España
Convócase o premio Llengua Nacional para empresas comprometidas co catalán

A Asociación Lingua Nacional, coa colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística, convoca a primeira edición dun premio para proxectos empresariais de calquera territorio de fala catalá que mostren o seu compromiso co catalán e axuden na extensión e o uso correcto desta lingua.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O colectivo Kontseilua defende a oficialidade do éuscaro en Navarra

O Consello de Organizacións Sociais do Éuscaro, Kontseilua, defende que a lei foral relativa a esta lingua inclúa principios fundamentais como son a oficialidade, a normalización lingüística e os dereitos lingüísticos.
Fonte: Noticias de Navarra
Danse a coñecer as persoas e as entidades recoñecidas cos premios Pompeu Fabra polo seu traballo a prol da proxección social do catalán
A sétima edición dos premios Pompeu Fabra, correspondente ao ano 2018, recoñece o labor da Asociación de Escritores en Lingua Catalá, os profesores Mila Segarra e Jordi Mir, os establecementos König, a Asociación de Publicacións Periódicas en Catalán, o presentador de televisión Halldór Már e o voluntario lingüístico Ramon Rom Sagristà.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Osasuna asina un convenio con AEK para mellorar a xestión lingüística
Osasuna asinou un convenio con AEK co obxectivo de traballar conxuntamente nun plan que inclúe actividades como charlas de motivación e sensibilización ou clases de éuscaro para persoal do club e xogadores.
Fonte: Diario de Navarra
A Deputación de Áraba presenta a quinta edición dos premios Lazarraga de fomento do éuscaro no ámbito económico

Os premios Lazarraga chegan á súa quinta edición co obxectivo de recoñecer o traballo a prol do éuscaro no ámbito social e empresarial en Áraba. A entrega dos galardóns realizarase o 8 de novembro no Museo Artium.
Fonte: Gasteiz Hoy
O Concello de Manises organiza unha serie de actividades culturais para promover o uso do valenciano
A Oficina de Promoción do Valenciano de Manises organiza unha serie de actividades culturais para impulsar o uso do valenciano e contar a súa historia. Esta programación desenvolverase a partir do 4 de outubro baixo o título de "Octubre, Mes del valencià".
Fonte: Ajuntament de Manises
A televisión pública autonómica da Comunidade Valenciana inclúe a lingua de signos nos informativos da mañá
À Punt Mèdia incorpora desde o 1 de outubro a interpretación á lingua de signos á súa programación, en concreto, aos informativos da mañá. Será durante a segunda media hora do informativo, de 8.30 a 9.00 horas, polo tanto, 30 minutos diarios dirixidos ás persoas xordas ou con algunha discapacidade auditiva.
Fonte: Europa Press
O Parlamento de Navarra aproba unha declaración institucional para defender o valor do éuscaro
Esta declaración, aprobada polo Parlamento de Navarra, defende o valor do euskera batua como un utensilio imprescindible á hora de estender a lingua a moitos ámbitos da sociedade. Tamén se resalta o labor da Academia da Lingua Vasca que loita pola unidade do éuscaro.
Fonte: Noticias de Navarra
A rede Mintzalaguna reúne en Vitoria persoas para falar en éuscaro

A rede Mintzalaguna está formada por máis de 700 persoas, que, a través dos programas de Mintzapraktika, se reúnen unha hora á semana para practicar éuscaro. O obxectivo desta iniciativa é incrementar a porcentaxe de coñecemento desta lingua entre a poboación arabesa, que actualmente se sitúa nun 28,5 %.
Fonte: Gasteiz Hoy
O III Premio “Pedro Lafuente” en aragonés abre o seu prazo de participación
O Concello de Huesca convoca a terceira edición do Premio “Pedro Lafuente”, na que haberá tres categorías: un premio de narración curta; o premio“Zagals”, para obras en aragonés realizadas por nenas e nenos de 3 a 12 anos; e o “Bota d’Oro”, para a mellor campaña de fomento do aragonés na cidade desenvolvida por persoal de establecementos comerciais e hostaleiros.
Fonte: Ara Info
Boletín
Subscríbase ao boletín