España

O Goberno de Asturias aproba os decretos que determinan os topónimos oficiais de Oviedo, Onís e Coaña

O Goberno asturiano aprobou os decretos que determinan os topónimos oficiais de Oviedo, Onís e Coaña, co que na actualidade xa son 64 os municipios que teñen aprobada a toponimia tradicional.

Fonte: 20minutos

Asturias

Nace Egunean Behin, un novo xogo para móbiles en éuscaro

A app Egunean Behin é un xogo de preguntas en éuscaro cunhas regras moi sinxelas. A persoa usuaria pode xogar unha única partida ao día respondendo dez cuestións o máis rápido posible.  

Fonte: Gipuzkoa Gaur

País Vasco

A Generalitat de Cataluña convoca subvencións para a promoción da lingua de signos catalá

O prazo para solicitar as axudas destinadas ao fomento e á difusión da lingua de signos catalá, que contan cunha dotación económica de 45 000 euros, estará aberto ata o 28 de marzo, e a elas poden optar entidades privadas sen ánimo de lucro e persoas físicas.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

O Concello de Basauri organiza varias actividades de promoción do éuscaro para nenos de ata 12 anos

O Concello de Basauri e a Casa de Cultura organizan unha nova edición do programa infantil en éuscaro Olgetan, ondo pasau!, destinado a nenas e nenos de ata 12 anos que entre os meses de marzo e xuño poderán acudir a varias actividades como obradoiros, sesións de maxia etc.

Fonte: El Correo

País Vasco

O Goberno catalán promoverá a lingua aranesa en varios ámbitos

O Goberno catalán fomentará a lingua e a cultura aranesas en diferentes ámbitos, de maneira que esta lingua irá incorporándose progresivamente ás webs institucionais, así como aos trámites e aos servizos ofrecidos por estas. Así mesmo, incrementarase a súa presenza no ámbito sanitario ou na oferta educativa de Cataluña. 

Fonte: La Vanguardia

Cataluña

Korrika, a carreira a prol do éuscaro, prepara unha nova edición

Korrika chega á súa XXI edición, que comezará en Gares o 4 de abril e finalizará en Gasteiz o 14 do mesmo mes baixo o lema Klika. Con esta iniciativa preténdese animar a poboación a falar en éuscaro e cambiar así os hábitos lingüísticos para apostar por esta lingua.

Fonte: Eitb.eus

País Vasco

Increméntase en Cataluña o número de persoas que utiliza o catalán nos contornos dixitais

A enquisa sobre o uso das TIC nos fogares do ano 2017, realizada polo Instituto de Estatística de Cataluña (Idescat), mostra un incremento no emprego do catalán en chats e foros dixitais con respecto aos datos de 2013.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

O Concello de Azkoitia convoca axudas para plans de éuscaro nas empresas

O Concello de Azkoitia abriu o prazo para que as empresas do municipio que o desexen soliciten unha subvención, dun máximo de 2000 euros anuais, para o desenvolvemento dun plan de éuscaro.

Fonte: Diario Vasco

País Vasco

A Generalitat de Cataluña impulsou a tradución de 154 obras ao catalán no ano 2018

O Departamento de Cultura impulsou durante o ano 2018 a tradución ao catalán de 154 obras literarias e non literarias co obxectivo de incrementar a oferta de libros nesta lingua, mediante subvencións que outorga no marco do Plan de lectura 2020.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

O Goberno propón un complemento salarial extra para o funcionariado que fale algunha das linguas cooficiais do Estado

O Goberno español acordou cos sindicatos a creación dun novo complemento salarial extra para o funcionariado do Estado que poida atender o público tanto en castelán como en calquera das outras linguas cooficiais, isto é, galego, éuscaro ou catalán.

Fonte: La Información

Xeral

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder