España
O Goberno de Navarra centrará o seu segundo plan de éuscaro na mocidade

A conselleira de Relacións Cidadás e Institucionais do Goberno de Navarra sinalou que o segundo plan de éuscaro estará centrado na mocidade, xa que na actualidade unha de cada catro persoas novas é euscalduna.
Fonte: Noticias de Navarra
O número de teses de doutoramento presentadas en éuscaro na Universidade do País Vasco alcanza o seu récord
Desde que en 1980 se crease a Universidade do País Vasco, o alumnado que cursa titulacións superiores en éuscaro medrou progresivamente, así como o número de teses de doutoramento nesta lingua, que acaba de alcanzar o seu récord no último período lectivo, cando se presentaron 62.
Fonte: La Vanguardia
Un total de 33 entidades locais aproba a moción de apoio á unidade da lingua catalá
Un total de 33 concellos, consellos comarcais e outras entidades de ámbito local aprobou nos seus respectivos plenos a moción impulsada pola Plataforma per la Llengua na que lles demanda aos parlamentos de Aragón, Comunidade Valenciana, illas Baleares e Cataluña que recoñezan a unidade da lingua catalá.
Fonte: Plataforma per la Llengua
Convócase a novena edición do Premio UPF-FESOCA de lingua de signos catalá
A Universidade Pompeu Fabra (UPF) e a Federación de Persoas Xordas de Cataluña (FESOCA) convocan o IX Premio UPF-FESOCA de lingua de signos catalá, un galardón que busca incentivar o coñecemento e a difusión desta lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Ábrese o prazo para presentar candidaturas aos Premios Martí Gasull i Roig de defensa do catalán
A Plataforma per la Llengua abriu o prazo para presentar propostas de candidaturas para unha nova edición dos Premios Martí Gasull i Roig, uns galardóns que recoñecen a traxectoria e as actividades de persoas e organizacións na defensa e a promoción da lingua catalá.
Fonte: Plataforma per la Llengua
Segundo un estudo, oito de cada dez carteis das rebaixas en Tolosa están escritos integramente en éuscaro
Segundo un estudo da asociación Galtzaundi, a utilización do éuscaro nos escaparates de Tolosa durante as rebaixas incrementouse case dez puntos en cinco anos, ata alcanzar unha presenza do 90 %.
Fonte: El Diario Vasco
A asociación Eta Kitto Euskara Elkartea comeza unha campaña para que o éuscaro se converta no idioma das compras

Ao abeiro do programa 'Euskeraz Primeran', a asociación Eta Kitto Euskara Elkartea pon en marcha unha iniciativa para fomentar o uso do éuscaro no comercio e tamén na hostalería, para o cal se colocarán uns carteis nos establecementos cos nomes dos alimentos nesta lingua e a súa equivalencia en castelán.
Fonte: El Diario Vasco
A poboación vasca poderá rexistrar a súa preferencia idiomática para relacionarse co Sistema Vasco de Saúde

O Goberno vasco ten como obxectivo que a base de datos do seu sistema de saúde inclúa a preferencia lingüística da maioría da poboación para ser atendida en éuscaro ou en castelán. Ata agora 285 500 persoas xa rexistraron a súa demanda de servizos en éuscaro.
Fonte: El Independiente
Continúan os obradoiros para a práctica oral do éuscaro nos centros educativos navarros de primaria

A partir do 11 de xaneiro continúan os obradoiros intensivos “Euskaraz solas eta jolas” para a práctica oral do éuscaro nos centros escolares de primaria dos modelos A e D, nos que participarán 48 grupos de 22 centros públicos e concertados, cun total de 1024 alumnos e alumnas.
Fonte: Gobierno de Navarra
A guía de recursos do Instituto Aragonés da Muller estará dispoñible en cinco idiomas e en braille
O Instituto Aragonés da Muller vai publicar unha guía de recursos en cinco idiomas (inglés, francés, búlgaro, romanés e árabe) e en braille co obxectivo de facilitar o acceso aos servizos deste organismo e chegar ao maior número posible de usuarias.
Fonte: 20minutos
Boletín
Subscríbase ao boletín