España
O catalán figura entre as corenta linguas que estarán dispoñibles no novo tradutor simultáneo de Google

O catalán é un dos idiomas escollidos por esta multinacional para os novos auriculares que funcionan coa aplicación de Google Assistant, xunto co inglés, o xaponés, o árabe, o finés, o cingalés, o armenio, o francés, o coreano, o eslovaco, o bengalí, o alemán, o letón, o español, o grego, o suahili, o chinés, o sueco, o islandés, o portugués ou o italiano, entre outros.
Fonte: Plataforma per la Llengua
O Concello de Castelló presenta os seus proxectos de normalización lingüística para 2019
O concelleiro de Normalización Lingüística reuniuse coa plataforma Castelló per la Llengua para presentarlle os plans da súa concellería para 2019, ano no que buscarán afianzar tres proxectos para promover o uso do valenciano: a publicación Club Millaret, unha campaña de dinamización lingüística no ámbito do comercio e un convenio con Escola Valenciana.
Fonte: Levante
Presentan unha proposición de lei para que aprender éuscaro sexa gratuíto ata o nivel B2
EH Bildu presentou no Parlamento vasco unha proposición de lei para garantir a gratuidade na aprendizaxe oficial de éuscaro ata un nivel de coñecemento equivalente ao B2 do marco común europeo de referencia para as linguas.
Fonte: El Diario.es
O avogado Carles Mundó recibe un premio pola súa defensa do catalán no ámbito xurídico
O avogado e ex-conselleiro Carles Mundó recibirá de mans do Consello da Avogacía Catalá o Premio Agustí Juandó i Royo, un galardón que recoñece o labor de entidades ou persoas a prol do uso do catalán no ámbito xurídico.
Fonte: La Vanguardia
Celébrase en Barcelona a primeira festa da lingua catalá

O Instituto de Estudos Cataláns celebra o 19 de outubro en Barcelona a primeira Fes-te de la Llengua, coa finalidade de mostrar o carácter expresivo e lúdico do catalán. Esta primeira edición estará dedicada ao colectivo do profesorado que imparte esta lingua, así como aos estudantes de Filoloxía Catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Academia da Lingua Asturiana trasládalle ao Parlamento Europeo un informe sobre a situación do asturiano

O presidente da Academia da Lingua Asturiana reuniuse co tamén presidente do Intergrupo de Linguas Minoritarias do Parlamento Europeo para entregarlle un informe sobre a situación do asturiano, así como sobre a necesidade de que se converta en lingua oficial.
Fonte: El Comercio
O Instituto Vasco Etxepare impulsará o uso do éuscaro no estranxeiro

O Instituto Vasco Etxepare levará ás Euskal Etxeak e ás universidades internacionais, do 23 de novembro ao 3 de decembro, a iniciativa de promoción do éuscaro "Euskaraldia: 11 egun euskaraz" coa axuda de persoas que actuarán como embaixadoras.
Fonte: Diario Vasco
A Generalitat de Cataluña e o Goberno de Andorra asinan un convenio para o recoñecemento mutuo dos certificados oficiais da lingua catalá
A Generalitat de Cataluña e o Goberno de Andorra subscriben un convenio para recoñecer os certificados oficiais acreditativos de coñecementos de catalán co obxectivo de permitir a mobilidade de persoas no ámbito laboral e dos estudos e o acceso á Administración pública.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Nules presentou as bases para a redacción dun cómic en valenciano

O Concello de Nules expuxo as bases para a redacción dun cómic en valenciano que será publicado pola Academia Valenciana da Lingua. Esta institución iniciou unha nova campaña de animación á lectura en valenciano coa entrega de 1275 cómics que se repartiron entre o alumnado Infantil e de Primaria dos colexios da localidade.
Fonte: El Periodic.com
O Goberno de Navarra pon en marcha plans para Administración sobre o uso do éuscaro
O Goberno de Navarra vai expoñer, ao longo do mes de novembro, as propostas dos plans sobre o uso do éuscaro nas Administracións públicas navarras. O obxectivo é que, ao longo dese período, se inclúan as modificacións e as melloras pertinentes.
Fonte: Noticias de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín