Galicia
O Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo identifica máis de 2000 neoloxismos en galego no último ano

Segundo un informe do Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo, no último ano identificaron para o galego un total de 2144 novas palabras, extraídas dun corpus de análise constituído por varias publicacións en liña, o que demostra a vitalidade desta lingua, comparable á doutras como o español ou o portugués.
Fonte: Universidade de Vigo
A Deputación de Pontevedra publica a resolución das axudas para a promoción do galego na Administración local
A Deputación de Pontevedra publicou a resolución da convocatoria de axudas destinadas aos concellos e outras entidades locais da provincia para a creación ou o mantemento de servizos de normalización lingüística, ou o desenvolvemento de programas de dinamización do galego.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Danse a coñecer as persoas gañadoras do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal
Jessica Rodríguez Sánchez, Óscar Fernández Freire e Claudia Martínez Asenjoson son as persoas gañadoras dos tres primeiros premios, nas modalidades de adultos, xuvenil e infantil, do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal co obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade galegas no mundo dixital.
Fonte: Real Academia Galega
A Universidade de Santiago organiza unha nova edición do seu concurso de curtametraxes en galego

A Universidade de Santiago convoca a oitava edición do concurso ‘Somos a curta!’, enfocado cara ao cinema do real, co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no ámbito audiovisual. Poderá participar neste certame o alumnado das tres universidades galegas e o do bacharelato artístico e das diferentes escolas de Imaxe e Son de Galicia.
O Festival Cannes proxectará por primeira vez un filme en galego

O Festival de Cannes proxectará en competición na súa vindeira edición, que se celebrará entre os días 14 e 25 de maio, por vez primeira un filme galego e en galego, a obra O que arde do director Óliver Laxe.
Fonte: Faro de Vigo
Política Lingüística súmase en Portas á homenaxe a Domingo Fontán no 231º aniversario do seu nacemento
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Portas na homenaxe que a Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán lle rendeu, con motivo do 231º aniversario do seu nacemento, ao autor da Carta xeométrica de Galicia, o primeiro mapa moderno e elaborado con métodos matemáticos do noso territorio.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Santiago de Compostela e Ponferrada acollerán probas Celga o vindeiro mes de xuño

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten aberto ata o 25 de abril o prazo para matricularse nas probas para a obtención dos certificados de lingua galega que se celebrarán en Santiago de Compostela (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) e en Ponferrada (niveis 2, 3 e 4) o vindeiro mes de xuño.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
'Canta, miña pedra, canta' homenaxea a Fraguas no Carballiño e Mondoñedo nestes festivos

O FalaRedes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fará dúas paradas en Semana Santa coa actividade Canta, miña pedra, canta.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Ikea retira as versións en catalán e éuscaro da súa web mentres non poida incluír o galego
Ante a queixa dunha veciña de Oleiros por non poder consultar a web de Ikea en galego cando si existía versión en catalán e éuscaro, así como español e inglés, a multinacional sueca decidiu que, mentres non dispoñan da opción na lingua de Rosalía, retirarán temporalmente as opcións de vasco e catalán.
Fonte: La Voz de Galicia
A Universidade da Coruña convoca o XI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas de Fóra de Galicia

O XI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas de Fóra de Galicia, convocado pola Universidade da Coruña en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, consta de 80 horas lectivas e dous niveis de formación: elemental (A1-A2) e intermedio (B1-B2).
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín