España

Increméntanse as solicitudes para o ensino en éuscaro como lingua vehicular en Pamplona

Arredor dun milleiro de familias elixiu o ensino en éuscaro en Pamplona e a súa comarca. Así, a demanda nas ikastolas da rede concertada incrementouse 5,5 % respecto ao ano anterior, mentres que na rede pública mantéñense cifras semellantes.

Fonte: Noticias de Navarra

Navarra

El País renova a súa aposta pola información en catalán cun novo deseño

A edición en catalán do xornal El País centrarase nesta nova etapa en ampliar a cobertura en Barcelona e apostará por informacións e reportaxes en profundidade e por artigos de opinión centrados en Cataluña.

Fonte: El País

Cataluña

Arrigorriaga pon en marcha unha campaña para fomentar a transmisión interxeracional do éuscaro

A campaña, dirixida ás familias con nenas e nenos menores de cinco anos, ten como obxectivo destacar a importancia da transmisión do éuscaro, para o cal se pon á súa disposición a través dunha web diferentes recursos como debuxos, contos etc.

Fonte: El Correo

País Vasco

Apróbase o decreto para a creación da Rede Pública de Servizos Lingüísticos Valencianos

O decreto de creación e regulación da Rede Pública de Servizos Lingüísticos Valencianos ten como obxectivos, entre outros, reforzar a comunicación entre todos os ámbitos implicados e agrupar os devanditos servizos das entidades locais e das universidades públicas nunha única estrutura propia da Generalitat, para favorecer o traballo en rede e acadar a máxima rendibilidade no proceso de normalización lingüística.

Fonte: Las Provincias

Comunidade Valenciana

A Universidade de Zaragoza acolle unha exposición que mostra a situación actual do aragonés

A exposición itinerante “L’aragonés, un patrimonio común” chega ao Paraninfo da Universidade de Zaragoza para amosar a situación actual deste idioma, dar a coñecer a diversidade cultural e lingüística de Aragón, e favorecer o respecto ás minorías.

Fonte: El Periódico de Aragón

Aragón

Piden que a nova dirección da Televisión do Principado de Asturias aposte polo uso do asturiano

O colectivo Iniciativa pol Asturianu solicitou o nomeamento dunha directora ou director da TPA que aposte por unha programación que contribúa a normalizar o asturiano e o galego-asturiano, despois dun período de retroceso das emisións en lingua asturiana que quedaron reducidas ao 1 %..

Fonte: La Nueva España

Asturias

A Deputación de Guipúscoa anima as empresas a fomentar o uso do éuscaro como estratexia empresarial

O deputado xeral Markel Olano visitou a factoría Niessen para coñecer o seu traballo a prol da igualdade lingüística no ámbito laboral. Neste acto destacou a importancia de promover o emprego do éuscaro como estratexia empresarial para avanzar na normalización desta lingua e engadir valor á actividade da propia empresa. 

Fonte: Noticias de Gipuzkoa

País Vasco

Unha canción reivindica o uso do catalán en Mallorca

O Goberno de Mallorca impulsou a gravación dun tema musical baixo o título «Som molts!» («Somos moitos!»), co obxectivo de reivindicar o uso do catalán entre a poboación da illa.  

Fonte: ABC

Illas Baleares

Catro universidades do País Vasco e a Deputación de Guipúscoa asinan un acordo para fomentar o éuscaro entre o alumnado

Representantes da Universidade do País Vasco, a Universidade de Deusto, a Universidade de Mondragón e Tecnun reuníronse cun deputado provincial parar asinar un acordo de colaboración destinado a incidir nos hábitos lingüísticos e na motivación a prol do éuscaro entre o alumnado.

Fonte: DonostiTik

País Vasco

Un total de 69 novelas optará ao XXI Premio Roc Boronat de novela en catalán

A ONCE de Cataluña convoca unha nova edición do premio Roc Boronat en Lingua Catalá ao que optarán 69 novelas. Este certame ten entre os seus obxectivos apoiar a creación literaria en catalán entre as persoas con discapacidade visual.

Fonte: La Vanguardia

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder