España
O Goberno balear creará unha oficina para garantir os dereitos lingüísticos

A Consellería de Cultura, Participación e Deportes está a tramitar o decreto para poñer en marcha a Oficina de Dereitos Lingüísticos, un proxecto co que pretende atender os casos de discriminación nesta materia así como contribuír a normalizar o uso do catalán como lingua oficial.
Fonte: La Vanguardia
A cidade holandesa de Leeuwarden dedícalle unha semana á lingua asturiana
No pavillón de linguas minoritarias aberto na cidade holandesa de Leeuwarden, Asturias e a lingua asturiana son protagonistas dentro do programa de capitalidade europea da cultura. O Departamento de Planificación Lingüística mostra artigos sobre a presenza do asturiano en diferentes ámbitos da sociedade e a Academia da Lingua Asturiana amosa unha selección de literatura neste idioma.
Fonte: La Nueva España
A Axencia Tributaria non atende chamadas en galego, catalán e valenciano
O grupo Konecta, adxudicatario do servizo de cita previa telefónica da Axencia Tributaria, está a incumprir o seu contrato ao non atender chamadas en galego, catalán e valenciano, malia que o prego de condicións obriga a esta empresa a facelo.
Fonte: El Diario.es
O Concello de Onda recibe máis de 15 000 euros para o fomento do valenciano
O Concello de Onda percibiu 15 164,84 euros da Consellería de Educación, Investigación, Cultura e Deporte para a promoción do valenciano na localidade. A subvención aumentou un 20 % respecto ano anterior.
Fonte: El Periodic.com
O Tribunal Superior de Xustiza de Navarra avala o éuscaro como requisito para o funcionariado se a súa necesidade está xustificada
O Tribunal Superior de Xustiza di que o éuscaro é a lingua propia de Navarra e que a administración pode asignar a determinados postos do seu cadro de persoal o perfil de éuscaro como requisito cando está xustificado.
Fonte: Diario de Navarra
Nace a Guía CatNord que permite localizar establecementos onde se atende en catalán
A Guía CatNord é un sitio web onde localizar establecementos para ser atendido en catalán. O obxectivo é difundir o seu uso social no ámbito comercial e ampliar os espazos de socialización nesta lingua.
Fonte: El Nacional
Os concellos de Candamo e Grado ampliarán os cursos de asturiano debido á elevada demanda
En Candamo organizarán un curso de asturiano básico e en Grado haberá un curso de nivel básico e outro avanzado. Ofertaranse un máximo de 25 prazas para cada curso, que se desenvolverán de outubro a novembro.
Fonte: La Nueva España
O Concello de Eivisa aproba unha moción para que televisións e radios doutras comunidades de fala catalá cheguen ao arquipélago
Con esta moción aprobada no Concello de Eivisa solicítase que as televisións e as radios doutras comunidades autónomas de fala catalá poidan verse e escoitarse no arquipélago balear e viceversa, de cara a desenvolver un espazo comunitario nesta lingua.
Fonte: Noudiari.es
O Goberno de Aragón regula a certificación do coñecemento do aragonés segundo o marco común europeo de referencia para as linguas
A Dirección Xeral de Política Lingüística publica unha orde para obter os certificados dos niveis A2, B1 e B2 de comunicación e competencia do aragonés, de maneira que, por primeira vez, se regulará o coñecemento deste idioma segundo o marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL).
Fonte: Aragón Hoy
A Generalitat de Cataluña fará un estudo dos usos da lingua catalá no sector comercial
O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña e o Consorcio para a Normalización Lingüística, a través do programa Ofercat, analizarán os usos lingüísticos de 4600 establecementos comerciais en varias cidades catalás.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín