España
O Goberno vasco aumentará un 2,3 % máis o orzamento para apoiar o éuscaro
O Goberno vasco aumentará o próximo ano 2015 un 2,3 % os recursos destinados a financiar distintos plans e iniciativas de promoción do éuscaro ata acadar un total de 48,2 millóns de euros fronte aos 47,2 millóns de euros das contas do presente exercicio. Destaca o aumento do 25 % das axudas aos alumnos dos euskaltegis.
Fonte: El País
O Parlamento vasco pide analizar as axudas aos medios en éuscaro
O Parlamento vasco pediulle ao Goberno de Iñigo Urkullu que analice as “medidas necesarias” para que os medios de comunicación en éuscaro dispoñan das condicións necesarias para a súa continuidade polo seu “carácter fundamental” para a normalización lingüística.
Fonte: EITB
O Pleno do Parlamento aproba proporlle ao Congreso que o catalán sexa un requisito para os xuíces e fiscais de Cataluña
A proposición ten como finalidade facer que a oficialidade do catalán na Administración de Xustiza sexa plenamente efectiva. Desta maneira daríase cumprimento non só á lexislación vixente senón tamén ás recomendacións do Consello de Ministros do Consello de Europa sobre a aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Un galego resulta premiado por un ensaio en asturiano sobre linguas minoritarias
Damián Barreiro Maceiras, xornalista da Estrada, de nai asturiana e pai galego, acaba de gañar o Premio Máximo Fuertes Acevedo de ensaio pola súa obra Caleya Sésamu: el papel de la televisión na tresmisión interxeneracional da llingua, que presentou baixo o pseudónimo Son Goku.
Fonte: Galicia Confidencial
A Eurorrexión Pireneos Mediterráneo incorpora o occitano como lingua oficial
Na última asemblea da Eurorrexión, celebrada en Mallorca, aprobouse a modificación dos estatutos que incorporan a lingua occitana como lingua oficial, xunto ao catalán, o francés e o castelán. Desta forma, o occitano dá un novo paso importante de proxección internacional e recoñecemento ao incorporarse de pleno dereito como lingua oficial no organismo de cooperación eurorrexional, no que xa era obxecto de consideración nas liñas impulsadas de programas de cooperación cultural.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Lanzan Petiteses, o primeiro DVD infantil en valenciano
Petiteses é o primeiro DVD infantil en valenciano do mercado. Un proxecto lúdico e didáctico que contén 10 vídeos musicais e un conto. Desde un rap, ata unha nana, pasando por cancións populares, sen deixar de lado elementos tradicionais e a utilización de instrumentos antigos ou reciclados.
Fonte: El Diario
A Universidade Pompeu Fabra crea unha cátedra para fomentar o catalán no ámbito académico
A Universidade Pompeu Fabra (UPF) creou a cátedra Pomepu Fabra para explicitar o seu “compromiso coa catalanidade” e darlles visibilidade ás actividades sobre promoción de lingua e cultura catalás que se realizan na investigación e a docencia da universidade.
Fonte: Europa Press
O Concello de Faura asina un convenio para promover os filmes en valenciano
O alcalde de Faura, Toni Gaspar, e o presidente de Escola Valenciana, Federación de Asociacións pola Lingua, Vicente Moreno, estamparon a súa sinatura nun convenio de colaboración para que o municipio de Les Valls poña en marcha a campaña de Cinema na Escola para proxectar películas en valenciano.
Fonte: Levante-emv
O Tribunal Supremo ratifica o catalán como lingua de uso normal nas escolas
Que a Generalitat decrete que o catalán é lingua vehicular na educación, a administración e as comunicacións dentro dos centros educativos de Cataluña non vulnera o carácter oficial e vehicular do castelán. Esta é a conclusión á que chegou o Tribunal Supremo nunha sentenza.
Fonte: El País
Anulan a valoración do éuscaro nun concurso oposición da Universidade Pública de Navarra
A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra estimou un recurso presentado por UXT contra un concurso oposición promovido pola UPNA, que foi anulado no relativo á valoración do mérito de coñecemento do éuscaro.
Fonte: Diario de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín