España
A Universidade Pompeu Fabra pon en marcha un novo curso de docencia en lingua de signos catalá
A Universidade Pompeu Fabra presentou un curso formativo de docencia en lingua de signos catalá, que terá lugar durante o curso académico 2017-2018. O curso está dirixido a profesores en activo ou en formación e achegará contidos que afonden en competencias de análise lingüística.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco deixa sen validez cinco artigos do plan de éuscaro de Guipúscoa
A Deputación de Guipúscoa manifestou que apelará a resolución do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco que deixa sen efecto cinco artigos do Plan de normalización do uso do éuscaro (2013-2017) no ámbito de actuación da entidade foral e dos seus organismos autónomos.
Fonte: eitb.eus
O Goberno de Aragón aumenta o orzamento para promover o aragonés e o catalán nas escolas
O Goberno de Aragón dedicará un 70% máis do seu orzamento para promover a lingua aragonesa e catalá de Aragón nas escolas. En concreto, o programa "O aragonés na aula" sumarase aos programas Luzia Dueso e Jesús Moncada, relacionados co aragonés e o catalán, respectivamente.
Fonte: El Diario
O dominio .eus conta con máis de 18 000 páxinas web con contidos en éuscaro
O dominio .eus abriuse paso no eido dixital vascófono. En 2016, rexistráronse 6302 nomes, o que levou a acadar os obxectivos propostos. Esta cantidade (tendo en conta que no País Vasco hai 230 000 nomes de dominios e 18 317 páxinas con contidos en éuscaro) constitúe un importante logro.
Fonte: Noticias de Álava
Publícase unha versión en éuscaro do buscador Qwant
A normalización lingüística do éuscaro segue a progresar. Neste caso, deuse un paso adiante nun eido esencial para o avance de calquera comunidade moderna, xa que se incluíu o éuscaro no buscador europeo Qwant. Este feito reafirma o labor levado a cabo por diversas entidades e asociacións e achega un novo acceso ao mundo dixital para a cultura vascófona.
Fonte: Noticias de Álava
O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña finaliza o curso con resultados moi positivos
O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña finalizou o curso académico con resultados moi positivos, pois ofreceu case 2000 cursos presenciais e contou con máis de 40 000 persoas inscritas tanto na modalidade presencial como en liña. Do mesmo xeito, houbo 4000 parellas lingüísticas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Goberno vasco destina máis de 1,6 millóns de euros para que as empresas privadas financien plans de éuscaro
O Goberno do País Vasco aprobou un orzamento de máis de 1,6 millóns de euros para financiar plans de éuscaro nas empresas privadas da Comunidade a través do programa Lanhitz, que axudou a 441 entidades desde o ano 2004.
Fonte: ABC
A Consellería de Cultura de Cataluña achegará 300 000 euros para traducir obras literarias e ensaios á lingua catalá
A Consellería de Cultura de Cataluña achegará 300 000 euros a unha nova liña de axudas para traducir obras literarias e non literarias ao catalán. Segundo indicou o conselleiro Santi Vila, cómpre mencionar que se fará fincapé na tradución de ensaios.
Fonte: El Periódico
Un 90 % da cidadanía de Asturias quere que se imparta o asturiano nas escolas
Segundo os resultados da terceira enquisa sociolingüística de Asturias, que foron publicados pola Academia da Lingua Asturiana, un 90 % da cidadanía quere que se inclúa o asturiano nos plans de estudo das escolas da Comunidade.
Fonte: La Nueva España
Un novo programa impulsará o uso do aragonés e estenderá a súa riqueza
O Departamento de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de Aragón impulsou o programa "Agora polo aragonés", que está destinado a persoas, comercios, asociacións, empresas, profesionais e institucións para coñecer, aprender e estender o uso da lingua aragonesa.
Fonte: El Periódico de Aragón
Boletín
Subscríbase ao boletín