España
A Xustiza obriga a Deputación de Castelló a publicar anuncios en valenciano sen esixir a versión en castelán
O Tribunal Superior de Xustiza(TSJ) da Comunidade Valenciana dálle a razón a Acción Cultural do País Valenciano e obriga a Deputación de Castelló a aceptar e publicar no Boletín Oficial da Provincia os anuncios redactados en valenciano sen necesidade de achegar unha versión en castelán.
Fonte: Levante-EMV
A Asociación de Industrias da Lingua do País Vasco, LANGUNE, preséntase en Europa
A intervención da Asociación LANGUNE no I Foro Europeo da Industria da Lingua é resultado do recoñecemento que as industrias europeas están dando á industria da lingua de Euskadi, converténdose en boa práctica europea.
Fonte: Europa Press
Un servizo de lingua de signos facilitará os trámites e xestións no Concello de Madrid
Un servizo de lingua de signos facilitará os trámites e xestións no Concello da capital grazas ao acordo subscrito entre a delegada de Familia e Servizos Sociais, Dolores Navarro, e a presidenta da Federación de Persoas Xordas da Comunidade de Madrid (FerSorCam), Rosa González Álvarez.
Fonte: Europa Press
Só un 7 % dos pais da escola pública de Baleares escolle o castelán como lingua de primeiro ensino
Só un 7 % dos pais e nais da escola pública escolle o castelán como lingua de primeiro ensino para os seus fillos, fronte ao 78,3 % que optou polo catalán, segundo a media da mostra de máis de 100 centros de Baleares.
Fonte: Europa Press
Segundo o estudo Ofercat, Olot é a cidade de Cataluña con máis oferta en catalán e Santa Coloma a que ten menos
Olot é a cidade de Cataluña cunha maior oferta en catalán, cun índice de oitenta puntos sobre cen, mentres que Santa Coloma de Gramenet é a que ten menos, aínda que supera os 51 puntos, segundo o estudo Ofercat.
Fonte: ABC
A rede Zineuskadi potenciará o cine europeo e en éuscaro
A rede de salas municipais e de proximidade de Euskadi, Zineuskadi, integra un total de 15 cines este ano, nos que se pretende ofrecer “alternativas atractivas para incrementar a circulación do cine europeo de calidade, potenciar a versión orixinal e ofrecer o mellor cine en éuscaro.
Fonte: Deia
Catro sentenzas obrigan o Goberno catalán a escolarizar en castelán a catro nenos
As sentenzas consideran que as catro familias demandantes teñen dereito a que os seus fillos reciban a educación tamén en castelán, polo que a Administración ten que adoptar as medidas necesarias para garantilo e basea a súa decisión nas sentenzas do Tribunal Supremo sobre a materia.
Fonte: La Razón
A Consellería valenciana de Educación pedirá a opinión das familias sobre o modelo lingüístico para os seus fillos
A Consellería de Educación, Formación e Emprego pedirá por primeira vez, centro a centro, a opinión das familias sobre o modelo lingüístico que queren para os seus fillos, dentro do novo plan de plurilingüismo que porá en marcha o próximo curso, en todos os centros públicos e privados concertados que o soliciten.
Fonte: El Mundo
A valedora do Pobo de Barcelona só recibiu dez queixas desde 2006 pola lingua usada no Concello
A síndica de Greuges (valedora do Pobo) de Barcelona, María Assumpció Vilá, informou de que desde 2006 recibira só dez reclamacións polo uso do catalán ou o castelán no Concello, o que “amosa que non supón un problema” na relación entre o consistorio e os cidadáns.
Fonte: Europa Press
Un grupo de mallorquinos de adopción asina un manifesto a favor da lingua catalá
Unha vintena de mallorquinos de adopción asinaron un manifesto a favor da lingua propia das Illas Baleares, e presentaron o escrito no rexistro de entrada do Parlamento, dirixido a todos os grupos políticos.
Fonte: Mallorca Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín