España
Varias familias valencianas piden axudas por non poder matricular os seus fillos en castelán en colexios públicos
Desde a Consellería de Educación xa se puxeron a traballar nos informes das 25 familias valencianas que solicitan cobrar unha axuda compensatoria por non poder matricular os seus fillos nun centro educativo (público ou concertado) con liña en castelán. Segundo a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa, estas familias teñen dereito a cobrar a axuda.
Fonte: Gente Valencia
Aproban o novo Plan de acción para a promoción do éuscaro entre 2014 e 2017 en Legazpi
«Con este plan impulsaremos o éuscaro en distintos ámbitos de traballo: a transmisión na familia, o ensino, a euscaldunización e alfabetización, administración, aspecto socioeconómico, deporte e tempo libre, cultura, publicidade, comunicación, sensibilización e motivación, proxección interna. En cada ámbito márcanse un obxectivos e cada ano elabórase un plan de traballo que vai xunto aos orzamentos. Levando a cabo distintas actividades, vanse conseguindo os obxectivos», explicou a concelleira Sagrario Etxabe.
Fonte: Diario Vasco
O Parlamento de Navarra tramita a proposta para estender o ensino en éuscaro á zona non vascófona
O pleno do Parlamento de Navarra aprobou a toma en consideración da proposición de lei presentada polo PSN, Esquerda-Exkerra e Geroa Bai para modificar a Lei do éuscaro co fin de atender o ensino nesta lingua tamén na zona non vascófona en función da demanda.
Fonte: El Diario
Recorren a sinalización de Guipúscoa por incumprir a lei do éuscaro
O delegado do Goberno no País Vasco, Carlos Urquijo, anunciou a interposición dun recurso contra a decisión da Deputación de Guipúscoa de colocar sinais na rede viaria co rótulo “Euskal Herria. Basque Country” porque “incumpre” a Lei de normalización do éuscaro.
Fonte: ABC
A Academia Valenciana da Lingua reclama medios públicos en valenciano
A Academia Valenciana da Lingua reclamou, coincidindo co aniversario do peche de Radiotelevisión Valenciana, medios públicos “en valenciano e de calidade” e mostrou a súa solidariedade cos traballadores que perderon os seus postos de traballo e coas empresas do sector audiovisual que se viron afectadas ou desapareceron.
Fonte: 20 minutos
A Asociación Vuit d’Agost denuncia o retroceso do catalán no ámbito do comercio en Baleares
O catalán sufriu un importante retroceso no ámbito do comercio, segundo denunciou a Asociación Vuit d’Agost, responsable da organización do Correllengua, unha iniciativa que cumpriu dez anos. «A Lei do comercio que elaborou o Goberno esquece a necesidade de garantir a atención en lingua catalá aos comercios das nosas illas, que queda completamente desatendida», denuncia o manifesto.
Fonte: Diario de Ibiza
A Universidade de Valencia crea unha aplicación para aprender lingua de signos no móbil
A Universidade de Valencia creou a primeira aplicación de linguaxe de signos para móbil, SIGNA UNI, a través da Unidade para a Integración de Persoas con Discapacidade e coa colaboración de Fundación Vodafone, segundo anunciaron nun comunicado fontes da universidade.
Fonte: La Vanguardia
As institucións chaman a usar o éuscaro a diario e tamén en internet na celebración do Día do Éuscaro
As institucións vascas volcáronse na celebración do Día Internacional do Éuscaro e pedírolle á cidadanía que fale esta lingua “os 365 días ao ano” e que impulse a súa presenza en internet a través do dominio “.eus”.
Fonte: ABC
A conmemoración do Día do Éuscaro pasou practicamente desapercibida en Navarra
No marco das celebracións do Día de Navarra, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, día de San Francisco Xabier, chama a atención a escasa, por non dicir ningunha, relevancia que tivo o Día Internacional do Éuscaro. A excepción dun par de citas case testemuñais (unha organizada pola Fundación Orreaga e outra por Nabarralde) a conmemoración pasou desapercibida en Navarra, non así na Comunidade Autónoma Vasca.
Fonte: Noticias de Navarra
Os xuíces redactaron en catalán só o 12 % das sentenzas ditadas en 2013
Só un 12,4 % das sentenzas xudiciais ditadas no ano 2013 en Cataluña redactouse en catalán, segundo un informe do Consello da Avogacía Catalá, que amosa que segue caendo o uso desta lingua na Administración da Xustiza, pasando en nove anos do 20 ao 12 %.
Fonte: La Información
Boletín
Subscríbase ao boletín