España
O Goberno de Cataluña estudará o uso social do catalán no municipio de Alguer
O Goberno catalán aprobou a subscrición dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura da Generalitat e o Municipio de Alguer para levar a cabo unha enquisa sobre o uso social do catalán neste territorio.
Fonte: El Periódico
Os pais deberán votar este curso a lingua de ensino de Infantil na Comunidade Valenciana
A Consellería convocará este curso a primeira consulta ás familias para que decidan que lingua de ensino queren para os seus fillos: castelán ou valenciano. Cumprirá así cun dos artigos do decreto de plurilingüismo de 2012, que introduciu a novidade da votación «sobre a preferencia do programa que se deberá realizar en cada centro aos pais».
Fonte: El Mundo
O Concello navarro de Estella concede axudas por 3744 euros para a aprendizaxe do éuscaro
O Concello de Estella concedeu, a través da comisión municipal de Cultura, axudas a veciños da cidade para a aprendizaxe de éuscaro por un total de 3744 euros e cun máximo de 250 por solicitude. As subvencións cobren tanto a formación en cursos extensivos como intensivos.
Fonte: Diario de Navarra
Euskadi incorpora máis de 10 000 novos falantes de éuscaro cada ano
Nos últimos 30 anos o éuscaro gañou 318 000 falantes, máis de 10 000 ao ano, fronte ao descenso de 400 000 falantes monolingües de castelán. Estas cifras evidencian un avance notable do bilingüismo e do coñecemento do éuscaro, pero o Goberno vasco quere máis.
Fonte: Noticias de Álava
A lingua española xera o 15 % do produto interior bruto en España
O idioma español representa en torno ao 15 % do produto interior bruto (PIB) e do emprego en España, o que significa que a lingua castelá achega o equivalente a 150 000 millóns de euros a España.
Fonte: La Información
Varios partidos políticos rexistran no Parlamento de Navarra a modificación da Lei do éuscaro
Os grupos parlamentarios de PSN, Esquerda-Ezkerra e Geroa Bai rexistraron no Parlamento a proposición de lei de modificación da Lei do éuscaro e que recolle que se atenda o ensino en éuscaro tamén na zona non vascófona de Navarra “en función da demanda”.
Fonte: Noticias de Navarra
Anuncian os gañadores do premio CCC á mellor iniciativa lingüística no sector comercial de Cataluña
O Gremio de Empresarios carniceiros e chacineiros, Gesa Maior e Goly Creations de Vic son os gañadores da XI edición do Premio CCC á mellor iniciativa lingüística no sector comercial. Este galardón, que ten como finalidade recoñecer o esforzo que fan as entidades, empresas e asociacións dos sectores do comercio, os servizos e do turismo para promover o uso do catalán, conta co apoio da Generalitat de Cataluña, a través dos departamentos de Empresa e Emprego, de Cultura (Dirección Xeral de Política Lingüística) e de Benestar Social e Familia (Dirección Xeral para a inmigración).
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Goberno eivisenco subvenciona o uso do catalán nas empresas
O Goberno de Eivisa, a través do seu Departamento de Educación, Cultura e Patrimonio, abriu unha liña de subvencións para o fomento do uso da lingua catalá nos ámbitos do comercio, a restauración, a industria e os servizos de actuacións levadas a cabo durante o ano 2014. Cóntase cunha partida total de 9000 euros para este fin.
Fonte: Diario de Ibiza
A Real Academia Española mantén o valenciano como dialecto do catalán no novo dicionario
A Real Academia Española alíñase coa Academia Valenciana da Lingua e non rectifica coa definición do valenciano. A edición en formato papel do dicionario da RAE chegou ás librerías da provincia de Castellón e mantén que é unha variante do catalán.
Fonte: El Periódico Mediterráneo
O Goberno vasco duplicará o orzamento para éuscaro na Ertzaintza
O Goberno vasco duplicará o orzamento destinado á promoción do éuscaro na Ertzaintza, que o próximo ano ascenderá a un millón de euros, co obxectivo de incrementar o número de axentes que coñecen a lingua vasca, que na actualidade apenas supoñen o 37,6 por cento do persoal, fixado en 8000 membros.
Fonte: Deia
Boletín
Subscríbase ao boletín