España

A Asemblea de Estremadura estuda traducir o contido da súa web á lingua de signos

O presidente da Asemblea de Estremadura, Juan Ramón Ferreira Díaz, recibiu a visita da responsable da Asociación Regional Bilingüe de Personas Sordas, REBIPES, María Ángeles Durán Luján, para estudar a posibilidade de chegar a un acordo de colaboración co que se pretende facilitarlles ás persoas xordas o acceso á información recollida na web do Parlamento estremeño.

Fonte: Extremadura 24 Horas

Portugal e España promoverán as linguas ibéricas

Portugal e España comprometéronse, no Cumio Ibérico, a avanzar co ensino do portugués en España e do español en Portugal. Segundo a Agência Lusa, os xefes de Estado cualificaron este proceso como de grande importancia.

Fonte: TVI

Un libro analiza a presenza do éuscaro na prensa desde o século XVIII a 1945

A Viceconsellería de Política Lingüística segue adiante con Euskara Mintzagai, unha colección de libros que ten como obxectivo afondar no coñecemento do éuscaro a través da análise da súa presenza en ámbitos distintos: desde a literatura á toponimia, pasando pola diáspora vasca. Tras publicar os dous primeiros números, Euskararen geografía historikoa (Xeografía histórica do éuscaro) e Ahozko hitzetatik idatzietara (Da palabra oral á escrita), agora pon en circulación Euskal Herriko prentsa XVIII. mendetik 1945era (A prensa vasca desde o século XVIII ata 1945) e Euskara eta euskalkiak (O éuscaro e os dialectos).

Fonte: El País

Piden o uso do asturiano como lingua propia da Universidade de Oviedo

A primeira reunión da Comisión de Estatutos da Universidade de Oviedo supuxo a presentación de varias emendas, en concreto, 106, aos estatutos actuais, con vistas á súa obrigada modificación. Entre elas, non poucas sorpresas, como a proposta de emenda para o «uso do asturiano como lingua propia da Universidade de Oviedo, que debe ser empregada en igualdade de condicións e garantíndose a non discriminación», presentada por un grupo de claustrais entre os que figura a profesora Paz Andrés, principal referencia da oposición universitaria.

Fonte: La Nueva España

Máis de 6000 firmas rexeitan que o catalán sexa «lingua propia» de Aragón

A Plataforma «No Hablamos Catalán» (NHC), integrada por máis de corenta entidades políticas, sociais e culturais de Aragón, Valencia e Baleares, leva recollidas máis de 6000 firmas en contra de que o catalán sexa considerado «lingua propia» en Aragón.

Fonte: ABC

O ex presidente Pujol e o escritor Quim Monzó alertan da deterioración no uso do catalán

O escritor Quim Monzó alertou de que a lingua catalá vai camiño de converterse nun dialecto do castelán, mentres que o ex presidente da Generalitat Jordi Pujol fixo un chamamento aos catalanfalantes a "responsabilizarse cada un da defensa da lingua".

Fonte: La Vanguardia

O síndic d'Aran pide que a Lei de educación catalá recoñeza o aranés como lingua vehicular

O síndic d'Aran, Francès Boya, presentou no Parlamento de Cataluña as emendas que o Conselh General d'Aran preparou para reclamar que a futura Lei de educación de Cataluña, que actualmente está en proceso de debate, recoñeza o aranés como lingua vehicular da escola.

Fonte: Avui

ERC denuncia que o Goberno español incumpre acordos coa UE en materia lingüística

O secretario de Política Lingüística catalán, Bernat Joan, acusou o Goberno central de incumprir os acordos alcanzados coa Unión Europea sobre pluralidade lingüística, que recoñecen o dereito de cataláns, vascos e galegos a ser atendidos na súa propia lingua.

Fonte:

Os gobernos vasco e navarro presentan un acordo en materia de política lingüística

Os máximos responsables de política lingüística do Goberno vasco e do Goberno de Navarra celebran unha reunión na sede do executivo foral, en Pamplona. Na rolda de prensa que ofrecerán posteriormente, Miren Azkarate, conselleira de Cultura do Goberno vasco, Carlos Pérez Nievas, conselleiro de Educación do Goberno de Navarra, Patxi Baztarrika, viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco e Xabier Azanza, director de Euskarabidea, Instituto Navarro del Vascuence, presentarán o acordo de colaboración en materia de política lingüística ao que chegaron ambos os gobernos.

Fonte: Deia

O Club Baloncesto Siero estrea unha campaña de promoción da lingua asturiana

O Club Baloncesto Siero será o primeiro protagonista dunha campaña de promoción da lingua asturiana no deporte, que promove o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Siero, e que conta cunha subvención de 1.500 euros da Consellería de Cultura e Turismo.

Fonte: El Comercio Digital

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder