Galicia
Convocadas máis de 1000 prazas nos cursos preparatorios para obter os certificados de lingua galega

O plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia continúa a súa aposta por combinar a preparación presencial e en liña para chegar a calquera lugar facilitando, deste xeito, o acceso ao coñecemento do galego a todas aquelas persoas interesadas en preparar as probas que certifican a competencia nesta lingua.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O sector editorial en galego mellora as súas cifras no ano 2021

En 2021 o sector editorial incrementou a facturación en 600 000 euros con respecto ao exercicio anterior, dentro dun contexto moi estable. Este aumento veu acompañado dunha lixeira recuperación no número de títulos editados (769 en 2021 fronte aos 712 de 2020).
Fonte: Culturagalega.org
A Xunta completa a oferta formativa de autoaprendizaxe ilimitada e en liña coa posta en marcha do curso preparatorio do Celga 3

A Xunta de Galicia pon en marcha o novo curso de autoaprendizaxe en liña preparatorio do nivel Celga 3 de lingua galega. Así o anunciaron en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Universidade de Vigo convoca a segunda edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo abriu o prazo para participar na segunda edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco, un galardón que ten como obxectivo contribuír ao proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o uso do galego nos traballos de investigación xurídica entre o alumnado.
Fonte: Universidade de Vigo
Ortiga e Grande Amore protagonizan os concertos da quinta edición do Día dos Medios en Galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da programación do Día dos Medios en Galego, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Medios en Galego (Amega) co gallo da primeira publicación xornalística en lingua galega, O Tío Marcos d´a Portela, editada por Valentín Lamas Carvajal en 1876.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Un proxecto do Concello de Allariz preserva o seu patrimonio toponímico

Coa colaboración da plataforma Galicia Nomeada, as áreas de Igualdade e Cultura do Concello de Allariz impulsan “A Memoria das Aldeas”, que recolle a toponimia da zona para evitar que desaparezan os nomes das terras, regatos, penedos e fontes que só as persoas maiores recordan. Para acadar o seu obxectivo, o proxecto levarase a cabo en 12 asociacións veciñais ata o mes de maio.
Fonte: Galicia Confidencial
O festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxea a Rosalía de Castro ás dúas beiras do Miño

A 9ª edición do festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxeará a Rosalía de Castro nas localidades de Braga (Portugal), Ponteareas e Santiago de Compostela a través da música, da danza, do teatro, do cine, dos faladoiros, da poesía, das exposicións e das visitas guiadas.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O presidente do Parlamento galego reúnese co presidente da Asemblea Lexislativa de Portugal para amosarlle o interese de Galicia por afondar nas relacións coa lusofonía
O presidente do Parlamento de Galicia reuniuse en Lisboa co presidente da Asemblea Lexislativa da República de Portugal ao que lle trasladou o interese de Galicia por afondar nas relacións cos países e comunidades de lingua portuguesa.
Fonte: Parlamento de Galicia
Ponse en marcha unha campaña para reclamar o uso da toponimia oficial galega en navegadores e aplicacións de mapas
Esta iniciativa impulsada desde a rede, que xa sumou case 2400 sinaturas, busca que as compañías de servizos de xeolocalización e navegación sinalicen os nomes de lugar unicamente coas formas galegas, xa que son as únicas oficiais.
Fonte: Nós Diario
A Deputación de Pontevedra incrementa as contías das axudas dirixidas aos servizos de normalización lingüística locais

A partida destinada ás subvencións do ano 2023 para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística municipais na provincia de Pontevedra increméntase ata os 200 000 euros que se repartirán así: 35 000 euros para os municipios que impulsen novos departamentos e 25 000 para os que potencien os xa existentes.
Fonte: Deputación de Pontevedra
Boletín
Subscríbase ao boletín