España
A Generalitat de Cataluña abre o prazo para a inscrición no Censo de entidades de fomento do catalán

Este censo reúne entidades que fomentan o catalán con actividades que incrementan o coñecemento e o uso desta lingua entre a poboación en xeral e entre colectivos concretos.
Fonte: Generalitat de Cataluña
A televisión autonómica À Punt Média emite un anuncio para a promoción do Dicionario normativo valenciano
A Academia Valenciana da Lingua puxo en marcha unha campaña de divulgación para difundir o Dicionario normativo valenciano, unha ferramenta que xa conseguiu 35 millóns de consultas na súa edición dixital dende que se publicou en febreiro do 2014.
Fonte: Valencia Extra
Nace Valentubers, a revista dixital para as canles de YouTube en valenciano

Esta revista, impulsada por Rosella Espinós, estudante de cuarto curso de Xornalismo na Universidade de Valencia, converteuse nun punto de encontro e de referencia para todos os youtubers que fan os seus contidos en valenciano.
Fonte: La Vanguardia
Euskaltzaindia celebra un congreso internacional sobre linguas minorizadas polo seu centenario
Co gallo do seu centenario, Euskaltzaindia organiza un congreso co lema “Coidar as linguas minorizadas, vivir en éuscaro - XXIII Xornada Jagon”, que se celebra en Pamplona os días 17 e 18 de xaneiro e que reúne 21 especialistas.
Fonte: EITB
A Real Academia da Lingua Vasca incorpora 585 novidades ao seu dicionario

A Real Academia da Lingua Vasca incluíu 585 novidades na última edición do seu dicionario, de maneira que este reúne agora 46 180 formas. Esta institución revisa o dicionario continuamente e engade cada seis meses as modificacións á versión dixital.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A axencia de noticias Europa Press pon en marcha en Baleares un servizo de noticias en catalán

O novo servizo de noticias para as illas Baleares ofrecerá a actualidade diaria das illas en catalán e tratará todo tipo de temas. A difusión realizarase a través dunha páxina web específica e potenciarase mediante un perfil propio en Twitter.
Fonte: Mallorca Diario
Animan á participación nunha enquisa de Netflix sobre preferencias lingüísticas para que incremente o uso do catalán

A Plataforma per la Llengua anima a poboación de Cataluña a que participe nunha enquisa posta en marcha por Netflix para coñecer as preferencias lingüísticas das persoas usuarias. O obxectivo é que a empresa avance na normalización do uso do catalán.
Fonte: El Nacional
Solicitan que o persoal da Administración do Estado poida acceder a formación presencial para aprender éuscaro
O sindicato ELA solicitoulles ás subdelegacións do Goberno en Euskadi que posibiliten a aprendizaxe do éuscaro mediante formación presencial ao persoal dependente da Administración Xeral do Estado xa que, actualmente, só se imparte en liña.
Fonte: Finanzas
RTVE incrementará nos vindeiros dous anos as horas de emisión en catalán

Co gallo do 60 aniversario do centro de produción en Cataluña, RTVE vai cuadriplicar as horas de emisión en catalán desde o centro territorial de Barcelona. A intención é pasar das actuais 20 horas semanais a unhas 80 ao finalizar 2020, unha nova programación que se emitiría principalmente en La2.
Fonte: El Mundo
A Wikipedia en valenciano chega aos 600 000 artigos

A Viquipèdia (Wikipedia en valenciano) superou os 600 000 artigos, unha cifra que a converte na 20ª en número de artigos. Ademais, en canto á súa calidade, sitúase entre as tres primeiras, xunto coas versións rusa e serbia.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín