Xeral
Celébrase o Día do Éuscaro con actividades lúdicas e actos reivindicativos
A celebración do Día Internacional do Éuscaro chega cunha ampla programación cultural e reivindicativa, nun contexto de preocupación polo retroceso do uso social da lingua e polas decisións xudiciais que a condicionan. Diversos colectivos convocan mobilizacións para reclamar políticas lingüísticas máis firmes, mentres as institucións difunden declaracións conxuntas que apelan a reforzar a transmisión e o uso do éuscaro. A xornada inclúe actos locais, iniciativas internacionais promovidas polo Instituto Etxepare e unha ampla oferta cultural.
Fonte: Orain
Un estudo alerta da violencia lingüística que sofren as mulleres xordas
A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) presentou unha investigación pioneira que visibiliza as violencias específicas que sofren as mulleres xordas, con especial atención ás agresións lingüísticas e culturais, que condicionan a súa autonomía e dignidade. O estudo revela barreiras estruturais moi graves: dificultades para acceder a servizos básicos, falta de intérpretes en situacións críticas e procesos xudiciais pouco accesibles. Os datos mostran porcentaxes elevadas de violencia exercida por parellas e de violencia institucional que obriga moitas mulleres a renunciar a atencións esenciais.
Fonte: Diari de la DisCapacitat
Forzas nacionalistas do Congreso presentan unha iniciativa para garantir un plurilingüismo real no Estado
A proposta lexislativa presentada por varias formacións nacionalistas no Congreso procura garantir plenamente os dereitos lingüísticos e avanzar cara a un plurilingüismo efectivo no Estado. A iniciativa quere asegurar que a cidadanía poida utilizar calquera lingua oficial perante a xustiza, as administracións estatais e os servizos públicos. O texto abrangue tamén ámbitos como consumo, transporte, medios e ensino e permitirá superar a desigualdade histórica entre linguas e blindar un trato equivalente para quen empregue galego, catalán, éuscaro ou aranés.
Fonte: Nós Diario
Nace o Correllengua Agermanat, unha carreira que busca superar as barreiras administrativas e reivindicar a unidade do catalán
Máis dun cento de entidades presentaron o Correllengua Agermanat, unha nova iniciativa que busca unir os territorios de fala catalá e reivindicar a lingua como vínculo común. A partir do 19 de abril de 2026, percorrerá 17 etapas e máis de 1500 quilómetros, pasando por Cataluña, Comunidade Valenciana, Cataluña Norte ou L’Alguer.
Fonte: Diari de la Llengua
A Confederación Estatal de Persoas Xordas denuncia as desigualdades no acceso á lingua de signos e reclama máis recursos
A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) celebrou o 18.º aniversario da Lei 27/2007, que recoñeceu por primeira vez as linguas de signos española e catalá e garantiu o dereito das persoas xordas a comunicarse sen barreiras. A entidade destaca os avances logrados, mais advirte das desigualdades territoriais, a falta de financiamento estable e a escaseza de intérpretes e profesorado signante, polo que reclama máis coordinación institucional e recursos para facer efectivo o dereito á comunicación en lingua de signos en todo o Estado.
Fonte: Diario de la DisCapacidad
Comeza o proceso de dixitalización do dicionario catalán-valenciano-balear
A Institución Francesc de Borja Moll iniciou a dixitalización do Diccionari català-valencià-balear, un proxecto que permitirá ofrecer acceso público e gratuíto ao contido do dicionario cun sistema avanzado de busca e conexión coas súas fontes orixinais.
Fonte: Diari de la Llengua
O Congreso insta o Goberno a promover a formación lingüística do persoal sanitario nos territorios con lingua oficial

O Congreso aproba unha proposición non de lei que insta o Goberno a promover a formación en linguas cooficiais do persoal sanitario nos territorios correspondentes. A iniciativa busca garantir unha atención máis humana e respectuosa cos dereitos lingüísticos da cidadanía e axudar a superar barreiras de comunicación que poden afectar á calidade do servizo. Os plans de formación serán voluntarios, gratuítos e adaptables, e incluirán recursos e materiais axeitados ao persoal sanitario, con avaliación periódica da súa eficacia.
Fonte: Siglo XXI
A escasa presenza do éuscaro na programación debátese na comisión de control parlamentario de RTVE
Na última comparecencia da comisión parlamentaria de control de RTVE, o debate centrouse na escasa presenza do éuscaro na programación estatal. O presidente de RTVE, José Pablo López, anunciou medidas como a esixencia do nivel B2 de éuscaro ao persoal informativo nos centros de Euskadi a partir de 2026 ou a dobraxe da canle infantil Clan, entre outras.
Fonte: GasteizBerri
Créase un órgano colexiado para a análise, o impulso e a coordinación do uso das linguas oficiais na Administración Xeral do Estado

O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática vén de crear, mediante o Real Decreto 798/2025, o Consello das Linguas Oficiais, órgano colexiado encargado de analizar e coordinar o uso das linguas cooficiais na Administración do Estado. O decreto establece tamén a Oficina para as Linguas Oficiais, concibida como unidade permanente de apoio e promoción, que asumirá funcións de estudo, planificación, asesoramento e seguimento da presenza destes idiomas na Administración.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O Congreso estuda unha reforma que obriga as grandes empresas a ofrecer atención en galego, catalán e éuscaro
O Congreso analizará unha reforma legal que obrigará as grandes empresas e as que presten servizos de interese xeral a ofrecer atención en todas as linguas cooficiais. A medida, que afecta sectores como enerxía, telecomunicacións ou transporte, inclúe tamén a prohibición de chamadas comerciais non desexadas e novas garantías para o consumo en liña.
Fonte: Capital
Boletín
Subscríbase ao boletín