España
A Axencia Tributaria permitirá realizar a declaración da renda en liña en catalán, valenciano e galego

A Axencia Tributaria permitiralles aos contribuíntes realizar as súas xestións en liña con Facenda en galego, catalán e valenciano. Non se inclúe o éuscaro porque en Navarra e o País Vasco responden ante as axencias forais das tres provincias vascas e a navarra.
Fonte: El Confidencial Digital
Preséntase o Laboratorio Cooperativo de Innovación Lingüística, un novo proxecto para a promoción do éuscaro

Innovación lingüística e promoción do éuscaro únense nun novo proxecto posto en marcha pola Deputación de Guipúscoa en colaboración coa Fundación Elhuyar, a consultoría Emun, a Asociación Langune e o Clúster de Sociolingüística. Trátase do Laboratorio Cooperativo de Innovación Lingüística co que se pretende impulsar iniciativas que supoñan unha novidade en diferentes sectores da sociedade vasca co obxectivo de que o éuscaro adquira protagonismo no actual contexto multilingüe.
Fonte: Donostitik
As editoriais en asturiano reivindican maior flexibilidade nas axudas públicas e máis presenza nas bibliotecas

As editoriais, ante a escaseza de vendas e a falta de visibilidade da literatura en asturiano, demandan maior presenza nas bibliotecas e unha política cultural que favoreza o sector, así como cambios na articulación das axudas públicas para que sexan menos ríxidas.
Fonte: 20 minutos
O Goberno de Navarra promoverá o cine en éuscaro no ámbito educativo
O Goberno de Navarra e a asociación Tinko Euskera Elkartea renovaron o seu convenio para promover o cinema en éuscaro entre o alumnado. Así, 4500 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria coñecerán películas realizadas en éuscaro ou traducidas a esta lingua sobre as que posteriormente farán un traballo na aula.
Fonte: 20 minutos
O Goberno de Navarra renova a súa colaboración coa Real Academia da Lingua Vasca
O Goberno de Navarra e a Real Academia da Lingua Vasca renovaron o compromiso de colaboración que veñen mantendo dende hai máis dun século. Fixérono durante un acto no que se destacou a importancia do labor realizado por Euskaltzaindia a prol do éuscaro e dos dereitos dos euscaldúns.
Fonte: Noticias de Navarra
A corporación municipal de Deba aproba o Plan de utilización do éuscaro
O Plan de utilización do éuscaro de Deba, que terá unha vixencia de catro anos, foi aprobado por unanimidade pola corporación municipal. Este documento ten como obxectivo aumentar o emprego desta lingua no Concello para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Os fillos de inmigrantes no País Vasco optan maioritariamente polos modelos lingüísticos D e B

Segundo un informe sobre a situación educativa dos fillos de inmigrantes en Euskadi, estes optan maioritariamente polos modelos lingüísticos B e D, os que contan con maior presenza do éuscaro, en especial en Primaria, mentres que en Secundaria existe unha maior preferencia polo modelo A.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Denuncian que o éuscaro non é un idioma prioritario nas convocatorias de emprego da sanidade navarra

Segundo denuncia o colectivo Administrazioan Euskara Talde, as convocatorias de emprego do Servizo Navarro de Saúde na zona non vascófona seguirán valorando o coñecemento de linguas estranxeiras como o alemán, o francés e o inglés, pero non o do éuscaro.
Fonte: Diario de Navarra
O Instituto Cervantes de Madrid acolle unha lectura de poemas en diferentes linguas de España

O pasado luns 18 de febreiro o Instituto Cervantes de Madrid celebrou a mesa redonda 'Poesía ibérica, poesía de la hispanidad', un acto no que se realizou unha lectura de poemas escritos en galego, catalán, éuscaro, asturiano e castelán.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Donostia subvencionará a colocación de carteis en éuscaro

O Concello de Donostia destinará axudas por valor de 22 500 euros aos establecementos comerciais e aos locais de hostalería para a inclusión do éuscaro nos seus carteis interiores.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Boletín
Subscríbase ao boletín