Mundo
Brasil é a maior esperanza para a promoción da lingua portuguesa
Segundo o diplomático Francisco Seixas da Costa, Brasil é o país que pode "ofrecer maior esperanza a respecto da promoción da lingua portuguesa" grazas á súa crecente consolidación no panorama mundial.
Fonte: Expresso
Cada vez máis nepaleses deciden aprender chinés
O coñecemento da lingua chinesa tense convertido nun factor primordial para que moitos cidadáns do Nepal poidan desenvolver a súa formación e o seu futuro profesional. Membros diplomáticos chineses afincados neste país gaban a iniciativa levada a cabo por algúns colectivos que están ensinando a lingua chinesa aos nepaleses.
Fonte: People's Daily Online
O bo dominio da lingua portuguesa é un factor diferencial cada vez máis importante para as empresas brasileiras
O bo dominio da lingua portuguesa, oral e escrito, é un elemento diferencial curricular cada vez máis valorizado nas empresas e nas relacións interpersoais, tanto polos propios brasileiros como estranxeiros que viven no Brasil.
Fonte: SEGS
O código electoral de Paraguai tradúcese á lingua guaraní
O código electoral paraguaio tradúcese á lingua guaraní e espérase que estea listo para os comicios xerais do próximo mes de abril, informou o Tribunal Superior de Xustiza Electoral de Paraguai.
Fonte: Prensa Latina
Un equipo de investigación dunha universidade hawaiana descobre unha lingua de signos indíxena
Un grupo de investigación do Departamento de Lingüística da Universidade de Hawai, en Manoa, confirmou a existencia dunha lingua de signos indíxena non documentada ata agora.
Fonte: Phys.org
Un informe revela que o vocabulario do alemán é cada vez máis variado e a gramática máis doada
O informe sobre a situación da lingua alemá (Bericht zur Lage der Deutschen Sprache) revela que nunca antes os alemáns dominaran tanto e escribiran tan ben a súa lingua como na actualidade. Coñecen de media 1,6 millóns de palabras máis que hai 100 anos. O vocabulario é máis variado e a gramática simplifícase cada vez máis.
Fonte: Tagesspiegel
Un especialista prevé que a lingua portuguesa acadará os 350 millóns de falantes a finais de século
A finais do século XXI, os oito países falantes de lingua portuguesa (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor Leste) terán unha poboación de 350 millóns de persoas, 100 millóns máis dos actuais 250 millóns (dos que máis de 190 millóns son brasileiros).
Fonte: Opera Mundi
O romanche cumpre tres cuartos de século como cuarta lingua nacional de Suíza
O único Estado oficialmente cuadrilingüe de Europa, Suíza, conmemorou estes últimos días o 75 aniversario da declaración do romanche como lingua nacional do país. Porén, esta declaración non comportou automaticamente a oficialidade do idioma que tivo que esperar ata o ano 1996.
Fonte: Nationalia
A oficina da lingua francesa no Quebec demanda a revitalización do francés
A oficina consultiva da lingua francesa do Quebec (Conseil Supérieur de la langue française, CSLF) declarou que o estado do francés na provincia canadense é delicado, especialmente na rexión de Montreal.
Fonte: CBC News
As escolas de fala uzbeca en Kirguizistán están desaparecendo
Antes do estalido da violencia étnica no sur de Kirguizistán en 2010, as escolas uzbecas deste país asiático xa case non recibían financiamento. Mais, nos últimos dous anos, o peche destas escolas non fixo máis que acelerarse.
Fonte: EURASIANET
Boletín
Subscríbase ao boletín