Galicia

A Fundación Lois Peña Novo fai público o seu premio anual á extensión do uso da lingua galega

A Fundación Lois Peña Novo fixo público que o seu premio anual que recoñece a contribución á extensión social do uso da lingua galega lles será concedido ao Concello de Burela, polo seu Modelo Burela de normalización lingüística; ao académico Ramón Lorenzo e ao bufete de avogados Foro Avogado Lugo SCP.

Fonte: CTNL

Miles de persoas maniféstanse "polo dereito a vivir en galego"

O Día das Letras Galegas congregou a decenas de miles de persoas en Santiago de Compostela para reivindicar o seu "dereito a vivir en galego". A manifestación, convocada pola Plataforma Queremos Galego, marchou polas rúas da capital tras unha pancarta que rezaba "O galego, a forza do noso amor", unha cita do poeta Uxío Novoneyra, a quen estaba dedicado o día.

Fonte: El País

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Redondela crea unha web para coordinar proxectos escolares

A Coordinadora dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Redondela presentou o seu blog en internet que pretende ser un avance máis de cara á normalización da lingua galega no ámbito educativo e nas novas tecnoloxías.

Fonte: Faro de Vigo

O BNG pide garantir a "restitución" da onomástica en galego

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) impulsou unha iniciativa lexislativa no Parlamento autonómico co obxectivo de garantir por lei a posibilidade de "restituír" a onomástica na súa forma galega orixinal, así como que a información e rotulación de infraestruturas e servizos figuren, "polo menos, en galego".

Fonte: Faro de Vigo

O presidente da Xunta de Galicia propón un gran pacto pola lingua na súa intervención o Día das Letras Galegas

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas o pasado 17 de maio, o presidente da Xunta de Galicia fixo unha intervención na que propuxo un gran pacto pola lingua.

Fonte: Xunta de Galicia

Xurxo Souto recibe o premio Leixaprén 2010 de promoción da lingua galega

O músico, escritor e presentador Xurxo Souto recibiu o XI Premio Leixaprén polo seu compromiso co idioma galego. Este premio é outorgado desde o ano 2000 pola Coordinadora de Equipos de Normalización de varios centros educativos da zona de Noia, Rois, Lousame, Dodro, Muros e Outes.

Fonte: CTNL

Política Lingüística colabora coa Asociación de Escritores en Lingua Galega na promoción deste idioma

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) colaborarán na realización de diversas iniciativas de fomento do uso do galego. Farano a través do convenio asinado entre ambas as entidades, no que se prevé o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo difundir a lingua e a literatura galegas.

Fonte: Xunta de Galicia

Máis de 3.300 persoas optan a conseguir o Certificado de lingua galega nas primeiras probas Celga deste ano

As cidades da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo acolleron os primeiros exames de 2010 para obter o Celga, Certificado de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas.

Fonte: Xunta de Galicia

O diario dixital A Nosa Terra inaugura ANT Lingua, un espazo sobre dúbidas lingüísticas

O diario dixital A Nosa Terra inaugura ANT Lingua, un espazo sobre como mellorar a fala e escrita en galego baseado na participación dos usuarios e usuarias do xornal.

Fonte: CTNL

A Axencia Tributaria pon a disposición da cidadanía o manual práctico do imposto sobre a renda en lingua galega

A Axencia Tributaria vén de poñer a disposición da cidadanía, en colaboración coa Xunta de Galicia, a versión en galego do Manual práctico do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do exercicio 2009, un recurso que ten como obxectivo facilitarlles aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder