España

O Concello de Elx promove a cultura en valenciano

Elx Cultura, en colaboración coa Deputación Provincial de Alacant, está a promover eventos en lingua valenciana. O obxectivo desta iniciativa é o de acercar a cultura a todos os públicos e, ao mesmo tempo, fomentar o emprego do valenciano entre a poboación. Os eventos intentan abarcar todas as disciplinas, como a literatura, o teatro ou a música.

Fonte: Diario Información

Comunidade Valenciana

O alumnado de primaria de Cataluña, a zona oriental de Aragón e a Comunidade Valenciana poderá crear o seu propio xogo interactivo en catalán

A Plataforma pola Lingua abriu o pasado 3 de setembro a inscrición para unha nova edición do Concurso Tisner de creación de xogos en catalán. O obxectivo desta iniciativa é amosarlles ao alumnado e ao profesorado a faceta lúdica e creativa desta lingua. As iniciativas deben conter unha proposta inédita que desenvolva o aspecto creativo do catalán. O prazo de inscrición rematará o 16 de novembro.

Fonte: El Confidencial Autonómico

Xeral

Oñati celebra un concerto para apoiar un proxecto de expedición ao Everest para promover o éuscaro

O 16 de setembro Oñati acollerá un concerto de apoio ao proxecto "Osíxeno ao éuscaro, tamén a 6000 metros", no que participan mozos e mozas de Euskadi, Navarra e Iparralde. O obxectivo da iniciativa é compaxinar o uso da lingua vasca e o montañismo, así como promover as linguas minorizadas. 

Fonte: Noticias de Navarra

País Vasco

A Axencia de Desenvolvemento de Oarsoaldea pon en marcha un programa para aprender éuscaro entre amigos

A Axencia de Desenvolvemento de Oarsoaldea organiza o programa Kuadrillategi, para que mozos e mozas poidan aprender e mellorar o seu éuscaro a través da realización de diversas actividades, como saídas especiais, plans de todo o día ou plans de fin de semana. O prazo de inscrición nesta iniciativa, que se desenvolverá nos municipios de Lezo, Errenteria, Oiartzun e Pasaia, prolongarase ata o 28 de setembro.

Fonte: El Diario Vasco

País Vasco

O Goberno balear destina 375 000 euros a fomentar o uso do catalán nos medios de comunicación e no ámbito deportivo

A Consellería de Cultura convoca unha axuda de 275 000 euros para impulsar o uso do catalán nos medios de comunicación. Así mesmo, abrirá outra liña de 100 000 euros para ámbito deportivo.

Fonte: Ser

Illas Baleares

O Concello de Palma edita un folleto en seis idiomas para promover os cursos de catalán

Este novo folleto está dirixido a persoas que queiran aprender o catalán e tamén ás que necesiten perfeccionar o nivel desta lingua. O folleto estará dispoñible en catalán, castelán, inglés, alemán, árabe e chinés.

Fonte: Diario de Mallorca

Illas Baleares

Unha trintena de estudantes procedentes de 15 países chega ás Baleares para mellorar o seu nivel de catalán

A Consellería de Cultura, Participación e Deportes inaugura, por segundo ano consecutivo, a estancia lingüística de verán que finaliza o 14 de setembro e que está dirixida a estudantes de catalán de todo o mundo.

Fonte: 20 minutos

Illas Baleares

O Goberno de Navarra pon en marcha unha nova campaña para impulsar a aprendizaxe do éuscaro

O Goberno de Navarra, xunto con 35 entidades locais e os euskaltegis, inicia a campaña "Dale like al euskera/Eman like Euskarari" para impulsar a aprendizaxe do éuscaro entre persoas adultas.

Fonte: Diario de Navarra

Navarra

O Goberno de Aragón celebra o I Concurso Antonio Artero de vídeo en lingua aragonesa

As bases deste concurso publicáronse no Boletín Oficial de Aragón. Nelas explícase que cada persoa poderá presentar ata cinco obras en versión orixinal e inédita, de tema libre e cunha duración máxima de cinco minutos.

Fonte: 20 minutos

Aragón

O Museo Arqueolóxico de Asturias acolle unha exposición sobre a historia do asturiano

Baixo o título 'Voces. La llingua asturiana al traviés de los sieglos', o Museo Arqueolóxico de Asturias, situado en Oviedo, acollerá a partir do 26 de setembro unha exposición itinerante sobre a historia do asturiano desde as súas orixes.

Fonte: El Comercio

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder