacións coa clientela, cos provedores ou cos compañeiros.
Fonte: Bilboko Udala
O programa Lanabes fornecerá máis recursos para impulsar o uso do éuscaro nas empresas arabesas

O programa Lanabes, impulsado en 2015 coa colaboración entre o Goberno vasco, a Deputación Foral de Áraba e o Concello de Vitoria, comeza unha nova fase coa que se buscar incrementar a presenza do éuscaro na FP, así como ofrecerlles máis formación e asesoramento ás empresas e difundir boas prácticas entre o comercio e a hostalería.
Fonte: Noticias de Álava
Boletín
Subscríbase ao boletín